Aviso:

[Pechar}



Declaración Programática

  1. A realidade dun mundo dividido en sociedades ricas e empobrecidas que orixina consecuencias inxustas e dramáticas para máis do 80 por cento dos seres humanos e a constatación dun agravamento imparable desas diferencias e desigualdades, fan inevitable que desde todos os ámbitos institucionais se adopten actitudes e accións coherentes para contribuir á construcción dun mundo máis xusto e solidario.
  2. A Administración Local galega asume como liña de actuación propia a participación en proxectos e programas de cooperación, desenvolvemento e solidariedade internacional, potenciando e asumindo este eixe de actuación como un espacio de encontro entre as diferentes sensibilidades políticas e partidarias que poden estar representadas en todas e cada unha das nosas Corporacións, evitando atomizacións, competitividades estériles, fraccionamentos, ou duplicidades,e postulando a práctica dunha cooperación que en ningún caso anule a autonomía de cada quen.
  3. A Administración local galega entende a cooperación como un método e unha estratexia para vertebrar a solidariedade cos pobos e sociedades máis desfavorecidas, comprometendo, impulsando e propiciando a creación dun tecido solidario en cada poboación de xeito que se abra camiño a esixencia dunha nova orde económica internacional máis xusta e a erradicación daquelas trabas e impedimentos que dificultan a eliminación da pobreza e as desigualdades.
  4. Igualmente a Administración local galega impulsará a coordinación das políticas de cooperación no seo do municipalismo para fortalecer o poder local e democrático nos pobos en vías de desenvolvemento, para facilitar a súa incorporacion a procesos de progreso baseados en transformacións políticas, económicas e sociais que aseguren un maior e pleno respecto ós dereitos humanos. Neste sentido, procurarase compatibilizar a materialización dos proxectos coa participación directa de axentes colaboradores nas comunidades de destino de xeito que poidan actuar como motores do seu propio desenvolvemento.
  5. Na medida en que a cooperación engloba a todas as situacións de inxustiza, marxinalidade, etc, entendemos que á hora de establecer as políticas locais de cooperación deberianse priorizar algunhas zonas xeográficas e algúns sectores máis vulnerables, co fin de lograr unha máxima eficacia no uso dos recursos. Parcialmente as políticas de cooperación a impulsar pola administración local galega poderán asumir unha orientación específica respecto daquelas comunidades máis afíns por razóns de índole histórica, económica, social ou política, sen establecer discriminacións por razóns de orde ideolóxica.
  6. Os asinantes da presente Declaración Programática asumen o compromiso de promover unha aproximación progresiva da porcentaxe do orzamento ordinario da respectiva Corporación destinada a políticas de cooperación ó minimo do 0.7% recomendado polas Nacións Unidas.
  7. A Administración Local galega favorecerá e estimulará unha maior sensibilización e comprensión cidadá arredor da necesidade de exercer unha rica e maior solidariedade do Norte co Sur, con políticas xenerosas e abertas á participación plural dos diferentes e múltiples axentes sociais, conscientes de que non soamente se trata con estas políticas de favorecer un desenvolvemento sostible e integral nos países destinatarios de axuda senón igualmente de incrementar a conciencia social e crítica dos nosos cidadáns, de potenciar a recuperación dunha ética firmemente asentada en valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade entre todas as persoas.
  8. Para o desenvolvemento das políticas de cooperación e de solidariedade, a  administración local galega potenciará as relacións e o entendemento coas ONGs, colaborará na satisfacción das necesidades de formación dos cooperantes e do personal propio, practicará unha política de transparencia e igualdade de oportunidades, sen perxuicio de desenvolver a propia iniciativa pública na medida das súas posibilidades.
  9. A presente Declaración Programática pretende ser a base mínima de entendemento para o exercicio das políticas de cooperación e solidariedade por parte das administracións locais galegas, o nexo filosófico que de sentido á coordinación, interlocución e aprendizaxe mutua, sen merma do máis escrupuloso respecto á autonomía de cada Corporación para asumir compromisos de maior envergadura.
Declaración Programática