Aviso:

[Pechar}



Infórmate a Fondo 112

Haití: carta do Presidente do Fondo Galego

Infórmate a Fondo nº112Tralo terremoto padecido polo Haití o pasado 12 de xaneiro, a situación no país, xa anteriormente moi precaria, virou en absolutamente dramática. Sei que perante acontecementos como este, todas e todos queremos axudar, e parece oportuno lembrar que, no que se refire ao poder local, en Galicia contamos cunha vía propia especificamente creada para a cooperación cos Países do Sur: o Fondo Galego, da que a túa entidade é socia.

O Fondo Galego abriu a súa Conta de Emerxencia o pasado 15 de xaneiro, para poder recoller as achegas das corporacións socias e mesmo doutras entidades civís ou cidadanía de a pé. O seu número é este 2091.0209.10.3040019000 (Caixa Galicia). As corporacións locais poden facer as súas doazóns a través dun decreto do órgano competente, que é a fórmula idónea a efectos de facilitar e axilizar a xestión dos recursos. Con esta carta, anéxase un modelo para os Concellos. O Fondo Galego fornecerá información fidedigna e completa do destino dos recursos.

O Fondo Galego naceu para superar os esforzos dispersos de Concellos e Deputacións de Galicia, concentrándoos, a fin de poder desenvolver accións de verdadeiro impacto, guiadas por un traballo técnico rigoroso que garanta unha cooperación de calidade. Xunt@s, cooperamos mellor.

E unha cooperación de calidade desde as corporacións locais ha de centrarse no seu ámbito de especialidade: a cooperación habitualmente denominada municipalista, que na organización político-territorial galega poden e deben desenvolver Concellos e Deputacións. Esa é a máis-valía que podemos achegar ao mundo da cooperación. Quen vai estar en mellor posición que nós para axudar en temas como: ordenación urbanística, saneamento, fortalecemento das institucións descentralizadas…? É a misión que as institucións internacionais e o propio senso común nos reclaman, é a nosa responsabilidade. E debemos responder.

Perante as catástrofes humanitarias o Fondo Galego non ten capacidade de resposta inmediata no terreo. A nosa asociación céntrase nas tarefas posteriores á fase de emerxencia aguda, tan necesarias como as iniciais. Tende en conta que despois de que o asunto perde actualidade mediática, acostuma producirse unha retirada importante da axuda internacional, polo que se fai moi necesario un esforzo por manter o pulso solidario. Isto irá ser especialmente importante no caso do Haití, onde o dano ten sido moito e onde a situación de partida xa era pésima.

O Fondo Galego está xa en contacto co resto de Fondos do Estado a fin de, conxuntamente, identificar aquelas accións prioritarias que sexan máis acaídas para a cooperación das corporacións locais, sempre dentro dos parámetros definidos entre @s propi@s haitian@s e as institucións internacionais. Nestes momentos está xa unha persoa no terreo traballando a tal fin.

Cooperar si, pero sempre con orde, con prioridades, de modo coordinado. Non podemos cooperar de modo eficaz cos Países do Sur se non somos capaces de cooperar entre nós no Norte.

Pídoche que fagas un esforzo por implicar o teu Concello, a túa Deputación. Demostremos ao mundo que a sociedade galega e as institucións que de maneira máis inmediata a representan, son solidarias con quen máis o necesita cando máis se necesita. Demostremos tamén que sabemos cal é o noso lugar: somos Concellos e Deputacións. Os especialistas internacionais están de acordo en que un dos problemas polos que a cooperación internacional non funcionou no Haití en décadas precedentes foi a falta de institucións descentralizadas eficaces. Aí podemos facer moito. E exhibamos o Fondo Galego como un logro de todas e todos: como unha demostración palpable das Administracións locais galegas de que somos capaces de antepor a axuda eficaz e eficiente ás diferenzas partidarias e ás tentacións localistas.

Non deixedes de colocar o banner especificamente deseñado para esta campaña nos vosos webs. Pode descargarse desde o web do Fondo Galego (www.fondogalego.org).

Sen máis asunto, recibe un saúdo ben cordial.

Asdo.

AnexoTamaño
Descarga o boletín en formato PDF1.03 MB
Infórmate a Fondo 112