Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-08-31

Persoal de tres concellos cooperará en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo

- Técnicas e técnicos municipais de Ames, Bergondo e Ourense colaborarán con administracións locais e ONGD parceiras do Fondo Galego de Cooperación.
- O voluntariado achegará o seu asesoramento e materia de turismo, xénero ou traballo social, ao tempo que contribuirá a sensibilizar fronte as desigualdades.

Ramón Burdeos, Malena de Jesús, Sonia Moure e Mónica Mourín.Tres técnicas e un técnico dos concellos de Ames, Bergondo e Ourense desprazaranse nas próximas semanas a Mozambique e Cabo Verde para colaborar durante un mes cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que estas administracións locais son socias. As voluntarias e o voluntario asistiron en Pontevedra a unha xornada formativa, co fin de preparar a súa participación nas Vacacións con Traballo.

O vindeiro 3 de setembro parte para Mozambique Malena de Jesús, directora do Centro de Información á Muller de Ourense, que colaborará coa Asociación Nacional de Municipios (ANAMM) no fortalecemento da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, integrada por alcaldesas e concelleiras do país lusófono. “Agardo aplicar os meus coñecementos sobre xénero noutras latitudes, vivir en primeira persoa e con outras mulleres “irmás” a loita pola equidade, tomar conciencia de todos os mundos que son e dos que poden ser”, comenta a voluntaria antes da partida. Entre as súas tarefas sobre o terreo, áchase colaborar na organización dun intercambio de experiencias ao que acudirán un grupo de edís galegas.

Tamén a Mozambique viaxará o día 19 Mónica Mourín, traballadora social do Concello de Bergondo, neste caso para colaborar coa Fundação Encontro na súa área de acción social, que presta atención a menores vulnerables e maiores. Ademais, aproveitará para supervisar o proxecto a prol da saúde infantil e materna recentemente financiado polo Fondo Galego. Para a técnica municipal, que xa o ano pasado participou por conta propia nas Vacacións con Traballo en Nicaragua, “trátase dunha inmersión total noutra realidade que afecta a todas as áreas da persoa que se mergulla nela”, de aí que afronte a viaxe “con moitísima ilusión”.

O persoal seleccionado asistiu a unha xornada formativa.Ata mediados de outubro non partirán para Cabo Verde os técnicos de Turismo Sonia Moure, do Concello de Ames, e Ramón Burdeos, do Concello de Ourense, este último tamén especialista en desenvolvemento local. Alí apoiarán o impulso ao turismo comunitario da man da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, tarefa que os levará a visitar varias illas. “Espero intercambiar a miña experiencia e coñecementos cos profesionais do equipo de traballo, ao tempo que coñecer en profundidade a realidade do arquipélago; descubrir os seus problemas e dificultades, mais tamén as súas grandezas e capacidades”, comenta a amiense. Do mesmo xeito, o interese do compañeiro ourensán é “contribuír ao desenvolvemento sostible do sector turístico en Cabo Verde, aínda que estou seguro de que vou ser eu quen máis aprenda, tanto no eido persoal coma no profesional”.

As e os participantes nas Vacacións con Traballo achegan asesoramento técnico nos países empobrecidos aos que se desprazan. No entanto, o programa ten sobre todo unha finalidade de sensibilización, xa que as e os profesionais participantes entran en contacto con novas culturas, toman conciencia das desigualdades e se converten en axentes da transformación social cara actitudes solidarias. As súas vivencias compártenas a través do blog https://vacacionscontraballo.wordpress.com, mentres que á volta toman parte en diferentes actividades de difusión. Con esta edición, serán xa corenta as técnicas e técnicos municipais e provinciais que viaxaron a países do Sur en once anos.