Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-12-03

O voluntariado revélase como ferramenta de aprendizaxe mutua nas X Xornadas de Cooperación

- Participantes no programa internacional Vacacións con Traballo compartiron a súa experiencia no evento organizado polo Fondo Galego de Cooperación.
- Representantes municipais de Cabo Verde defenderon a continuidade da colaboración e os sindicatos apostaron por fomentar o traballo en rede.

María López, Jorge Duarte e Ana Ferradáns compartiron a súa experiencia nas Vacacións con Traballo."As Vacacións con Traballo en Nicaragua marcaron un antes e un despois na miña vida". "A experiencia en Cabo Verde foi única no persoal e no profesional, recoméndoa ao 100%". Así definían dúas das participantes o seu paso polo programa de voluntariado internacional para persoal das deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. As técnicas María López e Ana Ferradáns compartiron as súas vivencias nas X Xornadas Anuais de Cooperación celebradas esta mañá en Pontevedra, na semana en que se conmemora o Día Internacional do Voluntariado, canda o arquitecto Jorge Duarte, que colaborou en Santiago de Cuba.

Baixo o título 'Vacacións con Traballo. Unha década de cooperación dende o local', o evento deu comezo cunha presentación a cargo de Juan González, presidente do Fondo Galego e alcalde do Concello de Nigrán, quen lembrou que a través da cooperación internacional "aprendemos as dúas partes". No mesmo senso se pronunciou a vicepresidenta e edil en Redondela, Teresa París, mentres que a tesoureira do Fondo Galego e concelleira pontevedresa, Carme Fouces, chamou a que máis administracións locais e provinciais se unan á asociación.

A cita contou coa presenza de dous convidados chegados desde Cabo Verde: José Belmiro Fonseca, concelleiro da Cámara Municipal de Santa Cruz, e mais Manuel Monteiro de Pina, alcalde de Ribeira Grande de presidente da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos. O primeiro destacou tanto o proxecto de rego gota a gota que o Fondo Galego financiou para fomentar a agricultura no seu municipio como a asistencia técnica prestada polas persoas que acolleron no marco das Vacacións con Traballo. O segundo amosouse gratamente sorprendido pola accesibilidade da cidade de Pontevedra e apostou por darlle continuidade á parcería desenvolvida co Fondo Galego nos últimos anos en sectores como xénero, urbanismo ou xestión financeira, pero tamén ao programa de voluntariado internacional "onde todo o mundo gaña", de xeito que "a cooperación sobrepasa as esferas institucionais para chegar á sociedade civil, ás familias e ás persoas".
 

A Executiva do Fondo Galego inaugurou as xornadas.

Tamén na mesa conformada por representantes sindicais se abordaron fórmulas para a implicación e participación da administración local en proxectos de cooperación ao desenvolvemento. O secretario nacional de Comunicación da CIG-Administración Pública, Xosé Carlos Crespo, avogou por que as centrais animen aos empregados públicos a participar nos programas de voluntariado internacional. Tamén Ángel Gil, da Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSI-F), insistiu en que o asociacionismo e o traballo en rede son clave para unha mellor xestión da cooperación internacional desde o local.

Os relatorios pecháronse coa descrición do programa Voluntari@s Expert@s por parte de Nuria Morán, técnica do Fondo Extremeño Local de Cooperación para el Desarrollo (Felcode). No entanto, as X Xornadas Anuais de Cooperación culminaron coa inauguración da exposición fotográfica 'Nicaragua: o futuro' realizada polo mozo vigués Felipe Carnotto como gañador da segunda edición do certame Imaxes con Fondo. Ao longo da mañá tamén houbo oco para degustar produtos de comercio xusto da man da ONGD Amarante e para emocionarse cos 'Contos coas mans abertas' da compañía A Tropa de Trapo.

As X Xornais Anuais de Cooperación contaron coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Universidade de Vigo, así como con apoio económico da Xunta de Galicia. Na rede social Twitter pódese atopar un resumo dos debates co hashtag #XornadasFondo15.