Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-04-23

Volve o certame 'Imaxes con Fondo' para premiar fotografías solidarias e concienciadoras

- Unha viaxe aos proxectos do Fondo Galego de Cooperación en Nicaragua e unha cámara réflex son os principais galardóns nas categorías adulta e xuvenil.
- As obras irán acompañadas dun 'tweet' e a cidadanía poderá votar online, logo un xurado experto seleccionará as gañadoras entre as mellor valoradas.

O fotoxornalista Rober Amado gañou a primeira edición do concurso.O Fondo Galego de Cooperación convoca a segunda edición do certame 'Imaxes con Fondo' para convidar á reflexión arredor da solidariedade e da nosa responsabilidade na construción dun mundo máis xusto. Na categoría de persoas adultas, o primeiro premio será unha viaxe a Nicaragua co fin de realizar un traballo fotográfico sobre os proxectos apoiados pola entidade organizadora no país centroamericano. A sección xuvenil, dirixida a mocidade de entre 14 e 17 anos, está dotada cunha cámara réflex. En ambos os dous casos, o segundo posto recoñecerase cunha cesta de produtos de comercio xusto e o terceiro cun lote de películas de temática social.

'Cambia, reivindica e constrúe' é o lema do apartado para persoas adultas, no que se buscan imaxes que reflictan como determinadas prácticas das sociedades do Norte inciden negativamente sobre os pobos do Sur, contribuíndo así a concienciar sobre os efectos da globalización e a crear unha cidadanía global que denuncie as insxustizas. Á categoría xuvenil, titulada 'A solidariedade dá sentido ás nosas vidas', poderán presentarse fotografías que amosen actitudes solidarias na nosa contorna ou ben que denuncien a insolidariedade, tanto no día a día coma en mobilizacións ou outras actividades.

Unha vez pechado o prazo para a recepción das propostas, que remata o 15 de novembro, a selección das imaxes gañadoras levarase a cabo a través de dous procesos complementarios online e offline. Durante un período duns dez días as e os internautas poderán votar a través do perfil do Fondo Galego en Facebook. A posteriori, as quince fotografías máis votadas de cada categoría serán valoradas por un xurado de persoas expertas, que seleccionará as propostas gañadoras. O fallo darase a coñecer no mes de decembro.

O concurso 'Imaxes con Fondo' está aberto a persoas de calquera nacionalidade, sempre que residan en Galicia. Cada participante poderá presentar ata un máximo de tres fotografías, con cadanseu título e acompañadas dun 'tweet', unha mensaxe en galego de 140 caracteres. Só se admitirán obras inéditas, en cor ou en branco e negro, con formato jpg e unha resolución mínima de 300 ppp, dun tamaño que non exceda os 5 MB. As condicións para a presentación e as bases ao completo poden consultarse en www.fondogalego.org/web/imaxes_con_fondo. A organización atenderá as dúbidas a través do enderezo electrónico imaxesconfondo@gmail.com. A actividade 'Imaxes con Fondo' encádrase no Plan de Sensibilización 2014 do Fondo Galego de Cooperación, cofinanciado pola Xunta de Galicia.