Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-11-29

Unha alcaldesa de Cabo Verde difunde en Galicia os proxectos do Fondo Galego de Cooperación

- A presidenta da Cámara Municipal de Paúl presenta ao longo desta semana as iniciativas cofinanciadas a prol da igualdade de xénero e a mellora das vivendas

- Vera Almeida visitará a Deputación de Lugo e mais os Concellos de Vigo, Boiro e Tomiño, e reunirase con asociacións de mulleres e representantes da Xunta

A presidenta da Cámara Municipal de Paul, Vera Almeida.A alcaldesa do municipio caboverdiano de Paúl, Vera Almeida, visitará ao longo da semana diversos Concellos e Deputacións da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Almeida presentará nas distintas administracións socias da entidade galega os proxectos a prol da igualdade de xénero e a mellora das vivendas que se desenvolven en Paúl co apoio do Fondo. Intercambiará ademais experiencias con colectivos de mulleres e reunirase con representantes da Xunta de Galicia.

A viaxe enmárcase nas actividades de difusión dun proxecto xestionado polo Fondo Galego e que conta cunha achega extraordinaria dun dos seus socios, o Concello de Vigo. A partir do luns 29 de novembro, a presidenta da Cámara Municipal de Paúl visitará a Deputación de Lugo e mais os Concellos de Vigo, Boiro e Tomiño. Manterá asemade senllas xuntanzas coa Secretaria Xeral da Igualdade, Marta González Vázquez, e coa subdirectora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Pilar Romero. Reunirase ademais coa Comisión Executiva do Fondo Galego e impartirá unha conferencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, dentro do programa de teatro social TeatrAcción.

Nestes intres, en Paúl estase a executar un proxecto de recalificación urbana para mellorar as condicións de habitabilidade e salubridade na localidade de Eito. O Fondo Galego de Cooperación contribúe con 55.000€ achegados polo Concello de Vigo. Reparación de fachadas, construción de baños e cociñas, drenaxe de auga, empedrado das rúas ou rehabilitación de espazos verdes, ademais de sensibilización ambiental, son algunhas das tarefas que se están levando a cabo.

O obxectivo deste proxecto é mellorar a calidade de vida da poboación, reducindo a degradación do ambiente e o alto índice de enfermidades infectocontaxiosas. Actúase sobre 22 vivendas de familias extremadamente pobres, aínda que as 120 familias residentes en Eito resultarán beneficiadas. A iniciativa ten en conta o enfoque de xénero, priorizando nais solteiras, cabezas de familia, mulleres con moitos fillos, desempregadas ou cun traballo precario. Supón asemade un incentivo para aquelas donas que poden dedicarse na casa a actividades coma a elaboración de doces e salgados, costura, encaixes e bordado, etc.

Máis iniciativas

Cabo Verde é un dos países prioritarios para o Fondo Galego, atendendo á importancia que xa teñen os municipios no arquipélago africano e a razóns de carácter lingüístico e cultural. Desde 2005, os proxectos inseríronse nunha estratexia recollida nun Documento de Estratexia País, definido pola entidade municipalista coa colaboración de concellos e universidades de Cabo Verde e Portugal. Tendo rematado a vixencia do tal Documento, nas próximas semanas os órganos do Fondo Galego aprobarán unhas novas Liñas Estratéxicas para Cabo Verde a acordar coa Associação Nacional de Municípios Cabo-Verdianos.

Ademais da recalificación urbana de Eito, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade impulsou outros catro proxectos na Cámara Municipal do Paúl. Financiouse a rehabilitación do barrio social Cha de Tiliza, mellorando a seguridade e a hixiene. Reforzouse a participación política das mulleres, que incrementaron a súa presenza nas listas electorais dos partidos. Apoiouse a integración da perspectiva de xénero nas políticas locais e, como consecuencia, implementouse o Plan Municipal para a Igualdade e Equidade de Xénero.

O Fondo Galego tamén traballa, na actualidade, con outros Concellos de Cabo Verde. En Brava está a mellorar o abastecemento de auga na localidade de Baleia, mentres que no Maio promove a instalación de cuartos de baño en 60 vivendas. Na illa de Santo Antón estase a elaborar o III Plan de Desenvolvemento. O Fondo Galego de Cooperación leva máis dunha década colaborando coa Associação Nacional de Municípios Cabo-Verdianos, na que se integran os 22 municipios do arquipélago. No país executáronse preto de 40 proxectos que van dende a capacitación de xente nova ata a construción de colexios e centros comunitarios.