Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-04-07

Persoal da radio salvadoreña apoiada polo Fondo e Agareso visita Pontevedra e Redondela

- Dúas mozas e un mozo da emisora concienciaron no IES Frei Martín Sarmiento e no IES Mendiño sobre outras realidades e sobre a importancia da participación.
- As entidades galegas colaboran nun proxecto para formar na prevención de riscos perante os  desastres naturais no país centroamericano.

A concelleira Carme Fouces recibiu a comitiva salvadoreña en Pontevedra. FOTO: Javier Cervera (Agareso)Dúas reporteiras e un reporteiro dunha emisora comunitaria de El Salvador deron a coñecer este luns en centros educativos de Redondela e Pontevedra o proxecto financiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que ambos os dous concellos forman parte, á Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). A través desta iniciativa trabállase con alumnado da rexión salvadoreña do Bajo Lempa e cos comités de protección civil para previr e reducir a vulnerabilidade perante o risco de inundacións nos municipios de Tecoluca e Zacatecoluca, amplificando os resultados das formacións e a capacidade de reacción da poboación a través de Radio Tehuacán.

Yasmin Pineda, directora da emisora, xunto con José Manuel Rodríguez, encargado de programación, e Iris Mijango, unha das voluntarias máis activas, conversaron con alumnado do 1º curso de Secundaria no IES Mendiño de Redondela, concello que exerce a Presidencia do Fondo Galego. Logo desprazáronse a Pontevedra para intervir no IES Frei Martín Sarmiento, diante de 120 estudantes de 3º e 4º da ESO.

Alumnado de Redondela achegouse de primeira man á participación comunitaria en El Salvador.

A comitiva de El Salvador achegoulles ás rapazas e rapaces a realidade centroamericana, concienciándoos sobre a importancia da participación comunitaria e de ter un discurso propio sobre as problemáticas que afectan á nosa contorna.

No marco do proxecto promovido por Agareso e o Fondo Galego, en colaboración coa ONGD local Cordes, estanse a desenvolver nestes intres en El Salvador diversos obradoiros de sensibilización ambiental, que levan aparellada a entrega de materiais de prevención. Ao tempo, cada semana emítese en Radio Tehuacán o espazo 'En contacto coa natureza' para concienciar sobre a necesidade de respectar o medio para evitar as graves consecuencias das catástrofes naturais que cada ano afectan a zona.