Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-10-13

Sete vilas do país acollen as Redes Municipalistas Solidarias do Fondo Galego de Cooperación

- Un cento de técnicos e técnicas das Deputacións e Concellos asociados avalían os proxectos no Sur e as actividades de sensibilización para os próximos meses

- As xuntanzas celébranse en Ourense, Dumbría, O Porriño, Betanzos, Santiago de Compostela, Cambados e Lugo entre o 14 de outubro e o 3 de novembro

Xuntanza da Rede Municipalista Solidaria en Teo, no primeiro semestre de 2010.Un cento de técnicas e técnicos encargados das cuestións relacionadas co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en cada unha das administracións socias están chamados a participar nas Redes Municipalistas Solidarias do segundo semestre. Sete vilas galegas acollerán outras tantas xuntanzas nas que se renderá conta das iniciativas levadas a cabo, dos proxectos nos países do Sur e mais das actividades de sensibilización que as Deputacións e os Concellos asociados poderán desenvolver nos vindeiros meses.

As Redes Municipalistas Solidarias celebraranse entre o 14 de outubro e o 3 de novembro en Ourense, Dumbría, O Porriño, Betanzos, Santiago de Compostela, Cambados e Lugo. As reunións van dirixidas ao persoal técnico, que decide a cal acudir, aínda que tamén están convidados as delegadas e delegados políticos da asociación municipalista en cada administración adherida. Cada seis meses, estes encontros cos representantes da Secretaría Técnica do Fondo Galego cumpren unha función informativa e de comunicación interna imprescindible para o bo funcionamento da entidade.

Entre os proxectos internacionais dos que se informará, destaca a intervención de post-emerxencia no Haití, onde o Fondo Galego de Cooperación vai promover unha iniciativa formativa para a construción de casas resistentes aos terremotos e aos ciclóns. Pero o papel das técnicas e técnicos municipais e provinciais destaca sobre todo na implementación de actividades de sensibilización en materia de cooperación para o desenvolvemento propostas polo Fondo. Entre elas áchanse ciclos de cinema solidario, charlas dos participantes nas ‘Vacacións con Traballo’ en países do Sur, o espectáculo ‘Contos coas mans abertas’ ou a próxima xira do programa de teatro social TeatrAcción.

O Fondo Galego oferta tamén as exposicións ‘A Paz Cuestión de Fondo’, ‘Os Obxectivos do Milenio 2000-2015’ e ‘Nicaragua, unha realidade viva’. En próximas datas estará lista ademais a mostra ‘Influír no global desde o local: as entidades locais galegas perante un mundo inxusto’, que porá de relevo o papel dos Concellos e as Deputacións na cooperación internacional. Nas Redes Municipalistas Solidarias valoraranse asemade as liñas de acción do novo Plan de Sensibilización deseñado para 2011.

As Redes Municipalistas Solidarias deste segundo semestre darán comezo en Ourense o xoves 14 de outubro, no Centro de Iniciativas Empresariais. O día 19 a xuntanza terá lugar no Centro Social de Dumbría (A Coruña), mentres que o 20 de outubro a cita será no Porriño (Pontevedra) e o 22 en Betanzos (A Coruña), na sala de xuntas do edificio Liceo. O día 26 desenvolverase a Rede Municipalista Solidaria en Santiago de Compostela, na Casa das Asociacións de Benestar Social en Salgueiriños, e o 27 de outubro a convocatoria será no centro cultural A Mercé de Cambados (Pontevedra). As Redes Municipalistas Solidarias de 2010 péchanse na Deputación de Lugo o 3 de novembro. Todas as xuntanzas comezarán ás 11 horas. Entre os asistentes distribuiranse produtos de comercio xusto e mais documentación explicativa sobre este movemento que procura un intercambio económico equitativo entre o Sur e o Norte.