Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2011-12-30

Santo Antão dispón dun Plan de Desenvolvemento cofinanciado polo Fondo Galego

- O documento define a estratexia conxunta a seguir polos tres municipios desta illa caboverdiana a prol do desenvolvemento social e económico
- Búscase diminuír os índices de pobreza nun 20% reformulando e integrando as políticas sectoriais coa participación das asociacións comunitarias

Xuntanza do equipo técnico e político que deseñou o Plan.A Asociación de Municipios de Santo Antão presentou no ano que remata o III Plan de Desenvolvemento desta illa caboverdiana, cofinanciado polo Fondo Galego de Cooperación e a Xunta de Galicia. Entre ambas as dúas entidades galegas achegan 41.475 euros á elaboración deste documento que marca as pautas para reducir os índices de pobreza un 20% en catro anos.

A proposta define a acción conxunta a seguir polas Cámaras Municipais do Paul, Porto Novo e Ribeira Grande para promover un desenvolvemento social e económico inclusivo no período 2011-2015. ONGD e asociacións comunitarias participaron co Gabinete Técnico Intermunicipal na elaboración deste texto que reformula as estratexias sectoriais da illa. Deuse así continuidade á planificación insular, paralizada desde 2001 por falta de financiamento e que tan bos resultados deu na década dos 90.

A redacción do III Plan de Desenvolvemento viuse ralentizada no seu día por coincidir coas eleccións parlamentarias, pero finalmente foi posible elaborar este documento que contribuirá á integración das políticas públicas. Para conseguilo, os equipos de traballo prepararon desde o diagnóstico inicial ata as fichas de proxectos en áreas como a agropecuaria, infraestruturas, educación, igualdade, saúde, medio ambiente, auga e saneamento, industria ou cultura.