Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-09-17

Persoal de seis concellos galegos cooperará con Nicaragua e Cabo Verde nas Vacacións con Traballo

- Técnicas e técnicos municipais da Estrada, A Pobra, Bergondo, Monforte, Redondela e Rianxo colaborarán con administracións locais e ONGD do Sur.
- O voluntariado realizará tarefas como xestión laboral e contable ou plans comunitarios e supervisará os proxectos do Fondo Galego de Cooperación.

Belén Gómez, Mónica Mourín e Serezabel Rodríguez irán a Nicaragua.Seis técnicas e un técnico dos concellos da Estrada, Bergondo, Monforte, Redondela, Rianxo e A Pobra desprazaranse nos próximos días a Cabo Verde e Nicaragua para colaborar durante un mes cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que estas administracións locais son socias. As voluntarias e o voluntario asistiron en Pontevedra a unha xornada informativa, co fin de preparar a súa participación nas Vacacións con Traballo.

O vindeiro 25 de setembro parten para Nicaragua Belén Gómez, traballadora social do Concello de Monforte de Lemos, e mais Serezabel Rodríguez e Mónica Mourín, técnica de integración e traballadora social do Concello de Bergondo, respectivamente. Porén, esta última non o fai ocupando unha das seis prazas convocadas no programa, senón financiándose a viaxe e a estadía motu proprio. As tres colaborarán coa ONGD Instituto de Promoción Humana-Somoto na elaboración dun diagnóstico comunitario con familias do lugar de Palmira, a fin de avaliar as súas necesidades e as vías para involucralas na solución.

Ana Ferradáns e María José Villar colaborarán coa Cámara de Santa Cruz.A Cabo Verde viaxarán o 1 de outubro o resto de participantes nas Vacacións con Traballo. Ana Ferradáns, axente de emprego do Concello da Estrada, e María José Villar, auxiliar de biblioteca no Concello de Redondela, cooperarán coa Cámara Municipal de Santa Cruz. A primeira, achegando os seus coñecementos á reforma da xestión do funcionariado municipal, en aspectos como a confección das nóminas ou o control das vacacións. A segunda, botando unha man coas bases de datos e o rexistro informático da biblioteca.

Ana Piñeiro, arquitecta do Concello de Rianxo, e Rubén López, técnico de administración financieira no Concello da Pobra do Caramiñal, colaborarán coa Cámara Municipal de Ribeira Grande. Ela axudando na elaboración do plan de desenvolvemento de tres localidades, e el prestando o seu asesoramento tanto para simplificar o procesamento da documentación contable do consistorio como para montar o sistema de contabilidade dunha rede de asociacións locais.

A Cámara de Ribeira Grande contará co apoio de Rubén López e Ana Piñeiro.Todas e todos eles aproveitarán ademais a estadía, na que, para supervisar os últimos proxectos de cooperación internacional impulsados polo Fondo Galego. En Nicaragua a prol do turismo sostible e do acceso á auga potable, e en Cabo Verde, para dinamizar a agricultura no municipio de Santa Cruz a través do rego por goteo e para fortalecer unha cooperativa de artesás en Ribeira Grande.

No entanto, Vacacións con Traballo ten sobre todo unha finalidade de sensibilización, xa que as e os profesionais participantes intercambian experiencias, toman conciencia das desigualdades e se converten en axentes da transformación social cara actitudes solidarias. As súas vivencias compártenas desde terreo a través dun blog mentres que á volta elaboran unha memoria e toman parte en diferentes actividades de difusión.

O programa de voluntariado en países do Sur dirixido a persoal das deputacións e concellos socios do Fondo Galego chega ao seu décimo aniversario triplicando o número de prazas dispoñibles. Trece persoas presentaron este ano a súa candidatura ás Vacacións con Traballo, coas que máis de trinta técnicas e técnicos municipais e provinciais viaxaron xa a países do Sur. Boa parte deles participaban este verán nun encontro cuxo resumo audiovisual está dispoñible en Youtube. O blog https://vacacionscontraballo.wordpress.com reúne toda a información sobre a iniciativa.