Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-10-21

Persoal dos concellos de Ourense e Ferrol coopera en Nicaragua e Cabo Verde

A través do programa Vacacións con Traballo, Emilio Cuiñas colabora este mes coa ONGD Inprhu no eido turístico e María Jesús Olivares apoia a Cámara de Porto Novo en materia de xénero.

Chus Olivares supervisa o proxecto de xestión do lixo co vereador de Saneamento, João Fonseca.Persoal dos concellos de Ferrol e Ourense atópase este mes en Cabo Verde e Nicaragua, respectivamente, para colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través de Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado en países do Sur dirixido aos cadros das Deputacións e Concellos socios da entidade. A directora da casa de acollida de mulleres ferrolá, María Jesús Olivares, está a cooperar coa municipalidade caboverdiana de Porto Novo na promoción da igualdade de xénero, mentres que o técnico de Turismo ourensán Emilio Cuiñas apoia a ONGD nicaraguana Inprhu-Somoto neste eido.

Despois de revisar a lexislación caboverdiana ao respecto e intercambiar experiencias cos diversos actores que traballan a prol da igualdade entre homes e mulleres, María Jesús Olivares áchase agora analizando os datos recompilados a fin de deseñar posibles propostas conxuntas para as necesidades futuras. Ao tempo, puido supervisar in situ o último proxecto de cooperación internacional cofinanciado polo Fondo Galego na Cámara de Porto Novo, cunha importante achega do Concello de Vigo, para mellorar a calidade de vida mediante un correcto tratamento dos residuos urbanos.

Imaxe tomada por Emilio Cuiñas durante unha capacitación ao campesiñado.Pola súa banda, Emilio Cuiñas tamén comprobou a andaina do modelo de desenvolvemento rural impulsado polo Instituto de Promoción Humana-Somoto co apoio do Fondo Galego, no que o turismo constitúe un factor clave. Amais de achegar os seus coñecementos técnicos ao respecto, puido participar en diferentes obradoiros encamiñados a mellorar as condicións de vida das comunidades campesiñas.

Ambos os dous están a compartir as súas vivencias e a realidade na que están inmersos a través dun blog, onde tamén visibilizan os proxectos apoiados polas administracións locais e provinciais galegas. Á volta, continuarán sensibilizando a prol da solidariedade fronte as desigualdades con distintas actividades de difusión.