Aviso:

[Pechar}



Estratexias 2007-2011 do Fondo Galego de Cooperación

 

Cómpre que o Fondo lidere un novo impulso da cooperación municipalista que permita acompañar de modo claro ese proceso e o dignifique a todos os niveis. Este é o principal desafío da actual lexislatura.

1. Presentación

A dez anos da súa creación, pode afirmarse que o Fondo Galego fixo asomar unha cultura da cooperación internacional no seo das entidades locais, antes inexistente, que facilita a incorporación desta dimensión das políticas públicas á xestión municipal. Cunha acción baseada na concertación e no consenso entre os diferentes actores partidarios con presenza no eido local e na búsqueda de complicidades no entorno, cuns mínimos medios, logrouse establecer unha base asociativa substancialmente representativa e xerar unha dinámica que apunta á vertebración dun modelo de cooperación estratexicamente orientado á especialización nas áreas propias do actuar local.

Nos últimos tempos e, en especial na última lexislatura, o enriquecemento da actividade do Fondo permitiu a formulación de dinámicas de cooperación máis complexas e a participación en fórmulas de xestión máis ambiciosas que sitúan a cooperación local galega na vangarda internacional.

Coa disposición deses mimbres, e nun intre en que o conxunto da sociedade galega amosa unha sensibilidade crecente a respecto da importancia dun compromiso sostido e a fondo coa cooperación e a solidariedade internacional, cómpre que o Fondo lidere un novo impulso da cooperación municipalista que permita acompañar de modo claro ese proceso e o dignifique a todos os niveis. Este é o principal desafío da actual lexislatura.

2. Bases de actuación para o período 2007-2011

Os piares principais nos que debemos asentar a estratexia para esta nova lexislatura son os seguintes:

2.1 Consolidar e completar a estrutura básica do Fondo Galego, dotándoa de medios suficientes e recabando a complicidade das entidades asociadas para promover e facilitar a participación nas actividades programadas. A adhesión ao Fondo non significa unha inhibitoria transferencia de responsabilidades, senón a habilitación dun espazo de encontro para o intercambio de experiencias e a programación conxunta de accións, optimizando recursos e establecendo as sinerxías precisas para atinxir un obxectivo común.

Como aspecto novidoso, saliéntase a importancia de contemplar un ámbito específico de traballo coas cidades e as deputacións (COCIDE), de forma que, en razón da singularidade demográfica destes actores e a dimensión da súa achega económica, poidan establecerse dúas velocidades da cooperación local galega, con ritmos máis axustados e precisos en función desas singularidades que establecen unha marcada diferenza entre estes e os demais asociados.

En calquera caso, sempre será preocupación do Fondo a insistencia en mimar a cohesión necesaria de todo o compromiso internacional da cooperación local galega e a permeabilización das súas políticas entre toda a súa base asociativa.

2.2. Perseverar e afondar no modelo de cooperación, a dous niveis. En primeiro lugar, persuadindo da necesidade de diferenciar entre as actividades de sensibilización, cun marco preferente que é o local, e o financiamento de proxectos, cun marco preferente que é o desenvolvido polo propio Fondo, en todas ou en parte das fases da actuación. Esa dobre vía garántenos a eficiencia e o rigor nas actuacións financiadas, a visibilidade local do compromiso cooperante e a proximidade coas respectivas sociedades locais á hora de facer valer tanto a necesidade como a transparencia no eido da solidariedade internacional.

En segundo lugar, é esencial afondar na singularidade local como eixe prioritario das actuacións nas que o Fondo se comprometa, en condicións de transferir ao Sur as competencias técnicas que a diferentes niveis asume e xestiona o poder local galego. A intensa evolución experimentada polo sistema municipal nas últimas tres décadas brinda unha oportunidade excelente para capitalizar esa experiencia en forma de solidariedade.

En terceiro lugar, este modelo de cooperación debe contemplar a integración dos enfoques transversais da promoción de igualdade entre homes e mulleres e a defensa da sostibilidade ambiental de xeito real ao longo de todas as intervencións nas diferentes fases do proxectos de desenvolvemento nos que participe o Fondo, favorecendo o alcance dos Obxectivos do Milenio da ONU.

2.3. Completar o ciclo do proxecto. Debemos provernos dos medios e as ferramentas precisas para acompañar os procesos de identificación, formulación, execución e avaliación a través de metodoloxías que garantan a calidade e o impacto real dos (principais) proxectos de desenvolvemento financiados polo Fondo, en especial, daqueles inmersos en Programas, o mecanismo preferente ao que debemos orientar a nosa cooperación. A tal efecto, urxe ampliar as bases técnicas do Fondo a partir das potencialidades existentes nas plantillas municipais e impulsar a realización de Misións mixtas (políticos e técnicos) anuais para acompañar in situ os proxectos financiados. Esta garantía de acompañamento constitúe un valor en si mesmo da cooperación local e que só o Fondo está en condicións de afrontar debidamente, consolidándoa como unha das súas vantaxes máis destacadas en relación á xestión individualizada da cooperación.

2.4. Afortalar e enriquecer a sensibilización. O crecemento das actividades de sensibilización constitúe un dos trazos mais destacados da última lexislatura. Ademais de perseverar nesa vía, no novo período deberemos avaliar a procedencia de establecer mecanismos de apoio e asistencia para facilitar a realización de convocatorias abertas e públicas en materia de sensibilización naquelas entidades asociadas que desexen abordalas, de forma individual ou conxunta. Por outra banda, a consolidación da Rede Municipalista Solidaria e a habilitación de dúas vías de programación que se retroalimenten son factores indispensables para consolidar o logrado e abrir expectativas a unha maior intensificación das accións de sensibilización. Asemade, nesta mesma liña comezaremos a traballar no eido da Educación para o Desenvolvemento, aos diferentes niveis e espazos de ensino formal ou non formal, que faciliten métodos, actividades e recursos para traballar no aula a realidade das relacións Norte-Sur e Sur-Norte en todos os seus variantes, sentando as bases para modificar actitudes, camiñando deste xeito cara unha sociedade galega máis xusta, solidaria e responsable.

2.5. Visibilidade e apertura á sociedade. Este é un reto esencial que debe ser contemplado como tarefa prioritaria na nova etapa, coidando de que o Fondo goce de presenza e visibilidade suficiente, de forma que as políticas de solidariedade se integren nas axendas de comunicación das propias entidades asociadas e establecendo compromisos con diferentes actores sociais que permitan un incremento da conciencia solidaria do país.

É especialmente importante seguir mellorando a comunicación cos asociados, insistindo na creación dunha cultura de consenso a nivel corporativo e local arredor da solidariedade, diseminando a información do Fondo entre todos os potenciais interesados e coidando da realización de amplos convites ás súas actividades.

3. Os obxectivos

Os obxectivos centrais do novo período son os seguintes:

3.1. O desenvolvemento dunha cooperación de calidade. O Fondo é a marca de calidade da cooperación local e debe acreditarse como a axencia municipal da cooperación galega, con principios e prácticas que falen da solvencia da súa política e da súa xestión.

3.2. Unha estrutura saneada e estable, adaptada ás esixencias do novo período e que permita atender de forma digna as tarefas programadas, á par que definindo responsabilidades e cometidos que sexan reais. A crecente actividade do Fondo e o incremento da súa complexidade requiren un compromiso maior dos asociados.

3.3. O alargamento e a consolidación do espazo local da solidariedade. A tal efecto, ademais de seguir crecendo de modo prudencial en número de entidades asociadas, factor que aumentará a representatividade do propio Fondo, cómpre afondar na facilitación de oportunidades para que todos os axentes sociais con intereses no espazo territorial local poidan implicarse na xestión da solidariedade. Eses vínculos afectarían tanto a actores da sociedade civil (comezando polos partidos políticos) como a servizos da administración ou empresas con especial proxección no ámbito municipal.

3.4. A vinculación da cooperación local galega coas redes internacionais da solidariedade no eido municipal e global. Se nesta primeira década foi prioritaria a conformación e consolidación do Fondo como actor, é o momento agora de alentar unha transformación que sitúe no mundo a cooperación galega, non soamente a través do fortalecemento e mellora do contacto cos nosos parceiros nos principais eidos xeográficos senón desenvolvendo vínculos cos actores internacionais máis importantes e abrindo expectativas para unha implicación global que nos asocie directamente coas preocupacións e métodos relacionados coa mellora do xeito de cooperar.

4. Liñas de traballo

4.1. Asegurar un funcionamento normal dos órganos do Fondo Galego. Na actualidade, estes órganos son: a Asemblea xeral, a Comisión Executiva, a Rede Municipalista Solidaria, o Consello Municipalista da Cooperación, a Comisión de Sensibilización, a Comisión Avaliadora de Proxectos. O engraxe de toda esa estrutura realizase, no esencial, dende a Secretaría Técnica. Pero para o seu funcionamento eficaz é indispensable a colaboración dos responsables políticos, asumindo cada quen, directamente, as súas propias responsabilidades (comezando por asistir ás xuntanzas convocadas), e facilitando a participación e a formación do persoal técnico local nesta materia como garantía indispensable para unha viabilización adecuada a nivel local do proxecto solidario que pretendemos promover. A existencia dunha efectiva dobre liña de comunicación (política e técnica) con cada entidade asociada é un requisito esencial para que o Fondo funcione e a solidariedade dispoña de proxección a nivel local.

4.2. Unha nova perspectiva do traballo coas cidades e deputacións. Hoxe existe unha gran disparidade de situacións no compromiso das cidades e deputacións coa cooperación internacional. O noso modelo está condensado na Declaración das Cidades (2001). Coa creación da COCIDE (Comisión de Cidades e Deputacións) deberemos cubrir un primeiro obxectivo de homoxeneización de compromisos, establecendo un calendario e unhas pautas consensuadas de funcionamento, explicitando por parte do Fondo a plena disposición a prestar servizos de orientación e xestión, conforme ao principio exposto de “dobre vía”. As cidades e deputacións (todas participantes do Fondo, unha vez se integre a deputación de Lugo) poden desempeñar un papel de liderado importante da cooperación galega e por iso reviste transcendental interese o establecemento de canais fluídos de comunicación que faciliten a complicidade e a converxencia de intereses no desenvolvemento dunha cooperación de calidade.

4.3. Ampliar as capacidades económicas e establecer fórmulas flexibles de adhesión financiadora. Ademais de insistir de modo xeral na satisfacción, en tempo e forma, das cotas mínimas obrigatorias e establecer pautas rigorosas respecto aos impagos, cómpre incrementar as capacidades orzamentarias propias, obxectivo que, no inmediato, podería viabilizarse a través dunha ampla carteira de proxectos de desenvolvemento identificados segundo especificidades sectoriais e xeográficas que o Fondo podería ofrecer aos asociados con capacidade para establecer un compromiso financeiro maior. Así mesmo, o Fondo pode comprometerse a tramitar as posibilidades de cofinanciamento de proxectos promovidos a instancia dalgún asociado, sempre e cando revista as mínimas garantías de solvencia e calidade. Na práctica, de funcionar esta fórmula de xeito sostido, iriamos camiño de conformar unha convocatoria aberta permanente, financiada con achegas extraordinarias dos propios asociados. Por outra banda, debemos institucionalizar o compromiso de realizar auditorías bianuais.

4.4. Reforzar a cooperación institucional, en especial, coa Xunta de Galicia e a AECI. A Xunta de Galicia, fundamentalmente a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, ten desenvolvido un permanente labor de apoio á vertebración e consolidación do Fondo como axencia municipal da cooperación galega e como interlocutor preferente e capaz. Existe unha clara sintonía en canto a métodos de traballo e obxectivos, plasmados no Plan Director da Cooperación Galega, que o Fondo asume como propio. Hoxe limitada a cofinanciamento de proxectos e a actividades de sensibilización, cabe imaxinar outros escenarios e programas (dende a resposta a situacións de emerxencia a cofinanciamento de estancias de funcionarios en organismos internacionais relacionados coa solidariedade) onde a colaboración entre Administracións permita un maior aproveitamento das respectivas sinerxías. Respecto da AECI, polo momento só cabe perseverar na esixencia dunha definición precisa do seu modus operandi co mundo local.

4.5. Completar a xestión integral do ciclo do proxecto. O desenvolvemento de proxectos transformardores é unha das razóns de ser da existencia do propio Fondo. A través da convocatoria pública e da cooperación directa viabilizamos ese compromiso que cómpre contextualizalo nun proceso de acompañamento coas comunidades dos países do Sur, de xeito que poidamos non soamente incardinalos en programas que permitan avaliar de forma máis completa a efectividade da cooperación, senón cumprimentar todas as fases do ciclo, incluíndo, o retorno en clave de sensibilización, das actuacións que puideran contar con apadriñamento específico por parte dalgunha entidade asociada. Igualmente, é de interese propiciar iniciativas de codesenvolvemento, en especial atendendo ao investimento en Cabo Verde e a presenza de comunidades caboverdianas en Galicia.

4.6. Creación de tecidos locais en materia de cooperación, acompañando a posta en marcha dos Consellos Municipais de Cooperación e facilitando o apoio necesario, así como procurando a difusión das actividades e iniciativas do Fondo no tecido asociativo local. Ese impulso debe ser realizado en colaboración coa Rede Municipalista Solidaria.

4.7. Rigor e transparencia na xestión. Ademais da auditoría financeira bianual, cómpre multiplicar as iniciativas de transparencia que permitan dar conta do uso e aplicación dos recursos destinados ao financiamento de accións de cooperación internacional. A Memoria anual debe ser complementada con outros mecanismos, en especial, coas visitas dos nosos parceiros, para que dean conta dos progresos e da eficacia da axuda. A atalaia de que dispón o Fondo permítelle, por outra banda, erixirse como principal referente de producción de datos e estudos a propósito da natureza e características do compromiso cooperante do poder local galego.

4.8. Atender á formación e capacitación, diferenciando niveis e establecendo mecanismos de discriminación positiva que primen aos/as funcionarios/as locais interesados/as na especialización nesta temática. É moi notable a inexistencia de persoal especializado en materia de cooperación. Esa eiva, parcialmente superada a través do desenvolvemento dun traballo eminentemente práctico na Rede, debe complementarse con propostas de formación adaptadas ás singularidades do caso, co debido recoñecemento administrativo. Dispoñer de persoal cualificado en cada entidade asociada ha de permitirnos unha maior implicación do persoal municipal non soamente en programas específicos como Vacacións con Traballo, senón na cooperación no seu conxunto.

4.9. Desenvolvemento dun permanente labor de lobby, complementado con propostas de maior implicación pública, de forma que as formacións políticas concedan unha maior importancia á presenza da cooperación internacional na súa axenda, e dende todos os segmentos das súas estructuras poidan sensibilizarse a este nivel. O Fondo Galego pode sumar os seus esforzos aos doutros actores (esencialmente, a Coordinadora Galega de ONGDs), con independencia de promover, por si mesma, outras accións. Ademais dos partidos políticos, todas as entidades relacionadas co eido local (comezando pola propia FEGAMP e todo tipo de instancias que converxan neste espazo) son destinatarios preferentes do lobby a desenvolver polo Fondo.

4.10. Participación nas redes internacionais da solidariedade, garantindo a presenza do espazo local galego, o intercambio de experiencias coas iniciativas e formulacións mais vangardistas e que mellor poden enriquecer a calidade da nosa cooperación, e tamén a universalización da nosa acción. Nesa perspectiva, podería ser de interese o establecemento de fórmulas estables de cooperación e intercambio con entidades afíns de Portugal e do espazo lusófono, afianzando esa singularidade como valor específico da cooperación galega.

 

Fondo Galego, setembro de 2007.

AnexoTamaño
estratexia_fondo_galego_2007_2011.pdf322.7 KB
Estratexias 2007-2011 do Fondo Galego de Cooperación