Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-12-21

Conclúe o proxecto cofinanciado polo Fondo Galego para fortalecer a participación cidadá en Nicaragua

- A ONGD Paz e Desenvolvemento impulsou esta actuación no municipio de Totogalpa co Instituto de Promoción Humana como parceiro sobre o terreo

- O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade achegou 50.000 euros á iniciativa que involucra a poboación nos orzamentos e no desenvolvemento local

Xuntanza dos participantes no proxecto a prol da participación cidadá desenvolvido no municipio nicaraguano de Totogalpa.No municipio nicaraguano de Totogalpa vén de rematar o proxecto cofinanciado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para promover a participación cidadá. A entidade achegou 50.000 euros á proposta presentada pola ONGD Paz e Desenvolvemento en 2009 á convocatoria de subvencións para proxectos de cooperación internacional ao desenvolvemento. O Instituto de Promoción Humana (INPRUH), parceiro tradicional do Fondo Galego, implementou a iniciativa no terreo.

Baixo o título ‘Fomento da participación cidadá no marco dos Gabinetes do Poder Cidadán no municipio de Totogalpa’, departamento de Madriz, o proxecto pretende contribuír á consolidación da democracia, a gobernabilidade e a cultura política. Para isto apoiouse ás organizacións comunitarias fortalecendo as súas capacidades para o exercicio da participación cidadá. Reforzouse a súa estrutura, articulouse a participación sectorial e territorial para a incidencia política no desenvolvemento local e fortaleceuse a oficina de participación cidadá na Alcaldía de Totogalpa.

Para acadar estes resultados, leváronse a cabo actividades como a presentación da iniciativa aos diferentes actores sociais, o equipamento e a capacitación das organizacións comunitarias, as accións de sensibilización ou o proceso de consulta para a elaboración do orzamento municipal e do plan estratéxico de desenvolvemento local. Conséguese así robustecer as capacidades do goberno local e dos actores vinculados ás estruturas comunitarias –como consellos microrrexionais, padroados escolares e consellos de anciáns- para buscar, de xeito consensuado, solucións ás problemáticas reais dunha poboación con altos niveis de pobreza.

Incorporar as demandas aos orzamentos

Traballouse especificamente na formación das e dos membros dos Gabinetes do Poder Cidadán (GPC), principalmente mocidade, mulleres, líderes e lideresas e máis comunidades indíxenas. Os 45 gabinetes fiscalizan o funcionamento do funcionariado e dos servizos públicos. Establécense en cada comarca e barrio para exerceren a participación cidadá na xestión pública do desenvolvemento do territorio, no marco dunha política de descentralización que permite as poboadoras e poboadores trasladar as súas necesidades. Os GPC encárganse, por exemplo, de definir as demandas priorizadas pola poboación para que se incorporen ao orzamento municipal ou ao plan estratéxico de desenvolvemento local.

Cada integrante do GPC encárgase dun tema, dende o medio ambiente e as infraestruturas ata a educación e a saúde, pasando polo emprego, a cultura ou as cuestións de xénero. Todas e todos eles, xunto cos e coas compoñentes do consello municipal, son beneficiarias e beneficiarios directos do proxecto cofinanciado polo Fondo Galego, o que suma un total de 728 persoas. No entanto, as e os 11.200 habitantes de Totogalpa benefícianse indirectamente da actuación, xa que participan representantes de todas as comunidades, que impulsarán ese efecto multiplicador.

O proxecto, que se executa dentro do Programa para a promoción e defensa dos Dereitos Humanos, formou as persoas participantes en temáticas como marco xurídico, liderado, democracia, negociación, autoestima, planificación estratéxica, etc. Tratábase de promover a organización comunitaria en base a un modelo participativo, fortalecendo os espazos para a concertación e a participación na toma de decisións. Asemade, a oficina de participación cidadá, unha vez equipada, converteuse tamén nun punto de asesoramento e de acceso á información.

A base do desenvolvemento local constitúea a participación activa da poboación, articulando todos os sectores e esforzos. A iniciativa executada por Paz e Desenvolvemento e o INPRHU involucra as afectadas e afectados na resolución dos seus problemas, polo que se agarda que se revele sostible no tempo. Contémplase asemade a equidade de xénero, cunha participación igualitaria das mulleres, reafirmando o empoderamento feminino.