Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-09-20

Unha delegación do Fondo Galego participa nun intercambio de experiencias con entidades semellantes

- Un equipo da Secretaría Técnica acudiu ao Encontro organizado en Málaga pola Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade

- Representantes de Fondos de Andalucía, Canarias, Catalunya, Comunitat Valenciana, Extremadura, Euskadi e Galicia compartiron inquedanzas, incidencias e solucións

Persoal do Fondo Galego participou nas mesas de traballo programadas no Encontro.Persoal técnico do Fondo Galego acudiu ao Encontro para o Intercambio de Experiencias organizado en Málaga pola Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade. As sete asociacións municipalistas integradas na entidade acudiron á xuntanza celebrada os días 16 e 17 de setembro para expoñer o seu labor e establecer posibles sinerxías.

A delegación galega, composta por catro técnicas e técnicos da Secretaría do Fondo Galego, aproveitou ao máximo a estadía cunha participación activa nas distintas conferencias e grupos de traballo. Non só detectando experiencias enriquecedoras achegadas dende outras Comunidades Autónomas, senón tamén compartindo as destrezas do Fondo Galego avaladas por 13 anos de traxectoria.

Estratexias de comunicación e sensibilización, implicación e dinamización de actores, finanzas e administración ou proxección exterior son algunhas das áreas que se someteron a análise ao longo do encontro con fondos de Andalucía, Catalunya, Comunitat Valenciana, Euskadi, Extremadura e Canarias. O obxectivo era compartir inquedanzas, incidencias e solucións, relacionadas tanto cos proxectos desenvolvidos como coa xestión diaria das organizacións. Ao mesmo tempo, tratábase de mellorar a coordinación e apuntar futuras vías de colaboración.

O relatorio de conclusións sobre o Encontro para o Intercambio de Experiencias organizado pola Confederación está dispoñible na Secretaría Técnica para aqueles socios que desexen consultalo.