Aviso:

[Pechar}


Redondela 2012-04-17

Persoal de Concellos e Deputacións cooperará en países do Sur a través das Vacacións con Traballo

- Cabo Verde, Nicaragua e Cuba son os destinos ofertados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no seu programa de voluntariado internacional

- A convocatoria presentouse esta mañá en Redondela canda a publicación que recolle as experiencias das catro persoas participantes na anterior edición

Diego Sánchez, Cristina Moreiras, Daniel González, Teresa París e Joaquín Lede, na presentación de Vacacións con Traballo 2012.Catro técnicas e técnicos das Deputacións e Concellos socios do Fondo Galego de Cooperación pasarán un mes colaborando cos parceiros da entidade en Cabo Verde, Nicaragua e Cuba. A sétima edición do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo presentouse esta mañá canda o caderno de experiencias de 2011 no Concello de Redondela, onde o alcalde, Javier Bas, foi o encargado de dar a benvida aos presentes.

A concelleira de Servizos Sociais, Muller e Ensino, e presidenta do Fondo Galego de Cooperación, Teresa París explicou que a publicación 'Experiencias solidarias 2011' recolle as vivencias dos catro participantes do ano pasado que compartiron o seu traballo diario no Sur, e animou a todas as empregadas e empregados das administracións locais galegas con interese polo voluntariado a inscribirse na convocatoria actual. Pola súa banda, o secretario técnico do Fondo Galego, Daniel González, explicou que as e os participantes “sacrifican as súas vacacións para facer unha cooperación técnica, pero máis importante se cadra é o labor de sensibilización que fan cando volven e contan o que viviron” sobre o terreo.

O acto contou coa presenza de tres dos voluntarios da anterior edición de Vacacións con Traballo, que viaxaron a Cabo Verde e Nicaragua. Segundo Joaquín Lede, técnico da Deputación de Pontevedra que cooperou coa Cámara Municipal do Porto Novo na busca de financiamento, a experiencia “enriquece moito no persoal e no profesional, as concepcións previas cambian ao chegar, pensamos que lles imos ensinar moito pero é ao contrario, nós aprendemos dos seus valores”.

Cristina Moreiras, técnica do Concello de Ourense, que estivo colaborando co departamento ambiental na Cámara Municipal de Paúl, salientou que “non teñen moitos medios porque os recursos son escasos, pero non por iso deixan de facer unhas campañas sensacionais agudizando o enxeño”. Tamén Diego Sánchez, ex técnico do Concello de Castrelo de Miño que viaxou a Nicaragua, valorou as Vacacións con Traballo como “unha experiencia totalmente recomendable para calquera persoa con inquedanzas por coñecer novas xentes e lugares a través deste programa, no que o Fondo Galego ofrece todas as facilidades”.

En 2012, Vacacións con Traballo volve ofertar dúas prazas en Cabo Verde, para cooperar coas Cámaras Municipais do Paúl e da Ribeira Grande. No primeiro caso, perfil preferente é o dunha técnica ou técnico en igualdade de xénero, mentres que no segundo requírese unha arquitecta ou arquitecto. Tamén na Oficina do Conservador de Santiago de Cuba precisan dunha ou dun profesional da arquitectura. No caso do Instituto de Promoción Humana, en Nicaragua, a praza é para unha técnica ou técnico de turismo.

Trátase de perfís prioritarios, mais en función da participación poden non ser eliminatorios, de aí que se anime a inscribirse en Vacacións con Traballo a todas as persoas interesadas. O prazo para a recepción de solicitudes permanecerá aberto ata o 25 de maio. Toda a información e os formularios están dispoñibles aquí.