Aviso:

[Pechar}


Ourense 2011-04-14

Preséntase en Ourense unha nova convocatoria de Vacacións con Traballo en Cabo Verde e Nicaragua

- O persoal das Deputacións e Concellos asociados ao Fondo Galego de Cooperación pode sumarse a este programa de voluntariado internacional

- A publicación ‘Experiencias Solidarias 2010’ recolle as vivencias das e dos participantes do ano pasado, que procedían de Ourense, Verín, Nigrán e Lugo

De esquerda a dereita: Patricia V. Weber, Gonzalo Alonso, a concelleira ourensá Marga Martín, Ánxelo González e Carolina Iglesias. Catro traballadoras e traballadores da Administración local galega protagonizarán experiencias de voluntariado en Cabo Verde e Nicaragua co programa Vacacións con Traballo, promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, ao que o Concello de Ourense está asociado. A concelleira ourensá de Benestar Social, Margarita Martín, e o responsable da Secretaría Técnica do Fondo Galego, Ánxelo González, presentaron esta mañá as bases da nova convocatoria e mais o caderno ‘Experiencias Solidarias 2010’.

Esta publicación recolle os testemuños dos voluntarios e voluntarias que gozaron o ano pasado das Vacacións con Traballo. Trátase do interventor do Concello de Ourense, Gonzalo Alonso, que viaxou a Cabo Verde; a directora da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Verín, Patricia Varela, que estivo en Santiago de Cuba; a psicóloga do CIM de Nigrán (Pontevedra), Carolina Iglesias, que cooperou no Perú, e do técnico da Deputación de Lugo, Brais García, que realizou a súa estadía en Nicaragua. Os tres primeiros estiveron tamén na presentación desta mañá en Ourense, onde compartiron a súas vivencias.

As e os participantes coincidiron en animar aos empregados e empregadas das catro Deputacións e os 95 Concellos socios do Fondo Galego a apuntarse no programa para desenvolver o seu labor “nunha realidade tan diferente pero tan achegada” como é a dos países do Sur. Sinalaron ademais que a carencia de materiais que padecen nestes lugares “súplese con vontade e sensibilidade polas problemáticas” existentes.

Pola súa banda, o responsable da Secretaría Técnica do Fondo Galego salientou que Vacacións con Traballo é un dos “programas bandeira” da asociación municipalista e “que ten escaso parangón” no noso contorno. Destacou o “compoñente de aventura e de coñecemento doutras culturas” da iniciativa, pero sobre todo a vertente da cooperación, que “non é só transferir coñecemento senón tamén aprender no proceso”. Ánxelo González apuntou que “aínda en tempos de crise non podemos reducir o esforzo en cooperación internacional, que en Galicia xa é ínfimo”. Neste senso, ofreceu datos coma o que sitúa a Comunidade Autónoma no penúltimo lugar neste eido ou aos Concellos galegos entre seis e sete veces por baixo da media estatal. Ao mesmo tempo, situou o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade como un “referente”, pois vén de ser seleccionado para asesorar a Alemaña e Portugal en materia de cooperación municipalista a través dun proxecto da UE.

Catro prazas para 2011

O programa Vacacións con Traballo volve ofertar este ano catro prazas en países do Sur onde o Fondo Galego apoia proxectos de cooperación para o desenvolvemento. Nesta ocasión, parceiros da entidade en Nicaragua e Cabo Verde acollerán o persoal das Deputacións e Concellos socios que resulte seleccionado.

O perfil preferido para Nicaragua é o dunha técnica ou técnico da área de turismo, que desenvolverá o seu labor no Instituto de Promoción Humana (INPRHU). Valoraranse tamén os coñecementos en creación e edición de vídeo. En Cabo Verde, a Cámara Municipal de Brava require preferentemente unha arquitecta ou arquitecto paisaxista, que saiba utilizar o Autocad. Terase en conta ademais a familiaridade co manexo de ortofotos. Como segunda opción, escolleríase un informático ou informática.

Tamén no arquipélago africano, dúas persoas voluntarias colaborarán coa Cámara Municipal do Paúl. As profesións solicitadas son a de arquitecta ou arquitecto e mais a dunha técnica ou técnico da área do saneamento, aínda que neste caso existe a segunda opción dun ou unha especialista en medio ambiente. As persoas interesadas poden atopar no web www.fondogalego.org as bases da convocatoria e o formulario de inscrición. O prazo para anotarse remata o 30 de abril.

Descarga aquí as bases da convocatoria de Vacacións con Traballo 2011

Descarga aquí o caderno ‘Experiencias Solidarias 2010’