Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2011-12-15

Oímbra, o exemplo solidario dun pequeno Concello do interior

Unha delegación do Fondo Galego e do Fons Catalá explicou hoxe os avances do proxecto en Haití nos Concellos de Allariz, Oímbra e Redondela. Tamén visitaron Cambre e mañá ofreceráselles unha recepción institucional en Vigo.

Técnicas do Fons Catalá e do Fondo Galego, canda o alcalde e integrantes do equipo de goberno de Oímbra.Oímbra é un dos Concellos que a comezos deste ano deu exemplo de solidariedade ao realizar a súa doazón á conta de emerxencia aberta polo Fondo Galego de Cooperación tras o terremoto de Haití. O veterano alcalde da vila, Alfonso Villarino, recibiu este mediodía na Casa Consistorial unha delegación do Fondo Galego e do Fons Catalá, que informou a varios integrantes do equipo de Goberno sobre a marcha do proxecto en terreo.

A iniciativa do rexedor, todos os membros da Corporación Municipal acordaran no seu día ceder para a causa o importe bruto das asignacións que lles correspondían por unha das sesións plenarias que celebran cada dous meses. En total, 1.097 euros que se sumaron ás achegas doutras entidades locais e cidadáns particulares ata sumar un total de 171.192 euros. Pese a tratarse dun municipio de pouco máis de 2.000 habitantes e cunha poboación envellecida, que tamén se reflicte no Pleno da Corporación, este Concello do interior ourensán apostou por contribuír co seu gran de area ao desenvolvemento do país centroamericano.Victòria Planas, Francisco García e Pilar Gallego, polas rúas de Allariz.

As e os representantes de ambos os dous Fondos tamén visitaron durante a mañá o Concello de Allariz, que ingresou 2.000 euros na conta de emerxencia. A técnica que vén de supervisar o proxecto conxunto en Haití, Victòria Planas, foi recibida no Fogar do Maior pola concelleira Pilar Gallego, integrante da Comisión Executiva do Fondo Galego, e por un grupo de persoas maiores que se amosaron moi interesadas polos avances na iniciativa. Tamén o alcalde, Francisco García, ofreceu unha recepción institucional á comitiva, que aínda tivo oportunidade de coñecer o casco histórico, declarado Conxunto Histórico Artístico.

Victòria Planas, Javier Bas e Teresa París, en Redondela.A xornada rematou no Concello de Redondela, que doou outros 2.000 euros tras o terremoto. A concelleira redondelá e presidenta do Fondo Galego, Teresa París, e mais o alcalde, Javier Bas, fixéronlle entrega ás técnicas catalás dun agasallo en lembranza do seu paso pola vila. A continuación, Victòria Planas impartiu unha conferencia no multiusos de Chapela.Victòria Planas, á esquerda, ofreceu unha conferencia en Cambre.

A responsable de proxectos de Centroamérica, México e Caribe no Fons Català xa dera onte outra charla no Concello de Cambre, onde tamén se lle ofreceu unha recepción institucional. O municipio contribuíra con 32.647 euros á conta de emerxencia para a recuperación de Haití. O percorrido polas entidades socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pecharase mañá venres no Concello de Vigo, que achegou ao proxecto 23.000 euros e ten comprometidos outros 54.000 euros.

Oímbra, o exemplo solidario dun pequeno Concello do interior