Aviso:

[Pechar}



As nenas e nenos soldados

Momar Badiane, nacido no barrio de pescadores Yoff Tonghor, a 15 km da capital de Senegal, Dakar, é pintor, escenógrafo, deseñador gráfico e debuxante comprometido co seu tempo. A través da súa pluma, fala do seu mundo. E nesta perspectiva, Badiane elabora a súa exposición 'As nenas e nenos soldados' para denunciar unha das prácticas mais inhumanas que existen dentro dos conflitos armados, principalmente dende a súa óptica africana.

Na súa obra, este artista e artesán, que comparte coa cidadanía galega a súa mirada e preocupación polo sufrimento do seu propio pobo, ofrece unha denuncia e reflexión inspirada nas situacións mais problemáticas, como é a das nenas e nenos combatentes.

1. Contido

A exposición 'As nenas e nenos soldados', de Momar Badiane, é unha denuncia sobre unha triste realidade, a da utilización de menores de idade nos conflitos armados, que segue a estar presente en aproximadamente 18 países, entre eles Siria, República Centroafricana, Burundi, Colombia, Costa de Marfil, Malí, Nixeria, Birmania, Afganistán, Chad, Líbano, Somalia, Sudán do Sur ou Filipinas, entre outros, e que son vítimas das guerras civís e de diversos enfrontamentos bélicos. Todo isto sen excluír o recrutamento de nenas para fins de explotación sexual e laboral.

Segundo diversas ONGD, a utilización de infantes por parte de exércitos, milicias e grupos armados clandestinos e irregulares, achégase aproximadamente a 250.000 menores de idade, e obedece principalmente a factores determinados pola dinámica do conflito, tomando en conta a vulnerabilidade psicolóxica das e dos pequenos, principalmente pola súa facilidade para o cumprimento de ordes e adoutrinamento, así como para labores de vixilancia, mensaxería e incluso espionaxe. Esta crúa realidade ofrece unha perspectiva dantesca, na que as nenas e nenos vense imposibilitados para acceder á educación, pervertendo a súa formación a través do cometido de atrocidades e sendo recrutados pola forza, baixo ameazas de morte.

No 2000, a ONU, apoiada por unha campaña dirixida pola Coalición para acabar co uso das nenas e nenos soldados, adoptou un tratado internacional que establece como idade mínima de recrutamento os 18 anos, así como a obriga por parte dos Estados de proporcionar rehabilitación e axuda para a reinserción das e dos ex nenos soldados. Ata hoxe, este tratado foi ratificado por 120 países. O 12 de febreiro é considerado como o Día Internacional contra a Utilización das Nenas e Nenos como Soldados.

2. Ficha Técnica

Esta exposición está composta por 13 debuxos de medidas 33x43cm, debidamente encadrados e de fácil instalación, ao que se debe engadir outros tres cadros das mesmas dimensións: o primeiro, no que o propio Badiane narra en modo reflexivo a dramática historia das e dos menores, visibilizándoa a través destes debuxos para darlle voz a esta realidade silenciada e descoñecida. Un segundo cadro que ilustra a problemática das nenas e nenos soldados diseminados nos diversos conflitos a nivel mundial e un terceiro cadro explicativo sobre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Unha ollada audiovisual destes debuxos pódese observar a través da seguinte ligazón: https://youtu.be/rC3YibVoNu8 (en francés, duración: 2'58").

3. Suxestións de actividades complementarias

Coa finalidade de aproveitar o potencial sensibilizador, a exposición pode complementarse con distintas actividades de dinamización, como charlas, conferencias, obradoiros, etc, relativas á realidade das e dos nenos así como dos conflitos armados africanos e do drama das persoas refuxiadas destes conflitos.

Neste sentido, ofrécense como propostas:

Acto inaugural

Como ferramenta de carácter institucional, proponse a realización dun acto de inauguración no que participe a organización política e técnica do respectivo concello ou deputación. Trataríase de facer un acto público de presentación ante a cidadanía e os colectivos sociais, e en particular, aos medios, difundindo ademais unha nota de prensa e fotografías. Neste senso, o servizo de Comunicación do Fondo Galego facilitará o asesoramento necesario.

Charlas e conferencias

Como actividade complementaria a esta exposición, o Fondo Galego de Cooperación ofrece ás entidades socias a realización de charlas informativas sobre a problemática das nenas e nenos dentro dos conflitos africanos. Para o 2016 ofrécense un total de 10 charlas a ser impartidas en cadanseu Concello/Deputación, previa solicitude por parte das administracións socias.

Documentais e obradoiros

Outra actividade acaída para chegar fondo con esta exposición é a película 'Diamantes de Sangue' (Edward Zwick, 2006), ambientada na guerra civil de Serra Leoa (1999), e que recolle a utilización de menores  nun conflito salpicado polos intereses de bandas armadas, mercenarios e contrabandistas. Esta película está dispoñible no noso VideoFondo, a disposición das deputacións e concellos socios, que deberán contactar coa SGAE e a empresa distribuidora para o pagamento das taxas correspondentes (o Fondo Galego facilitará os contactos respectivos).

Tamén poden incluírse obradoiros coa participación de ONG con experiencia de cooperación en África e de integración das persoas migrantes que proveñen deste continente. O Fondo Galego pode asesorar sobre cales son estas entidades con presenza en Galicia.

4. Paneis e debuxos

A continuación podedes apreciar os paneis informativos da exposición e os debuxos da mesma.

As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados
As nenas e nenos soldados