Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-10-16

Vinte concellos socios do Fondo Galego de Cooperación conmemoran o Día contra a Pobreza

- Municipios das catro provincias acollen exposicións, contacontos ou obradoiros de radio e consumo responsable ao longo do mes de outubro

- Mañá xoves 17 é o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, no que se conciencia sobre as desigualdades e a loita por un mundo máis xusto

A exposición 'Imaxes con Fondo' pasou por Mugardos a comezos de outubro.Unha vintena de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemoran este mes con distintas actividades o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza que a ONU fixou para o 17 de outubro. Vilas das catro provincias galegas están a acoller exposicións, contacontos e obradoiros de radio ou consumo responsable arredor desta data para concienciar sobre as desigualdades e promover a loita por un mundo máis xusto.

O espectáculo 'Antía, Wamba e o regato pequeno' chegará mañá da man da Tropa de Trapo ao Concello de Xove, onde tamén se amosa a exposición 'Influír no global desde o local'. No IES de Poio permanece a mostra de viñetas 'A paz cuestión de fondo',  mentres que o Multiusos de Redondela alberga outra sobre 'Os Obxectivos do Milenio' e as fotografías de 'Imaxes con Fondo' poden verse no Centro Cívico de Malpica. Na Estrada, Porriño e Oleiros estanse a desenvolver os obradoiros radiofónicos sobre música e valores canda a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e no Concello de San Sadurniño houbo charlas sobre consumo responsable e compra pública ética impartidas pola ONGD Amarante Setem.

Outra decena de concellos asociados ao Fondo Galego acollen nestes días exposicións de organizacións non gobernamentais sobre temas como o comercio xusto, a igualdade de xénero, os dereitos da infancia ou a xestión da auga, en virtude da colaboración establecida coa Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. O Fondo Galego participa e difunde ademais as propostas da campaña Impórtanos!, promovida polo Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade de Vigo, que xunto coa Coordinadora está a impulsar accións de sensibilización e denuncia baixo o lema 'Maniféstate contra a riqueza que empobrece!'. Os horarios e emprazamentos das actividades dos concellos en torno ao 17 de outubro poden consultarse na axenda web do Fondo Galego.