Aviso:

[Pechar}


Lugo 2010-06-25

As VI Xornadas do Fondo Galego conclúen que a crise non xustifica reducir os recursos de cooperación

- Representantes do sector cooperante galego debaten sobre as iniciativas de sensibilización no contexto de crise económica, o II Plan Director e mais as dificultades galegas na reacción a situacións de emerxencia internacionais

O presidente do Fondo Galego, Alfredo Novoa, e a vicepresidenta terceira da Deputación de Lugo, María Xosé Vega, inauguraron as VI Xornadas Anuais de Cooperación.As relatoras e relatores das VI Xornadas Anuais de Cooperación coincidiron esta mañá en salientar que a crise non pode ser unha escusa para que as institucións reduzan os recursos destinados á cooperación internacional. Baixo o epígrafe ‘A cooperación galega perante a crise económica e os desastres naturais’ celebrouse esta mañá na Deputación de Lugo o encontro que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén organizando dende 2004. O evento concíbese como un espazo de debate entre os diferentes axentes da cooperación, públicos e privados. O novo Plan Director da Cooperación Galega, o papel das iniciativas de sensibilización e educación para o desenvolvemento no marco da crise, e mais a axuda de emerxencia dende Galicia centraron as mesas redondas da presente edición.

A vicepresidenta terceira da Deputación de Lugo, María Xosé Vega, e mais o presidente do Fondo Galego, Alfredo Novoa, encargáronse de inaugurar as VI Xornadas Anuais de Cooperación. Vega insistiu en que nestes momentos de crise as institucións non poden minguar as súas achegas “porque hai moito que axudar e moito por facer noutros países”. No mesmo senso se pronunciou Novoa, pois “a crise  están a padecela moito máis os países  do Sur”. O presidente do Fondo Galego avogou por “manter vivo o espírito da cooperación” continuando os esforzos nesta liña e mesmo incorporando novos programas.

Os relatorios iniciáronse coa mesa sobre  ‘Os programas de voluntariado no Sur… ferramentas de sensibilización?’, moderada polo xornalista David Reinero. O responsable técnico de Amarante Setem, Adrián Serantes, explicou as bases do programa ‘Xanela aberta ao Sur’ que desenvolve a ONGD co fin de achegar a realidade destes países a Galicia a través de actividades formativas e estadías en Marrocos, Ecuador ou Brasil. Obxectivos semellantes ten a iniciativa ‘Vacacións con Traballo’ que detallou Pilar Gallego, da Comisión Executiva do Fondo Galego. Este programa permítelle aos técnicos das administracións socias participar en proxectos en Cuba, Nicaragua, Perú e Cabo Verde, conseguindo así reforzar as capacidades das entidades parceiras e sensibilizar, trala experiencia, ás institucións galegas a prol destes proxectos.
                                                                                                                
Co título ‘A sensibilización e a educación para o desenvolvemento en Galicia: diferentes perspectivas nun contexto de crise’ desenvolveuse o seguinte debate, moderado polo fotógrafo Óscar Vázquez, responsable en Lugo da Asociación Galega de Reporteiros Solidarias (Agareso). O técnico de sensibilización do Fondo Galego, Daniel González, enumerou as actividades que a entidade leva a cabo neste ámbito, reforzadas grazas ás Redes Municipalistas Solidarias onde se integran técnicos de cada unha das administracións socias. Entre estas accións cítanse espectáculos teatrais, promoción do comercio xusto ou Visitas ao Norte coma a que este ano se materializou coa viaxe a Galicia de parceiros do Fondo no Perú.

“Non invisibilizar a pobreza”

Pola súa banda, Helena Capera, técnica de comunicación exterior e sensibilización da Coordinadora Galega de ONGDs, fixo fincapé na incidencia política que deben ter as iniciativas neste eido “para que os orzamentos non se reduzan, porque as necesidades no Sur son agora máis grandes”. “Nun contexto de crise, a educación para o desenvolvemento está máis xustificada ca nunca”, dixo. Capera apostou por traballar aspectos como a formación e a comunicación para xerar unha conciencia crítica e incidir así sobre as causas que subxacen nas desigualdades Norte-Sur e ”para non invisibilizar a pobreza”. O director da Oficina de Relacións Exteriores da USC, Enrique López, pechou a rolda de intervencións explicando os programas que a Universidade de Santiago de Compostela leva a cabo no sector. Tecnoloxía dos alimentos, desenvolvemento rural ou socioloxía son algunhas das materias que centran os proxectos liderados pola institución. Nos últimos cinco anos, os programas de mobilidade de estudantes con países en vías de desenvolvemento saldáronse co desprazamento de 294 alumnos enviados e 1605 recibidos.

A terceira mesa das VI Xornadas Anuais de Cooperación analizou polo miúdo ‘O novo Plan Director da cooperación galega 2010-2013’, nun debate moderado por Isabel Rodríguez, da Comisión Executiva do Fondo Galego. Carlos Teijo, profesor da USC que coordinou a avaliación do antigo Plan Director, repasou os aspectos positivos e negativos daquel texto. Considerou que o novo Plan establece boas medidas correctoras dos principais elementos negativos do anterior. José Antonio Alonso, director do ICEI que interveu na elaboración do actual II Plan Director, apuntou que “se cumpriron de xeito aceptable os obxectivos fixados para o Plan anterior” e considerou un acerto ter aproveitado as vantaxes que ten terse virado cara países lusófonos. Considerou que houbo un  progreso no fortalecemento do sector cooperante galego, aínda que sinalou eivas como a aínda excesiva fragmentación da cooperación ou a desvirtuación dalgúns dos instrumentos previstos.

Os participantes na derradeira mesa do encontro reflexionaron sobre ‘A axuda de emerxencia en Galicia’, tendo en conta a recente experiencia do Haití. O consultor de Estratega Consulting Global, Emilio Martínez, moderou as quendas de palabra que iniciou a coordinadora autonómica de Cooperación Internacional en Cruz Vermella de Galicia. Carmen Díaz-Pache repasou as diferentes fases e ferramentas da intervención nunha catástrofe como a de Haití e cómo se canaliza a través da Federación Internacional de Cruz Vermella. A técnica da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, Teresa López, explicou o funcionamento desta entidade, que está previsto que desapareza como tal este ano. O presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade explicou que “a emerxencia require unha tremenda estrutura” e que ningunha das Administracións públicas de Galicia ten capacidade para intervir de modo directo nese tipo de situacións, debendo centrarse nos labores de reconstrución. Unha fase de reconstrución tan relevante como a de emerxencia, tendo en conta o longo percorrido das nefastas consecuencias das catástrofes nos países do Sur e o ostracismo a que estas son relegadas ás poucas semanas.