Aviso:

[Pechar}


Baiona 2015-04-15

Publícase online o caderno coas últimas experiencias das Vacacións con Traballo

Cando aínda permanece aberto o prazo para participar na décima edición, as técnicas municipais Emma Teixeira e Estela Iglesias comparten as súas vivencias no Sur.

O caderno dixital 'Vacacións con Traballo: Experiencias Solidarias 2014' vén de publicarse na web do Fondo Galego para dar a coñecer os testemuños das dúas técnicas municipais que o ano pasado participaron neste programa de voluntariado en países do Sur. Estela Iglesias, técnica de Comunicación e Turismo no Concello de Allariz, e Emma Teixeira, técnica de Orientación Laboral no Concello de Pontevedra, relatan nas súas páxinas as estadías en Nicaragua e Cabo Verde, respectivamente.

Ambas as dúas colaboraron durante un mes nos proxectos apoiados en terreo polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para fomentar alternativas económicas. Estela Iglesias, no marco da iniciativa para promover o turismo sostible e, Emma Teixeira, reforzando á cooperativa de mulleres A Sulada no eido da igualdade de xénero. No entanto, alén de prestar o seu asesoramento e intercambiar coñecementos, tamén tiñan a misión de concienciar sobre esoutras realidades a través dun blog e do caderno que agora ve a luz.

Nel, relatan como puideron comprobar os resultados da cooperación internacional impulsada polas administracións locais e provinciais galegas, pero tamén as súas vivencias máis persoais, o enriquecemento que achegan outros xeitos de vivir e traballar, a inmersión nunha cultura diferente, etc. As empregadas e empregados das deputacións e concellos socios do Fondo Galego que queiran vivir unha experiencia semellante poden solicitar ata o 12 de maio unha das sete prazas dispoñibles en Nicaragua, Cabo Verde ou Honduras para a décima edición de Vacacións con Traballo.

Convocatoria VcT 2015
Cadernos VcT
Vídeos VcT
Blog VcT