Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-10-26

Unha artesá de Boiro forma en Cabo Verde a mulleres dunha cooperativa apoiada polo Fondo Galego

Ana Vázquez colabora coas produtoras africanas na mellora da calidade e o empaquetado dos seus xabóns e cosméticos naturais elaborados a partir de plantas. As capacitacións encádranse no proxecto a prol da igualdade de xénero cofinanciado polo Fondo Galego de Cooperación.


Ana Vázquez impartindo unha formación en Galicia.Unha artesá boirense atópase ata finais de mes en Cabo Verde para impartir formacións ás integrantes da cooperativa Sulada, no marco dun proxecto apoiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade , do que o Concello de Boiro forma parte. Ana Vázquez colaborará na mellora da produción de xabóns e cosméticos artesanais confeccionados polas mulleres.

O obxectivo é incrementar a calidade dos produtos naturais que na cooperativa elaboran a partir de plantas como o áloe e a purgueira, con múltiples propiedades, baixo a marca 'Raízes'. Preténdese asemade diversificar a oferta creando novas cremas, empregar moldes máis prácticos e contar con embalaxes atractivas. A área de intervención estrutúrase arredor da Cidade Vella, declarada Patrimonio da Humanidade, o que pode dinamizar a saída destes produtos, que tamén se encamiñarían a tendas e hoteis doutras illas.

Maleta de materiais para as capacitacións na cooperativa de Cabo Verde.Promover a igualdade de xénero a través do empoderamento socioeconómico das artesás de cinco localidades do municipio de Ribeira Grande de Santiago é a finalidade última deste proxecto de cooperación internacional, que conta cunha achega extraordinaria do Concello de Vigo. Para acadalo, impartíronse tamén capacitacións en materia de xestión, contabilidade, márketing ou internet. Alén da alfabetización, sensibilízase en cuestións de participación cidadá, democracia, autoestima, saúde reprodutiva, etc. O proxecto contempla asemade a ampliación de mercados, tanto presenciais como online.

A Asociación para a Cooperación con Cabo Verde, que naceu en Burela, actúa como parceiro e vínculo con Galicia nesta iniciativa de loita contra a pobreza extrema. Cada unha das 30 mulleres da cooperativa Sulada sustenta unha media de dez persoas, polo que se busca unha alternativa viable á extracción de area e pedras para a construción que adoitan practicar, actividade ilegal que non garante os ingresos mínimos para unha vida digna e que causa un gran dano ambiental.

O proxecto coa Cooperativa Sulada lévase adiante grazas a achega extraordinaria do Concello de Vigo.