Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-06-02

Xavier Aldekoa: "Non sei como nin cara a onde, pero África é imparable"

O xornalista freelance e multimedia estivo nas redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para falar sobre o continente africano, onde reside como correspondente do xornal La Vanguardia cubrindo conflitos e temas sociais na rexión da África Subsahariana.

No ciberencontro con Xavier Aldekoa, que tivo lugar o pasado xoves 28 de maio, abordáronse múltiples temas, como os retos que afronta un continente "imparable", en constante crecemento demográfico; os problemas e conflitos que arrastra dende o colonialismo e os que afronta na actualidade, coma o xihadismo; a paz e a educación como "armas de construción masiva" ou as motivacións que levan a miles de africanos a arriscar a súa vida por cambiar o único que lles queda: o seu futuro.

Outras cuestións nas que reparou Aldekoa foi a falta de humanidade por parte de Occidente na crise do ébola, a visión de superioridade "a miúdo ofensiva" de Europa cara a África ou o silencio dos medios, que só miran cara África cando hai un tema "influínte".

O #EncontroAldekoa, como se denominou a charla, enmárcase no programa #Alén2015, posto en marcha pola entidade municipalista en 2014 co propósito de avaliar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e coñecer as propostas de diferentes axentes da cooperación e ONGD para a axenda de cooperación post 2015 que se definirá este ano.

Xavier Aldekoa (Barcelona, 1981) é licenciado en Xornalismo pola Universitat Autónoma de Barcelona (2005), diplomado no posgrao de Cultura de Paz e estudante de Ciencias Políticas. Actualmente, é correspondente para ‪‎África‬ Subsahariana de La Vanguardia e reporteiro en Muzungu Producciones.

Froito do seu labor no continente africano saíu á luz o libro Viaje al corazón del hambre, sobre a crise humanitaria no corno de África, e Océano África, no que retrata a diversidade e o extraordinario deste inabarcable continente.

1. Que balance fas dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e que recomendacións suxires para a axenda post 2015, tendo en conta o marco no que se desenvolven os encontros #Alén2015?

Hai evidencias de que algúns países están a avanzar na boa dirección, pero segue habendo demasiada xente en situación de pobreza, demasiada fame e demasiado pouco respecto pola natureza. Entendo os Obxectivos do Milenio como un espertar da conciencia común, non só como unhas cifras que cumprir. Así que aínda que a situación mellora, o obxectivo non está cumprido aínda. Nelson Mandela dicía que se un só neno se ía durmir co estómago baleiro, a súa revolución non tería rematado. Pois fai falta máis.

2. Que opinión che merece o debate sobre a visión de África en positivo e o 'afropesimismo' cando afirmas, por exemplo, que o xihadismo medra entre a pobreza e a incultura? Asumir violencia como sinónimo de analfabetismo non atende a criterios occidentais/estereotipos e mesmo esquece que moitos integrantes dos grupos terroristas son persoas formadas?

Non son partidario do afropositivismo nin do afropesimismo. Eu son xornalista e traballo en contextos felices e en contextos tristes, quizais me quedaría máis co termo 'afrorealismo'. O xihadismo bebe do analfabetismo e a pobreza como fonte de captación, pero non é o único factor nesa situación.

Como dis, hai persoas moi formadas nas cúpulas e tamén entre os guerrilleiros ou suicidas, como foi o caso do atentado de Garissa. Hai un factor clave: o xihadismo medra onde os estados son débiles e non son capaces de ofrecer seguridade e servizos básicos aos seus cidadáns.

3. A cooperación Sur-Sur entre Sudáfrica e o resto dos países veciños no continente continúa na actualidade a ser contemplada como anticooperación ao uso dos países do Norte? Prefírese China a Sudáfrica?

Sudáfrica non conseguiu gañar o liderado do continente. Durante os tempos do apartheid, víaselle como unha forza colonizadora máis. Agora trata de cambialo (a súa presidencia na Unión Africana é un paso nese sentido) pero a súa morneza en asuntos clave (República Centroafricana) ou para denunciar abusos de ditadores veciños, impide que sexa un líder continental. Sudáfrica é a maior porta dos negocios de China, Brasil, India e Rusia no continente.

4. Tes coñecemento da visión local que gobernos e cidadanía teñen de cara os acordos de integración rexional como instrumentos de desenvolvemento na medida en que estes se afastan do concepto tradicional de integración -autocentrado- e se acaban por converter en proxectos integradores baseados en áreas de libre comercio, evidenciando con isto unha cooperación próxima aos postulados das institucións financeiras?

A cooperación é un concepto que nalgúns círculos sociais en África empeza a verse con receo. Atopei moitos africanos que avogan por unha relación de negocios honesta para saír adiante. A cooperación-negocios a nivel rexional é algo que debe desenvolverse moito máis.

Un dos problemas: as estradas e infraestruturas non se construíron para conectar países, senón o centro coa costa para permitir a explotación dos recursos. Hai que cambiar mentalidades, realidades e infraestruturas.

5. Que xornalistas tes como referencia?

Son moi pouco mitómano, así que as miñas referencias no periodismo son persoas ás que adiviño honestidade e humildade. Que cren no seu traballo e empatizan cos protagonistas das súas reportaxes. Penso en Miguel Gil, Kapuscinsky, Jon Lee Anderson, Gervasio Sánchez... pero tamén en fotógrafos como Kim Manresa ou viaxeiros como Pep Bernadas. Gústame a xente que mira aos ollos aos demais, de igual a igual. Guíome máis por iso que polo número de exclusivas ou 'fotazas'.

6. Unha congoleña que leva 30 anos en Galicia dicíame o outro día que O Congo era máis seguro cando estaba colonizado polos belgas que agora, que pensas ti?

Esa frase escoiteina a miúdo en boca de brancos en Sudáfrica. Creo que non se debe confundir a seguridade dunha minoría coa do global. Congo seguro en tempos belgas? A gran maioría da poboación sufría igual. O rei Leopoldo primeiro e Bélxica despois explotaron sen piedade a riqueza do país e condenaron a miles. Iso non me parece seguridade. Hoxe Congo ten zonas en caos e onde se segue abusando, pero o pasado non sempre foi mellor. A fame roxe igual onte que hoxe, vaia.

7. Pode un só reporteiro coma ti ser correspondente en máis de trinta países africanos?

Eu intento ser honesto e falar dos lugares onde vou e falar do que máis ou menos sei. Un só xornalista non pode cubrir un continente tan enorme. Rotundamente, non. Eu intento percorrelo todo o que podo, manchar as botas, escoitar moito e coñecer a canta máis xente me sexa posible para intentar entender máis e poder explicalo mellor. Cada mes fago un ou dúas viaxes, pero non prometo imposibles. Ogallá con iso alcance.

8. Atopaches accións de empresas españolas que prexudicasen directamente a persoas en África e que o intentasen ocultar?

Encontrei empresas de todos lados que prexudican á poboación no Delta do Níxer, Sudáfrica ou o Kalahari. Respecto a empresas españolas, estou a traballar nunha cuestión relacionada con isto, así que espero poder publicar pronto constatacións e probas; e fuxir das suspicacias ou sospeitas.

9. Ata que punto é básico realizar boas políticas de cooperación ao desenvolvemento en África dende Europa para evitar que a xente se vexa obrigada a emigrar?

As boas políticas de cooperación son un aspecto importante, pero non o único. Ás veces quedamos só coa imaxe do valado de Melilla. Outras, como moito, mírase a pobreza como motivo desa fuxida. Pero moi poucas veces imos buscar a responsabilidade que temos en que a situación chegase a ser así.

A escravitude, o abuso sistemático e o espolio de rexións enteiras fóronse perpetuando e fomos/somos responsables da situación actual tamén. Para moita xente, o futuro non é unha oportunidade, é unha ameaza de fame, violencia ou desesperanza. Xa que non se pode cambiar o pasado e o seu presente é irrespirable, é normal que queiran cambiar o único que lles queda: o seu futuro.

10. Cres que o colonialismo, na práctica, deixou de existir? Dende fóra teño a sensación de que non se deixa medrar ao continente africano. Occidente segue tendo demasiado poder. Cal é a túa percepción dende dentro?

A realidade nun continente tan diverso é complexa, e as respostas a miúdo sono máis. O colonialismo como tal, si deixou de existir, pero as presións, a influencia e as poutas do neocolonialismo seguen tendo un peso importante. Aínda así, considero un erro culpar de todos os males a neocolonización.

A falta de bo goberno, a incapacidade de moitos gobernos de respectar a oposición ou de crear estruturas para defender a súa poboación, non sempre son culpa desa herdanza torcida.

Francia ten un peso importante no que acontece en África Occidental, por exemplo, pero a corrupción e o desprezo cara á cidadanía de moitos gobernos é un deber tamén dos propios africanos.

11. A miña pregunta vai orientada á presenza de Daesh en terras africanas. A adhesión de Boko Haram ás filas de Bagdadi representa unha mostra de poderío sen fronteiras? Vexo complicada a coordinación ou colaboración habendo 6.000 km de por medio malia que Charlie Winter o definiu como "a clave do éxito". Cres que Daesh atopará no seu futuro periplo por África a resistencia de milicias locais que poidan exercer a forza que están a exercer, por exemplo, os peshmergas kurdos ou será imprescindible a acción internacional? En última instancia, que perspectivas tes sobre unha posible intervención da OTAN en Libia, Arxelia, etc.?

Hai dúas teorías sobre o significado desa adhesión ao ISIS. A primeira é que é un movemento para gañar adeptos e financiamento e a segunda é que Boko Haram busca internacionalizar a súa causa (ata hai uns anos, o seu obxectivo principal era derrocar o goberno corrupto; agora é crear un califato islámico radical).

A importancia principal dese xesto radica, sobre todo, en se se abrirán novas canles de financiamento e obtención de armamento, xa que Boko Haram podería conectar e colaborar máis doadamente con outros grupos fieis a Daesh en Exipto, Alxeria ou Libia.

A sensación é que non hai grupos similares aos kurdos para facerlles fronte e que a solución residirá na unión de forzas rexionais (Chad, Camerún, Nixeria, etc.) para facerlles fronte. A OTAN non teño moi claro que queira meterse nunha lea tan gorda despois da súa experiencia en Libia.

En todo caso, a solución non serán as armas. Sen educación, saída á pobreza e ao desemprego e unhas estruturas de Estado fortes que ofrezan seguridade e esperanza á poboación, o problema de Boko Haram continuará.

12. Deica cando África vai seguir sendo a África actual?

A independencia de Sudán do Sur en 2011 supuxo a primeira ruptura das fronteiras debuxadas na conferencia de Berlín. En 1993, Eritrea independizouse en referendo, pero volveu ás fronteiras de cando foi colonia italiana, así que Sudán do Sur foi pioneiro aí. Ese movemento apuntáronllo a movementos independentistas no sur de Senegal, os tuaregs do Sahel ou os habitantes de Cabinda. África cambiará probablemente ata no mapa.

E en relación ao seu desenvolvemento, non me cabe dúbida de que así será. Estamos fronte a un continente en crecemento demográfico, que albergará unha poboación nova e cada vez máis educada. Non sei como nin cara a onde, pero África é imparable.

13. Cres que Occidente se preocupou polo ébola cando empezou a ser unha ameaza para eles?

O ébola deixounos en evidencia. Non só é que só reaccionásemos por medo, é que en canto o virus nos deixou de rozar (porque non creo que nin sequera fose unha ameaza real se o comparamos co que acontece en Liberia, Serra Leoa ou Guinea) nos volvemos esquecer.

Cando a auxiliar Teresa Romero se curou de ébola, morreran 4800 africanos; hoxe, pouco máis de sete meses despois, hai máis de 11.149 mortos. En Serra Leoa dixéronme que o virus ataca ao que nos fai humanos: contáxiase a través das caricias, os bicos, as bágoas... Dáme a sensación de que, aínda que non nos contaxiásemos, o ébola atacou á nosa humanidade tamén.

14. Que opinas sobre o desenvolvemento dos gobernos da maior parte de África tras a súa independencia?

Algúns gobernos avanzan, outros todo o contrario e nalgúns países de Occidente pechouse a posibilidade de que os liberadores intentasen cumprir as súas promesas de xustiza social (léase Sankara en Burkina ou Lumumba no Congo). Hai países como Sudáfrica, Botswana, Mauricio ou Senegal que, malia as súas imperfeccións, atoparon unha senda de mellora.

15. Concordas coa imaxe que en xeral os medios ofrecen de África (fame, pobreza, conflitos, epidemias...)?

Os medios de comunicación adoitan fixarse máis no influente ca no importante. Ás veces coincide, aínda que non sempre. 2000 mortos no norte de Nixeria son importantes, pero non son influentes. A min non me gusta falar de continente esquecido, porque elimina a culpa. Ninguén é culpable de esquecer unhas chaves, por exemplo. É un fallo.

Eu prefiro falar de continente silenciado, porque se sabe o que acontece e non se explica o suficiente. A ausencia de noticias sobre formas de estrutura social, cultura, económicas... desdebuxa aínda máis a realidade dun continente diverso e cheo de matices. E que por suposto vai moito máis alá da fame, a guerra e a violencia.

16. Como describirías o continente africano? Eu levo cinco anos morando aquí (Mozambique, agora mesmo) e aínda sinto que non coñezo a súa personalidade...?

África non existe, pero si existen os africanos. Fico con esa diversidade. É imposible definir 1.300 millóns de persoas. Se me pides que quede cunha xeneralidade, diría que África é un continente transparente e humano. Capaz do peor (coma o home) e tamén do mellor (coma o home). Ademais, ambas as dúas cousas amósaas dun xeito cruel ou alegre...

17. Cales son as dificultades máis habituais que atopas no teu traballo diario?

As dificultades adoitan ser de interese dos medios para enviarme ás zonas onde acontecen as cousas. De ausencia de seguimento nos acontecementos (un golpe de estado adoita cubrirse con dous artigos, un breve e adeus). Polo demais, as mesmas dificultades de transporte, calor e ausencia de infraestruturas que padece o resto da xente. Se dedicas tempo e respecto aos locais, adoitan axudarche moito, así que subliñaría máis iso que as dificultades, en realidade.

18. En que medida prexudica o dereito á información da cidadanía o feito de que os medios de comunicación estean a prescindir de correspondentes sobre o terreo?

África nunca tivo demasiados correspondentes en equipo dos medios de comunicación españois. Agora hai unha xeración de xornalistas freelance bastante novos (case todos en torno aos 30 anos) apaixonados polo continente e con moitas ganas de facer bo xornalismo no terreo.

A costa da saúde e cartos moitas veces, pero con máis gañas que ninguén. Si vexo unha tendencia que non me gusta e é que a información en África está excesivamente 'humanitarizada'. Moitos medios non dedican diñeiro a enviar os seus xornalistas e tiran de viaxes con ONG ou organizacións humanitarias para cubrir o continente.

Ao final, emerxencias con moitas arestas (humanitarias, pero tamén económicas, sociais, culturais...) só se cobren dende o prisma humanitario. Ninguén aceptaría cubrir a realidade de Estados Unidos ou a India unicamente dende o prisma das ONG, fan falta outras visións. No entanto, acéptase en África. A min paréceme ben que se dea a visión humanitaria, faltaría máis. Critico que só se faga dende esa vertente e ao medio de comunicación xa lle pareza ben simplemente porque así aforra uns cartos. Paréceme pouco serio.

19. Cal sería o problema máis grave identificado en África? Que podería facer Occidente para axudar? Se pode facer algo, claro...

De novo, as problemáticas difiren segundo os países ou realidades. Un papel proactivo de Occidente para compartir coñecementos ou experiencias pode ser positivo nalgúns casos, pero noutros sería suficiente con que os deixase en paz.

Fuxo do 'boísmo' de "ensinalos a pescar", con que non lles rompésemos a cana ás veces sería bastante. Logo, a solución creo que pasará, queiramos ou non, pola alfabetización. Non sabemos onde están as armas de destrución masiva, pero non hai dúbida de que si existe unha arma de construción masiva: a educación. Canta máis educación ten o pobo, máis consciente é dos seus dereitos e de que debe reclamalos. Iso si, pode ser o primeiro paso do cambio.

20. Que achega a revista 5 W que non veremos nos medios tradicionais?

5 W é un proxecto de xornalismo internacional dunha nova xeración de xornalistas con experiencia en terreo. A maioría traballamos ou traballábamos en medios tradicionais, así que non vimos a dar leccións a ninguén. Queremos crear un recuncho para as crónicas de longa distancia, para as análises feitas con mimo e sen mirar tanto ao reloxo. Para dar voz a esas realidades que normalmente non conseguen facerse demasiado oco no noso día a día pero son importantes para entender o mundo e a nós mesmos.

Cremos que o xornalismo internacional interesa e en 5 W apostaremos por novas narrativas (web, imaxe, vídeo, son...) pero tamén en novas canles de comunicación entre o lector e o xornalista. As redes recortan ese espazo e queremos sacarlle proveito tamén cando esteamos en terreo. A verdade é que o apoio recibido ata agora foi espectacular e só temos palabras de agradecemento.

O noso verkami segue aberto por se alguén quere máis información (iremos anunciando novidades) e lle apetece apoiarnos. Ogallá sexamos moitos, porque a viaxe se anuncia apaixonante.

21. Gustaríame saber a túa opinión acerca da etiqueta "failed state" no caso somalí. Que solucións cres que podería ter un país asolado por unha guerra civil que dura xa máis de 24 anos?

A guerra fría Estados Unidos-URSS foi o inicio do desastre, con dúas potencias loitando pola influencia nun territorio privilexiado para o control do Golfo e armando ata os dentes a un ditador que oprimía a poboación sen piedade. Cando caeu o muro de Berlín e Somalia deixou de interesar aos imperios, o país quedou a mercé de señores da guerra e clans armados ata os dentes, acostumados a pelexar para sobrevivir. A saída de Estados Unidos tras o desastre da batalla de Mogadiscio só deixou máis caos e desgoberno.

Máis tarde, os intentos dun goberno estable (tribunais islámicos) foron riscados de demasiado radicais por Estados Unidos e Etiopía, o seu aliado na zona, e derrocouse sen miramentos. Daquela lama saíu o barro de Al Shabab hoxe. A solución é complicada, sinceramente. Son moitos anos de desgoberno, de pobreza, violencia e desespero e onde a implantación da democracia non ten un encaixe demasiado claro. A paz é o único camiño cara a onde sexa, iso si.

22. Podes darnos un exemplo de como algo que facemos aquí repercute negativamente en África?

Todos nos petos temos móbiles que utilizan coltán, un mineral que ten o 80% das súas reservas mundiais na República Democrática do Congo. A violencia é unha forma de controlar esas minas, das que se extrae o coltán que logo se manda a Asia para que se introduza en móbiles, ordenadores, comprimidos ou aparatos electrónicos que logo chegan a tendas occidentais a prezos máis "razoables". É só un exemplo entre milleiros.

Logo, a visión de superioridade de Europa cara a África a miúdo é ofensiva. Poucas veces se mira ao continente africano como unha terra da que podemos aprender, como unha ponte para compartir coñecemento mutuo. Falamos de sociedades que viven en comunidade dende hai miles de anos, que desenvolveron as súas propias tradicións, expresións culturais, modelos de conduta social... e somos incapaces de observar coa curiosidade de quen quere aprender algo.

Esas miradas, de quen se achega a África só para explotala ou axudala, tamén prexudica, porque nos sitúa en niveis diferentes. Aos africanos, como a todo o mundo, hai que miralos aos ollos e de igual a igual. É a única forma de que empecemos a aprender os uns dos outros.

23. De onde procede a túa paixón por África?

Para ir durmir, o meu pai explicábanos libros aos meus irmáns e a min. Non eran contos infantís, narrábanos o Quixote, O vello e o mar, A volta ao mundo en 80 días, etc. Nun deles, un capitán de quince anos viaxa a África, e recordo que me fascinaba. Tamén lembro un libro de fauna africana na casa da miña avoa que lía cada día de reis, que era cando iamos visitala á súa casa. Supoño que nace de aí, aínda que logo me foi interesando máis a xente, a política e as realidades sociais.

24. A que te refires cando falas dun "continente silenciado" en vez de esquecido?

O adxectivo "esquecido" elimina a culpa. Ninguén ten a culpa de esquecerse algo; faise sen intención, sen querer. E non é exactamente así. Sábese que acontece, pero prefírese dar voz a outras realidades. É unha cuestión de elección. Os medios deciden dar voz a Obama, Merkel ou Rajoy e, polo tanto, relegar ao silencio outras cousas que acontecen no mundo. A África, lamentablemente, demasiado a miúdo lle toca silencio.

Liga o sorteo dende a túa web:
Sorteo #EncontroAldekoa

Resultado do Sorteo

Un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi: Carlos Iglesias