Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-04-10

Preséntase o documental realizado por Agareso sobre o Fondo Galego de Cooperación

Agareso e o Fondo Galego de Cooperación achéganlle á cidadanía os resultados da solidariedade internacional promovida por esta asociación de Deputacións e Concellos a través dun documental.

O cámara Xacobe González, voluntario de Agareso, encargouse da gravación e edición do documental.'O Fondo Galego: Compromiso coa solidariedade' é o título da peza que amosa os proxectos impulsados en Cabo Verde, Cuba e Nicaragua, pero tamén as actividades de sensibilización realizadas en Galicia, amais de explicar a razón de ser da entidade.

Un equipo de voluntariado profesional da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) elaborou este traballo que se preestreou a finais do ano pasado na conmemoración do 15º aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O cámara Xacobe González e a xornalista Mónica González desprazáronse a Cabo Verde para filmar as actuacións no arquipélago africano, mentres que algunhas imaxes foron enviadas por parceiros desde terreo e outras rodadas en Galicia.

Contribuír á concienciación sobre os desequilibrios Norte-Sur e sobre a importancia da cooperación como ferramenta de cambio, amosando o papel das administracións locais galegas neste eido, é o obxectivo do audiovisual que xorde da colaboración iniciada en 2010 entre Agareso e o Fondo Galego co programa radiofónico 'Voces con Fondo' e que se consolida en 2013 con obradoiros de radio nos Concellos socios para reflexionar sobre os Dereitos Humanos. Ambas as dúas organizacións acreditan na contribución da comunicación á sensibilización, a transparencia e o desenvolvemento.

Tras a edición de 1.000 copias do audiovisual nun dvd que incorpora outros materiais editados con motivo dos 15 anos do Fondo, inícianse agora as presentacións por toda Galicia. A primeira terá lugar no Concello de Pontevedra o luns 22 de abril, no Pazo de Mugartegui ás 20.30 horas, con entrada de balde. A realización do documental contou co apoio económico da Xunta de Galicia.

'O Fondo Galego: compromiso coa solidariedade'
Tráiler CRTVG
Ficha da actividade