Aviso:

[Pechar}


Vilasantar 2016-06-30

Vilasantar súmase ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

- O Concello contribuirá ao impulso de proxectos de desenvolvemento en países do Sur e á concienciación da súa veciñanza fronte as desigualdades.

- O alcalde reuniuse esta mañá coa Comisión Executiva da asociación municipalista, que celebrou a súa xuntanza mensual en Vilasantar.

O alcalde de Vilasantar (no centro) recibiu á Comisión Executiva do Fondo Galego. Tamén o rexedor de Sobrado dos Monxes (á esquerda) se interesou pola asociación.O Concello de Vilasantar vén de incorporarse ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, rede na que máis de oitenta municipios e dúas deputacións concentran os seus esforzos a prol da cooperación internacional. Deste xeito, a vila contribuirá ao impulso de proxectos de desenvolvemento en países empobrecidos e mais á concienciación da veciñanza fronte as desigualdades a través de diversas actividades.

O alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, participou esta mañá na xuntanza da Comisión Executiva do Fondo Galego, encabezada pola súa vicepresidenta e concelleira redondelá, Teresa París. En función da súa poboación, ao Concello correspóndelle achegar unha cota anual de 240 euros, que serán reinvestidos tanto en accións de cooperación internacional  como en actividades de sensibilización en Galicia. Fernando Pérez convidou a unirse a esta rede solidaria a outros concellos da comarca, pois a adhesión de novas administracións locais é unha das prioridades das Liñas Estratéxicas 2016-2019 do Fondo Galego.

Vilasantar recibiu precisamente a semana pasada o espectáculo de contacontos da Tropa de Trapo, unha das propostas que os concellos socios poden implementar para promover a defensa dos dereitos humanos, canda exposicións, concertos, charlas ou obradoiros. En canto ás actuacións en países do Sur, na actualidade o Fondo Galego está a apoiar un proxecto a prol da saúde infantil e materna en Mozambique e mais a reconstrución dun centro sanitario danado polas inundacións do outono nos campamentos saharauís. A entidade tamén ten denunciado a situación das persoas refuxiadas nunha declaración institucional.

Ademais de darlle a benvida ao Concello de Vilasantar, a Comisión Executiva abordou esta mañá na xuntanza mensual celebrada na vila coruñesa a andaina do plan de actividades para o ano en curso, o intercambio de experiencias que concelleiras galegas levarán a cabo en Mozambique, o proxecto de post emerxencia tras o terremoto en Ecuador, a terceira fase do programa europeo Redes para o Desenvolvemento, a participación na Confederación de Fondos de ámbito estatal ou o futuro Decreto de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.