Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2012-12-19

Persoal das Administracións socias avalía as accións do Fondo no Día da Solidariedade

- A Rede Municipalista Solidaria integrada por técnicas e técnicos dos Concellos e Deputacións adheridas reúnese mañá xoves en Santiago de Compostela.
- Na xuntanza revisaranse os proxectos de cooperación nos países do Sur e as actividades de sensibilización que se realizarán en Galicia ao longo de 2013.

O Fondo convoca unha nova xuntanza conxunta da RMS.O Fondo Galego de Cooperación celebra mañá xoves en Santiago de Compostela unha nova xuntanza da Rede Municipalista Solidaria, coincidindo co Día Internacional da Solidariedade Humana. Á cita está chamado o persoal técnico delegado da entidade nos 92 Concellos e as dúas Deputacións socias, mais tamén foron convidados os representantes políticos. A reunión servirá para avaliar a intensa actividade realizada ao longo do ano que remata, no que se conmemorou o 15º aniversario do Fondo Galego,  e debater as ideas de traballo para 2013.

No encontro, que terá lugar ás 12.30 horas na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias, exporanse os avances nos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que o Fondo está a apoiar en Nicaragua, Honduras, Cuba e India. Ao tempo, debateranse as actividades de sensibilización que se ofertarán durante o novo ano, xa que é precisamente o persoal das Administracións socias quen se encarga de implementalas. Estas propostas abranguen desde exposicións e ciclos de cine ata contacontos e obradoiros de radio.

As xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria coa Secretaría do Fondo Galego de Cooperación celébranse cada seis meses co obxectivo de render contas e favorecer un contacto directo que garanta correcto funcionamento da asociación. O intercambio de ideas e opinións que se xera permite unha boa circulación da información, a comunicación e a transparencia, imprescindibles para realizar un traballo eficaz.