Aviso:

[Pechar}


Poio 2011-06-23

Persoal de Concellos e Deputacións prepárase para exercer o voluntariado en países do Sur

- Desenvólvese en Poio unha xornada preparatoria para os participantes no programa ‘Vacacións con Traballo’ do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

- Técnicas e técnicos da Deputación de Pontevedra e dos Concellos de Castrelo de Miño e Ourense colaborarán en Cabo Verde e Nicaragua cos parceiros da entidade

María José Pérez, Cristina Moreiras, Diego Sánchez e Joaquín Lede atenden ás explicacións do responsable da Secretaría Técnica do Fondo Galego, á dereita da imaxe. Catro técnicas e técnicos da Deputación de Pontevedra e dos Concellos de Ourense e Castrelo de Miño asistiron a unha xornada formativa sobre cooperación internacional e voluntariado no Concello de Poio. Prepáranse así para participar en ‘Vacacións con Traballo’, o programa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co que persoal das Administracións socias pasa o seu mes de descanso cooperando cos parceiros da entidade en países do Sur, nun exercicio de intercambio de coñecementos especializados e apoio en actividades concretas. Este ano, tres das persoas seleccionadas compartirán o seu saber facer en Cabo Verde, e a cuarta farao en Nicaragua.

Un traballador e unha traballadora da Deputación de Pontevedra resultaron escollidos para esta sexta edición de ‘Vacacións con Traballo’. Trátase de Joaquín Lede, coordinador de proxectos europeos na Administración provincial, e de María José Pérez González, arquitecta da Unidade de Promoción e Desenvolvemento. Ambos os dous viaxarán a Cabo Verde, o primeiro para colaborar coa Cámara Municipal de Brava e a segunda coa do Paúl.

Coa Cámara Municipal do Paúl cooperará tamén Cristina Moreiras, técnica ambiental do Concello de Ourense. Mentres que Diego Sánchez Calviño, técnico de Turismo no Concello de Castrelo de Miño (Ourense) colaborará en Nicaragua co Instituto de Promoción Humana (INPRHU), un dos parceiros máis antigos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Preparación e labor sensibilizador

As catro persoas voluntarias para ‘Vacacións con Traballo 2011’ asistiron hoxe á xornada formativa nas dependencias do Concello de Poio. Persoal do Fondo Galego impartiulles nocións básicas sobre cooperación internacional, interculturalidade e voluntariado. Resólvense ademais as dúbidas das viaxeiras e viaxeiros sobre a experiencia que van vivir.

Coñeceron asemade como pór en marcha o blog que actualizarán durante a súa estadía no Sur para dar conta das súas vivencias, que tamén relatarán á volta en distintas actividades e nunha publicación que recollerá os seus testemuños. Poténciase así a dimensión sensibilizadora do programa ‘Vacacións con Traballo’ para concienciar sobre a realidade dos países empobrecidos. Á vez, mellórase a visibilidade e transparencia dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que alí se cofinancian.