Aviso:

[Pechar}


Lugo 2010-10-27

Un técnico da Deputación de Lugo cooperará en Nicaragua mediante o programa ‘Vacacións con Traballo’

- A administración provincial é socia do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que promove esta iniciativa de voluntariado en países do Sur

-  Brais García colaborará no desenvolvemento do turismo sostible e da artesanía local durante a súa estadía no Instituto de Promoción Humana

Un empregado da Deputación de Lugo colaborará durante un mes co Instituto de Promoción Humana de Nicaragua, no marco do programa ‘Vacacións con Traballo’ impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A administración provincial pertence a esta asociación de Concellos e Deputacións, que cada ano envía persoal das entidades socias como voluntarias e voluntarios a países do Sur. Alí comparten os seus coñecementos coas entidades de acollida, axudando a fortalecer as capacidades locais.

Brais García, técnico do Museo Provincial de Lugo, contribuirá en Nicaragua á posta en marcha de iniciativas a prol do desenvolvemento do turismo ecolóxico e a promoción da artesanía local, campos nos que xa ten experiencia. Ademais de coñecer unha realidade diferente, o lucense agarda comprobar cómo, con recursos limitados, os traballadores centroamericanos afrontan o día a día. Trátase, por tanto, dun reto no persoal e no profesional: “comprobar se un por si mesmo, sen os medios habituais, pode desenvolverse noutro contexto”, explica.  O técnico provincial quere partir o vindeiro domingo 31 de outubro sen expectativas, “sen prexuízos mentais que logo me leven a adaptar a realidade aos meus esquemas preconcibidos”, comenta, disposto a idear solucións unha vez se ache sobre o terreo.

Canda o lucense Brais García, outros catro membros do funcionariado local galego participan na quinta convocatoria do programa ‘Vacacións con Traballo’. A psicóloga do CIM de Nigrán, Carolina Iglesias, xa regresou da súa estadía no Perú. Dous empregados do Concello de Ourense, Gonzalo Alonso e Cristina Moreiras, atópanse nestes intres en Cabo Verde.  O 15 de novembro viaxará para Cuba a arquitecta do Concello de Verín, Patricia Varela. As súas vivencias vanas plasmando en cadanseu blog, dispoñibles no web www.fondogalego.org. Asemade, as cinco experiencias recolleranse despois nunha publicación. A dimensión sensibilizadora da iniciativa materialízase tamén en charlas que imparten á volta para dar a coñecer as desigualdades que existen e a utilidade da cooperación para superalas.