Aviso:

[Pechar}



20 Anos a Fondo coa Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade cumpre en 2017 vinte anos de andaina e conmemórao con esta exposición, que pretende dar a coñecer a contribución das deputacións e concellos socios á construción dun mundo máis xusto ao tempo que se fomenta unha opinión pública favorable á cooperación internacional.

1. Contido

A exposición ‘20 Anos a Fondo coa Solidariedade’ estrutúrase en cinco grandes cubos de catro caras pensados para instalación en exteriores. O ilustrador Pepe Carreiro encargouse do seu deseño, cun formato moi visual, mentres que os contidos foron ideados pola Secretaría Técnica do Fondo Galego.

  • Cubo 1: Explica que é o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, as súas orixes e a responsabilidade das administracións locais perante un mundo desigual, así como a pertinencia de loitar xuntas sumándose a esta rede.
  • Cubo 2: Céntrase nos proxectos de cooperación para o desenvolvemento apoiados ao longo destas dúas décadas, tanto de xeito directo como financiando a ONGD galegas, así como a axuda ofrecida ante situacións de emerxencia.
  • Cubo 3: Repasa as actividades de sensibilización máis destacadas que se teñen realizado para concienciar á cidadanía galega fronte as desigualdades globais, así coma o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo ou as accións comunicativas.
  • Cubo 4: Adéntrase na estrutura do Fondo Galego, coa Rede Municipalista Solidaria como motor organizativo, o papel garantista do IGADI na Secretaría e avais coma o feito de actuar como referente no proxecto europeo Redes para o Desenvolvemento.
  • Cubo 5: Amósase o mapa das deputacións e concellos socios e evidénciase o doado que é para estas entidades participar da solidariedade internacional, ao tempo que se ofrecen datos sobre o moito que queda por facer.

2. Ficha técnica

5 cubos compostos por 4 paneis composite de aluminio de 120x200cm.
Embalaxe:

  • 1 palet coa estrutura metálica: 130x40x140cm - 200kg
  • 2 caixas cos palets: 217x36x130cm - 125kg cada unha
  • 1 caixa cos perfís da estrutura: 212x52x47cm - 75kg

3. Suxestión de actividades complementarias

Suxírese organizar un acto inaugural no que participe a/o representante política/o técnica/o do Fondo Galego no concello ou deputación, a modo de presentación ante a cidadanía e os colectivos sociais en xeral e aos medios de comunicación en particular.

4. Paneis

20 Anos a Fondo coa Solidariedade