Aviso:

[Pechar}



Convenio 2014 Federación Galega de Municipios e Provincias-Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Acordo de colaboración entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Reunidos en Santiago de Compostela, a 5 de febreiro de 2014.

Dunha banda, Jose Manuel Rey Varela, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, e doutra Teresa París Blanco, presidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

MANIFESTAN

Primeiro. Que como se recolle nos convenios de 8 de xaneiro de 1998 e de 6 de outubro de 2005, a Fegamp está disposta a contribuír na medida das súas posibilidades ao desenvolvemento de accións de cooperación e solidariedade internacional que fagan partícipe ao municipalismo galego do compromiso universal coa defensa e promoción dos Dereitos Humanos.

Segundo. Que desde a fundación do Fondo Galego, en novembro de 1997, esta asociación municipalista tense convertido nun punto de encontro da cooperación municipalista galega, estando asociados actualmente 95 entidades, conformándose de facto como a súa axencia para a cooperación internacional e como a rede sectorial máis numerosa do municipalismo galego.

Terceiro.  Que durante os seus 15 anos de andaina, o Fondo Galego tense consolidado como un servizo mancomunado da administración local galega non só para a execución de proxectos de cooperación internacional senón como unha rede de actividades de sensibilización en Galicia que incorporan á axenda local a defensa e promoción dos Dereitos Humanos.

Cuarto. Que a Fegamp considera positivo e necesario que o Fondo Galego, como axencia da cooperación internacional municipalista galega, posibilite unha opción ampla, plural, participativa e democrática e fomente a colaboración de todas as entidades locais galegas con independencia do seu tamaño e posibilidades orzamentarias.

Quinto. Que ambas partes reafirman a idoneidade e valor cualitativo do espazo local como ámbito para fomentar a conciencia e o compromiso cívico coa erradicación da pobreza e o fomento da igualdade e a xustiza social no eido global.

En consecuencia, ACORDAN

Primeiro. A Fegamp reitera o seu apoio institucional, material e técnico ao Fondo Galego, apostando polo reforzamento do diálogo e acción concertada en temas de interese común.

Segundo.  A Fegamp sinala ao Fondo como a axencia do municipalismo galego en materia de cooperación internacional e promoción en Galicia dos Dereitos Humanos, un servizo público mancomunado que promove a solidariedade desde Galicia e que insire aos podere locais galegos nas dinámicas da sociedade do S.XXI.

Terceiro. A Fegamp recomenda aos Concellos e as Deputacións a súa adhesión ao Fondo Galego para consolidalo como axencia da cooperación internacional municipalista galega e instrumento ao servizo da acción exterior de Galicia.

Cuarto. A Fegamp manifesta que dado o sistema de cotas mínimas e o modelo de xestión e dirección do Fondo, a fórmula cooperativa permite a acción coordinada de todo o municipalismo nesta materia e evita a reiteración de duplicidades gañando en efectividade e incidencia minimizando os custes de xestión.

Quinto. O Fondo Galego asume o compromiso de asesorar, cando así sexa preciso e na medida das súas posibilidades, a todas as entidades locais de Galicia en materia de cooperación internacional e defensa dos Dereitos Humanos.

Sexto. Ambas entidades comprométense desta maneira a coordinar as posicións do municipalismo galego en materia de solidariedade que deban expresarse en todo tipo de foros.

Sétimo. A Fegamp e o Fondo Galego coordinaranse para visibilizar máis e mellor en todos os espazos de comunicación pertinentes o labor de ámbalas dúas entidades.

Oitavo. A Fegamp e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade acordan establecer unha comisión de seguemento deste acordo que se reunirá anualmente.