Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-03-05

Sarsur: "Cremos na acción e na cultura como ferramentas de transformación social"

Claudia Delso, integrante do colectivo coruñés Sarsur, protagonizou o segundo dos encontros dixitais #Alén2015. Velaquí a conversa completa que mantivo coas e cos internautas o pasado 28 de febreiro.

Claudia Delso Carreira (A Coruña,1986) é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, posgraduada en Xestión Cultural e Cooperación Internacional pola Universidade de Barcelona e conta cunha ampla formación artística. Forma parte de Sarsur, un colectivo autoxestionado que realiza proxectos de expresión artística con mulleres de campamentos saharauís e organiza as xornadas 'Olladas ao Sáhara Occidental'. Actualmente é a responsable da área de artes escénicas da Casa Tomada e imparte obradoiros en diversos espazos.

1. Chámanos a atención que argumentedes que non dispoñedes de web nin perfís sociais porque preferides "primar as actividades por riba da promoción do colectivo". Non credes que darlle difusión a esas iniciativas, os seus obxectivos e as realidades ás que fan referencia contribúe a potenciar a sensibilización respecto do tema?
A verdade e que Sarsur é por riba de todo un colectivo de "afecto" e "acción" arredor do Sáhara Occidental, polo que dosificamos tempo e esforzos para facer accións e actividades. Somos un colectivo sen entidade xurídica e non por iso deixamos de facer cousas. Pero tratamos de facer as cousas de maneira diferente e, sobre todo, da maneira que nos apetece facelo. Ata o de agora fixemos un proxecto nos campamentos de refuxiados de Tindouf grazas á axuda 0,7 da UDC e organizamos dúas xornadas de sensibilización arredor do Sáhara Occidental, con moi boa acollida de público e involucrando a máis de cinco espazos e entidades da cidade da Coruña. Todo sen web nin perfil social específico de Sarsur, senón facendo e achegando a realidade saharauí dende distintos puntos de vista.

2. A gran maioría da mocidade saharauí xa non confía nunha resolución diplomática do conflito e a Fronte Polisaria admite que trata de "conter" ese espírito belicista ata onde sexa posible. Nos territorios ocupados o sentimento entre a xente nova coincide. Existe unha posibilidade real de que volvan ás armas?
A nosa experiencia en terreo transmitiunos que existe un descontento manifesto por parte da mocidade saharauí. No entanto, hai mozos que a única saída que ven é coller as armas, pero tamén hai quen confía na vía pacífica e na presión sobre as sociedades civís española, francesa, marroquí... A sensación xeral é que a xente nova está farta da eterna espera da diplomacia e busca novas alternativas.

3. O pobo saharauí vive da axuda humanitaria e esta decreceu brutalmente debido á crise en España. Existe risco de fame nos campamentos?
O pobo saharauí depende ao 95% da axuda humanitaria e esta minguou considerablemente nos últimos anos. Levo viaxando aos campamentos dende 2008 e foi na última viaxe cando empecei a detectar casos de desnutrición. Antes non acontecía.

4. Cal é exactamente a vosa función e que actividades desenvolvedes? Cres que cambiará a situación da muller nunha cultura como a do Sáhara Occidental? Onde está ou están as claves?
A nosa "función" é que a nosa vinculación co Sahara non sexa puntual nin que quede nun proxecto teórico. Cremos na acción e na cultura como ferramentas de transformación social. realizamos actividades de sensibilización da situación do pobo saharauí, abrindo espazos para que outras voces falen, voces novas, outro tipo de proxectos, etc.
O proxecto que realizamos nos campamentos foi un proxecto no que traballamos con mulleres saharauís adultas a través da expresión corporal, o corpo e un traballo a través das sombras como vehículos de expresión e comunicación. A situación da muller nunha sociedade como a saharauí xa mudou respecto doutras sociedades árabes. A muller saharauí ten polo xeral unha situación de empoderamento e de defensa dos seus dereitos incrible. Foi e é moi importante o labor que fai a Unión Nacional de Mulleres Saharauís.

5. Atopástesvos con trabas impostas por parte do goberno español ou galego á hora de desenvolver a vosa actividade?
Non, porque non tivemos que recorrer directamente nin ao goberno estatal nin ao autonómico para ningunha das actividades que realizamos. O que si, nalgunha ocasión tivemos problemas ou "moitas preguntas" por non ser unha entidade con personalidade xurídica e por non pertencer a ningunha asociación oficial de apoio ao pobo saharauí.

6. Ante a perspectiva de estancamento das negociacións entre Marrocos e a Fronte Polisaria e, especialmente, tendo en conta que a misión da ONU no Sáhara (Minurso) cuxo mandato será renovado a partir do próximo mes de abril, é factible unha renovación da loita armada no Sáhara tras o cesamento do fogo en 1991?
Como colectivo non pensamos que a loita armada sexa a solución ao conflito do Sáhara Occidental. Cremos na presión da sociedade civil, como xa dixen, e nas ferramentas artísticas e culturais como armas para o cambio social e opinamos que se debería facer unha análise sobre o papel da Minurso sobre o terreo non so renovar o mandato e seguir a agardar...

7. Como ven a posición de EUA como mediador, que en 2013 intentou impulsar unha iniaciativa da ONU para a vixilancia dos dereitos humanos no Sáhara (finalmente obstruída por Marrocos, España, Francia e Rusia) pero ao mesmo tempo considera a Marrocos aliado estratéxico, principalmente no combate ao terrorismo xihadista no Magreb?
A posición de EEUU como mediador é baixo o noso punto de vista unha posición de "mediador aparente". Nas altas esferas da diplomacia mundial móvense moitos intereses que nada teñen que ver coa defensa dos dereitos humanos, etc. Marrocos non debería ter a impunidade que ten. Nos territorios ocupados do Sáhara Occidental hai violacións sistemáticas dos dereitos humanos que nunca foron condenadas pola comunidade internacional.

8. Que poden facer vostedes desde o Fondo Galego de Cooperación e desde Sarsur para impulsar unha política do seu goberno capaz de levalo a asumir a súa responsabilidade nun conflito que xera a existencia de case 200.000 refuxiados?
Sarsur: Sarsur non deixa de ser un colectivo modesto que trata de "cooperar" fóra do mainstream da cooperación. Facemos accións pequenas, no noso ámbito local, como potenciar unha sociedade civil crítica e consciente desde as nosas familias, as nosas veciñas, etc. Sen necesidade de estar "afiliado" a ningún partido. Coñecer ao outro para empatizar con el. Nas nosas actividades invitamos saharauís, voces novas ou outras voces, proxectos cos que compartimos sensibilidades. Facemos conexións cos territorios ocupados (esa gran parte silenciada do conflito). Ese é o noso humilde xeito de facer política e de pouco a pouco facernos sociedade crítica e consciente. Aichatu Yahadih é unha desas novas voces saharauís que participaron nos encontros Sarsur 'Olladas ao Sáhara' da Coruña.
Fondo Galego: O Fondo Galego é unha asociación do poder local de Galicia formado por 90 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo. Desde a nosa humilde posición, os nosos esforzos recaen en que os DDHH non desaparezan da axenda e que estes sexan tratados con respecto e non como ferramenta de plástico e publicidade. Isto non é doado. En todo caso intentamos facelo con honestidade, introducindo na nosa axenda de comunicación temas como o Sáhara, incómodos para os Estados implicados.
Sarsur: Penso que ademais de manter os dereitos humanos nas axendas (acción imprescindible) temos que cambiar as maneiras de cooperar e recuperar o concepto de "acción directa". Accións directas e estratéxicas, como o traballo de Western Sahara Resource Watch, é un exemplo para nós.

9. Como é a realidade actual do Sáhara Occidental? Mellorou nos últimos anos?
A realidade do Sáhara Occidental é a realidade de 200.000 persoas esperando durante 38 anos un referéndum de autodeterminación. A situación nunca mellorará mentres as familias continúen divididas, mentres a represión e a violación de dereitos humanos sexa o día a día nos territorios ocupados e mentres exista un muro de máis de 2.000 km e millóns de minas das que ninguén fala.

10. A administración Obama e o cambio de goberno en Francia (aliado estratéxico de Marrocos) supuxo algún tipo de impulso ao dereito de autodeterminación do pobo saharauí ou non cambiou nada?
Tanto EUA como Francia non cambiaron as súas políticas respecto ao dereito de autodeterminación. A ONU tratou de achegarse, de mandar observadores internacionais, de reactivar a misión da Minurso, pero nada disto cambiou a situación do pobo. O bloqueo continúa e o pobo segue á espera de celebrar un referendum lexítimo e necesario.

10. Agora que estamos no 2014 e están por concluír os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, o ciclo #Alén2015 quere facer balance sobre eles. Gustaríanos que fixeras un balance xeral sobre o que significaron os ODM. Tes algunha recomendación para a axenda dos sistema internacional de cooperación?
A miña opinión é que o fallo está no propio sistema de participación na cooperación. Nos roles que as grandes ONGD adquiriron e que baixo o meu punto de vista en moitos casos fomentaron a "anticooperación", pero non a dos EEUU senón a que tamén se xerou en Europa. Por exemplo, acostumouse a recibir cartos aos gobernos e ás persoas, mesmo se caeu na esixencia de cartos independentemente dos proxectos a desenvolver. Fomentouse a necesidade de instituírse como ONGD para facer cooperación, por qué? Non se pode cooperar sen ser ONGD? Para esixirlles aos gobernos que defendan os intereses das persoas temos que crer en que hai que defender eses intereses pero non porque o digan os ODM e porque toque dicilo. Opino que hai que facer moita autocrítica en todos os eidos e en cooperación especialmente. Traballar coas persoas, pensar a cooperación desde a proximidade. A cooperación debería estar en todos os ámbitos, como na educación.
Fondo Galego: A cooperación internacional vai máis alá das ONGD e por suposto que se coopera sen ser necesariamente unha ONGD rexistrada, que volo digan a vós... O debate entorno aos efectos da profesionalización da cooperación internacional é moi interesante e ten moitas aristas. Desde logo, a autocrítica é moi necesaria e aquí estamos #Alén2015.

Deíxovos cunha recomendación duns dos últimos convidados que trouxemos á Coruña: Left H. Rotation.