Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-12-23

Xavier Longan: "Podemos converter a pobreza e as desigualdades nunha cousa do pasado"

responsable de Programas na Campaña do Milenio de Nacións Unidas afirmou que con vontade política e a contribución de todos os actores da sociedade pódense cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e, con eles, poñer fin a cuestións agora prioritarias no mundo, como son a pobreza e as desigualdades.

Xavier Longan fixo estas declaracións o pasado mércores 16 de decembro nos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, onde pechou o programa de encontros dixitais #Alén2015, posto en marcha pola entidade municipalista no ano 2014.

Na conversa, fixo balance dos avances dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, por exemplo, na erradicación da pobreza extrema e o acceso á auga potable e recoñeceu os insuficientes logros acadados na redución da mortalidade infantil e mellora da saúde materna.

Así mesmo, amosou o seu convencemento na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que aínda que moi ambiciosos, teñen dúas vantaxes sobre os ODM: son universais e na proposta dos temas que debían albergar houbo unha participación colectiva.

Neste sentido, sinalou o traballo que están a facer dende a Campaña do Milenio, a través diferentes iniciativas, como enquisas globais, mobilizacións cidadás ou exposicións coa finalidade dar a coñecer estas metas entre a cidadanía porque, segundo sinala, "o coñecemento da Axenda de Desenvolvemento é o primeiro paso que se cumpran os ODS".

O #EncontroMilenio, como se denominou charla, enmárcase no programa #Alén2015, posto en marcha pola entidade municipalista en 2014 co propósito de avaliar os ODM e coñecer as propostas de diferentes axentes da cooperación e ONGD para a axenda de desenvolvemento post 2015, que se vén de definir na 70 Asemblea Xeral da ONU, celebrada do 23 ao 25 de setembro en Nova York.

Xavier Longan (Barcelona, 1976) é licenciado en Historia pola Universidade Autónoma de Barcelona, licenciado en Ciencias Políticas e Relacións Internacionais pola Universidade de Lancaster (Reino Unido) e posúe un Mestrado en Política Europea tamén pola Universidade de Lancaster. Na actualidade, exerce como responsable de Programas na Campaña do Milenio de Nacións Unidas. Con anterioridade, foi coordinador de C
campañas para Eurostep e consultor para Europe External Policy Advisors (EEPA) en Bruxelas.

1. Que valoración facedes dende a Campaña do Milenio sobre os ODM e os recentemente aprobados ODS, en base ao voso propio propio traballo e tendo en conta o marco destes encontros dixitais?

De entrada cabe valorar a contribución dos ODM (e da propia Declaración do Milenio que os propiciou) en tanto que folla de ruta común acordada por todos os gobernos do mundo. Os Obxectivos encarnaron unha visión multidimensional da pobreza, situaron ás persoas e en particular ás máis pobres no centro da axenda de desenvolvemento e facilitaron a articulación dun movemento global para reclamar o seu cumprimento.

En canto ao nivel de consecución de cada un dos Obxectivos, o balance deixa luces e sombras; conseguíronse progresos máis que notables nalgunhas áreas, por exemplo, a erradicación da pobreza extrema (ODM 1) e o acceso á auga potable (ODM 7). Con todo, o avance foi claramente insuficiente en ámbitos como a loita para reducir a mortalidade infantil (ODM 4) e mellorar a saúde materna (ODM 5). Para información detallada sobre cada ODM, recoméndovos botar unha ollada ao Informe ODM 2015.

En canto aos ODS, a súa aprobación por parte de todos os Estados Membros de Nacións Unidas en Nova York o 26 de setembro de 2015 foi un evento histórico. Destacaría de entrada dous aspectos dos ODS que reflicten un cambio de tendencia fundamental: os ODS formuláronse sobre a base dun proceso de consulta sen precedentes (a diferenza dos ODM que se acordaron practicamente a porta pechada); os ODS son unha axenda universal que deben cumprir todos os países do mundo (a diferenza dos ODM que era unha axenda fundamentalmente enfocada aos países en desenvolvemento).

2. Que valoración facedes do voso propio traballo dende a Campaña del Milenio de Nacións Unidas en canto á promoción dos ODM durante estes últimos 15 anos? Que proxectos tedes de cara a 2030 cos ODS?

Desde a Campaña valoramos moi positivamente o esforzo que realizamos para dar a coñecer os ODM en España e ao redor do mundo, sempre da man dun grandísimo número de socios.

A Campaña chegou a España en 2004 e en 2005 contribuímos na creación da Alianza Española contra a Pobreza e impulsamos iniciativas globais de mobilización como 'Levántate e actúa contra a pobreza', á que se sumaron máis de 173 millóns de persoas en todo o mundo só en 2009.

Máis recentemente, dedicamos gran parte dos nosos esforzos para deseñar mecanismos innovadores que permitiron á cidadanía participar na definición da nova axenda de desenvolvemento sustentable.

Entre eles, gustaríame destacar a enquisa 'O meu mundo' sobre as prioridades para a nova axenda, que contou coa participación de máis de 9,5 millóns de persoas en todo o mundo! Os resultados da enquisa están dispoñibles aquí, incluída a análise da votación en España (onde participaron máis de 25.000 persoas). Precisamente, una das iniciativas que temos previsto lanzar proximamente é unha nova versión da enquisa centrada nos ODS. Podedes visitar a versión beta aquí.

Como Campaña, recibimos un novo mandato do secretario xeral de Nacións Unidas para os próximos 15 anos, ata a data límite acordada para lograr os ODS. Así que a día de hoxe os nosos esforzos están centrados en dar a coñecer os ODS, contribuír á súa implementación e continuar facilitando mecanismos de diálogo e participación para facilitar a súa consecución.

3. Estamos en campaña electoral, precisamente na súa recta final. Dos partidos que aspiran á Moncloa, cal ves que dedicou máis parte do seu programa para cumprir os Obxectivos do Milenio? A cal ves máis capacitado para logralo?

O avance ou retroceso nas políticas sobre os ODM foi o resultado en gran medida das accións de goberno, máis que dos programas duns partidos. No caso dos ODS a responsabilidade do seu cumprimento será igualmente do goberno, pero é necesario un acordo transversal de todos os grupos parlamentarios para garantir un avance real. E así mesmo, será necesario que todos os actores, incluídos os gobernos locais, sociedade civil, sector privado, etc. se impliquen igualmente.

4. É posible "un mundo xusto" nun prazo de 15 anos? Que habería que cambiar para que se materializase?

Na miña opinión, a premisa principal para o logro da axenda e para un mundo máis xusto é a vontade política. Sen ela, será imposible avanzar. Ademais é necesario que todas as políticas vaian dirixidas ao logro dos Obxectivos, e para iso é necesaria a coherencia de políticas tanto a nivel horizontal (entre todos os ministerios) como vertical (dentro de cada ministerio).

A Generalitat Valenciana e a Generalitat de Catalunya, por exemplo, iniciaron algunhas conversas neste senso e estableceron grupos de traballo interdepartamentais encargados de elaborar un plan para "aterrar" os ODS nos seus plans de goberno e no desenvolvemento das súas políticas. Comparto unha nota de prensa respecto diso.

Todo iso require, así mesmo, dunha reforma institucional que adecúe a arquitectura institucional dos gobernos á nova axenda dos ODS. Recoméndovos este artigo de Beatriz Novales e Juan López Dóriga en El País que profunda niso.

E, como non, será tamén necesaria a sensibilización e, en particular, a mobilización cidadá para garantir que os compromisos se cumpren e para contribuír á propia implementación da axenda.

5. A campaña foi global ou desenvolvestes o voso traballo en lugares ou actividades concretas? Cales son os obxectivos concretos para este 2016?

A Campaña do Milenio é unha iniciativa de alcance global creada no ano 2002 para sensibilizar e mobilizar á opinión pública en apoio aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. 

Como comentaba, moitas das accións da Campaña leváronse a cabo a nivel global, pero tamén desenvolvemos iniciativas específicas en España. Un exemplo recente é a exposición 'My world, retos para un mundo mellor' producida pola Obra Social de La Caixa coa colaboración da Campaña. Esta exposición presenta o balance dos ODM e ao mesmo tempo dá conta das voces de persoas de todo o mundo que participaron na definición dos ODS. E, por suposto, inclúe un percorrido polos propios ODS.

En canto aos obxectivos para 2016, a prioridade é o que nós chamamos "popularizar" os ODS, isto é, dalos a coñecer entre a opinión pública. Esta é unha tarefa clave na que todo o mundo debe implicarse. Hai uns días, por exemplo, falaba cuns estudantes sobre os ODS e insistíalles en que llo explicasen aos seus pais. O coñecemento da axenda é o primeiro paso para xerar a presión necesaria para que se cumpran.

6. Que balance fas da cobertura dos ODM nos medios? Hai algunha estratexia para difundir os ODS? Como quedan os dereitos relacionados coa comunicación nos novos Obxectivos?

Na miña opinión, a cobertura dos ODM nos medios foi insuficiente e moi a miúdo déuselle máis relevo ao que non se logrou que aos progresos conseguidos. En certo modo, este é un fenómeno que afecta non só aos ODM, senón ao ámbito do desenvolvemento en xeral.

Dito isto, o labor dos medios de comunicación á hora de difundir os ODS e xerar unha opinión pública informada é absolutamente crítica. Confiamos contar con eles nesta fase que inauguramos agora e, por suposto, aprender das leccións aprendidas, xa que cómpre dicir que ás veces nós mesmos non soubemos interlocutar cos medios da mellor maneira e adaptarnos á súa "linguaxe" e dinámicas propias.

Nun sentido máis amplo, a comunicación entendida como transferencia e intercambio de coñecementos, tecnoloxía e innovación entre os países é un elemento central na Axenda 2030 e será un mecanismo de implementación clave para que esta chegue a bo porto.

7. Pensas que a vosa mensaxe está chegando á xente? Porque se se sae do "mundillo" da cooperación a ninguén lle soan nin os ODM nin os ODS. Ou hai unha falta total de interese ou algo falla, non cres?

Efectivamente, é moi importante ser conscientes do nivel de descoñecemento sobre estes temas por parte da maioría da poboación! Por iso comentaba nun post anterior que é moi importante adaptar e adecuar as mensaxes ás diferentes audiencias e ás diferentes canles. A "boa noticia" é que, mentres que os ODM son fundamentalmente unha axenda orientada a erradicar a extrema pobreza nos países en desenvolvemento, os ODS son universais, e o Goberno español, os gobernos europeos e todos os membros da OCDE están comprometidos co seu cumprimento.

Ademais, os ODS inclúen un gran número de asuntos que teñen moitísimo que ver coa realidade no noso país. Amósovos algún deles a modo de exemplo:

  • 5.2 Eliminar todas as formas de violencia contra todas as mulleres e as nenas.
  • 7.2 De aquí a 2030, aumentar considerablemente a proporción de enerxía renovable no conxunto de fontes enerxéticas.
  • 8.5 De aquí a 2030, lograr o emprego pleno e produtivo e o traballo decente para todas as mulleres e os homes.
  • 16.5 Reducir considerablemente a corrupción e o suborno en todas as súas formas.
  • 16.10 Garantir o acceso público á información e protexer as liberdades fundamentais.

Por certo, podedes ver a listaxe de 17 ODS e 169 metas asociadas (como as compartidas aquí).

8. Unha das diferenzas dos ODS respecto aos ODM é que son universais. Nos países desenvolvidos están máis dispostos que nos subdesenvolvidos a cumprir os obxectivos? Teñen as ferramentas para facelo ou a ONU axúdaos dalgún xeito? Cos ODM non se chegou ás cifras esperadas e eran oito, os ODS son 17... Consideras que se acadarán?

Quero pensar que a maioría de países teñen a vontade de que se cumpran os ODS e moitos teñen efectivamente as ferramentas para logralos. Aos que non as teñen, haberá que apoialos (e non só con financiamento senón tamén con capacitación, coñecemento, tecnoloxía, etc.).

En canto a se chegaremos a conseguilos, quero pensar que si! Poden parecer moi ambiciosos, pero coa contribución de todos e con vontade política pódense lograr. A este respecto, adoito lembrar a miúdo que o voto feminino tamén pareceu unha utopía no seu momento e agora ninguén no seu xuízo o cuestionaría! Sen dúbida, podemos converter a pobreza e as desigualdades nunha cousa do pasado; non vai ser doado pero estou convencido de que é posible.

9. Os obxectivos relativos ao clima son dos temas máis complicados de cumprir nos ODS? Compleméntanse co pacto que se firmou en París?

Por suposto, os ODS e o acordo de París son complementarios, e efectivamente esperemos que o cumpran todos!! En realidade sería difícil concibir unha axenda de desenvolvemento que non contemplase como garantir a supervivencia e a sustentabilidade do noso planeta.

O acordo de París abre un camiño moi esperanzador para atallar o quecemento global e as emisións contaminantes. Inclúe ademais un compromiso para mobilizar recursos para iso (un 100.000 millóns de dólares ao ano a partir de 2020) para mellorar a transparencia e para revisar os compromisos á alza cada cinco anos.

Sen dúbida, cómpre facer máis e mellor, pero non podemos subestimar o que este acordo significa para construír un futuro sustentable para as xeracións futuras! Por certo, o documento final da COP 21 de París está dispoñible aquí.

Resultado do sorteo mensual

Un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi: Ignacio Hernández

Resultado do sorteo anual

Sorteo dun lote de libros por participar nos encontros dixitais #Alén2015 do ano 2015 organizados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade: Lucía Mosquera