Aviso:

[Pechar}


Baiona 2015-03-18

Vacacións con Traballo centra o Plan 2015 que se exporá ante a Asemblea o 31 de marzo

O secretario executivo da Plataforma de ONGD da rexión de Bafatá participará a continuación na presentación do proxecto Causas Comúns canda o fotógrafo Gabriel Tizón e a traballadora social Rocío Botana.


Representantes dos concellos socios participan da Asemblea.Representantes das administracións locais e provinciais socias do Fondo Galego están chamadas e chamados a participar o vindeiro 31 de marzo na primeira Asemblea xeral ordinaria do ano. A cita é na sede da Fegamp (Área Central, Rúa Varsovia, 4C, 6ª planta), en Santiago de Compostela, ás 11.15 horas en primeira convocatoria e ás 11.30 horas en segunda.

No encontro presentarase o Plan de actividades para 2015, que xirará arredor do décimo aniversario de Vacacións con Traballo. O programa de voluntariado internacional dirixido a persoal das deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade triplicará este ano o número de prazas das últimas edicións. Tamén se exporá o orzamento previsto para o presente exercicio e someterase a aprobación o balance económico do pasado ano.

No transcurso da xuntanza amosarase ademais a Memoria 2014, que baixo o título 'Os Obxectivos do Milenio: Fin e Principios' recolle o que deu de si a pasada anualidade, desde os proxectos de cooperación internacional ata as actividades de sensibilización en Galicia, pasando polas relacións institucionais, a comunicación ou os datos contables.

Ás 13 horas, unha vez finalizada a Asemblea, terá lugar no mesmo espazo a presentación do proxecto Causas Comúns, a prol dos Dereitos Humanos tanto en África como en Europa. O acto contará coa participación de Boubakar Djalo, presidente da ONGD ECAS, de Guinea Bissau, e mais do fotógrafo Gabriel Tizón e da traballadora social Rocío Botana, que desenvolveron parte do proxecto no país lusófono. O evento está aberto a toda a cidadanía, polo que se agradece a súa difusión.

Convocatoria e orde do día
Información sobre Causas Comúns