Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-10-26

Sete técnicos municipais colaboran en Cabo Verde e Nicaragua a través das Vacacións con Traballo

- Esta semana remata o voluntariado de persoal da Estrada, A Pobra, Bergondo, Monforte, Redondela e Rianxo con administracións locais e ONGD do Sur.
- As e os participantes definen a estadía como "unha oportunidade única", "un punto de inflexión na miña vida" ou "unha experiencia extraordinaria".

Serezabel, Belén e Mónica en Nicaragua.Persoal de seis concellos viaxou no último mes a Nicaragua e Cabo Verde para cooperar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través das Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional dirixido aos cadros das administracións locais e provinciais socias da entidade. Tres empregadas dos concellos de Bergondo e Monforte de Lemos regresan do país centroamericano a comezos desta semana, mentres que a finais chegarán do arquipélago lusófono tres técnicas e un técnico da Estrada, Redondela, Rianxo e A Pobra do Caramiñal.
As Vacacións con Traballo en Nicaragua desenvolvéronse coa colaboración da ONGD Instituto de Promoción Humana-Somoto e centráronse na elaboración dun diagnóstico comunitario con familias do lugar de Palmira. Para Belén Gómez, traballadora social do Concello de Monforte, foi “unha experiencia personal e profesional extraordinaria”, mentres que para Serezabel Rodríguez técnica en integración do Concello de Bergondo, supuxo “un punto de inflexión tanto na miña vida persoal coma profesional” e resultoulle “moi interesante a metodoloxía nicaraguana de traballo comunitario”. Tamén foi “unha oportunidade única para coñecer e comprender outras realidades” segundo Mónica Mourín, traballadora social da mesma vila que, porén, non participou na experiencia ocupando unha das seis prazas convocadas no programa, senón financiando a estadía pola súa conta.

De Centroamérica a África

María José (arriba) e Ana Ferradáns (abaixo) en Santa Cruz.

Ana Ferradáns, axente de emprego do Concello da Estrada, e María José Villar, auxiliar de biblioteca no Concello de Redondela, áchanse en Cabo Verde apoiando á Cámara Municipal de Santa Cruz en materias como xestión do funcionariado e rexistro bibliotecario. "Cheguei pensando que atoparía un país pouco desenvolvido, menos democrático, e no entanto foi entrar no Concello e comprobar que o seu funcionamento é parello ao de calquera dos de Galicia: a mesma estrutura xerárquica, iguais problemas burocráticos, etc.", comenta a primeira. "Profesionalmente, é un privilexio poder levar os meus coñecementos a outro contexto, aprender nel e gozar del. No persoal, constitúe unha vivencia única, cada día marabíllome da fermosura da paisaxe e a incrible amabilidade da xente", opina a segunda.

No país africano, pero colaborando coa Cámara Municipal de Ribeira Grande, están tamén Ana Piñeiro, arquitecta do Concello de Rianxo, e Rubén López, técnico de administración financieira no Concello da Pobra. Para ela, "cando tes un bo interlocutor, o intercambio de experiencias, de puntos de vista, opinións, métodos de traballo e procedementos é fluída e pode ser moi enriquecedora para as dúas partes". A el chamoulle a atención "o sentimento de comunidade tan arraigado e comprobar como a xente dedica o seu tempo libre a conversar cos demais; nunca falta quen bote unha man para sacar as barcas do mar", engade.

Rubén en Cabo Verde.Ana Piñeiro na Cámara Municipal de Ribeira Grande.Alén de realizar as tarefas de asesoramento correspondentes á súa especialidade, o voluntariado cumpriu tamén a función de supervisar os últimos proxectos de cooperación ao desenvolvemento impulsados polo Fondo Galego. En Nicaragua a prol do turismo sostible e do acceso á auga potable, e en Cabo Verde, para dinamizar a agricultura no municipio de Santa Cruz a través do rego por goteo e para fortalecer unha cooperativa de artesás en Ribeira Grande. No entanto, a finalidade principal das Vacacións con Traballo é sensibilizar fronte as desigualdades e a prol da solidariedade internacional. A experiencia das e dos participantes no programa, que este ano chegou á súa décima edición, pode seguirse no blog https://vacacionscontraballo.wordpress.com.