Aviso:

[Pechar}



Infórmate a Fondo 114

Frutífera Visita ao Norte dende o Perú da ONGD CEPRODE e da alcaldesa de Atavillos Alto

Infórmate a Fondo 114O representante do Centro de Promoción do Desenvolvemento e a Educación (CEPRODE) de Perú e mais a alcaldesa de Atavillos Alto realizaron entre o 24 e o 28 de maio unha frutífera Visita ao Norte. Convidados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o director financeiro da ONGD, Óscar Pedro Almendáriz, e mais a rexedora do municipio rural andino, Rosario Huamán, visitaron unha decena de Concellos e Deputacións integradas na asociación municipalista, que ten cofinanciado distintos proxectos a prol dun desenvolvemento sustentable na provincia de Huaral.

Na última xornada da súa estadía en Galicia, a delegación peruana encargouse de abrir a Asemblea xeral do Fondo Galego, en Santiago de Compostela. Ante os socios relataron o enriquecedora que resultou esta visita a Galicia e cómo tiveron a oportunidade de compartir experiencias que agora aplicarán no país andino. En Burela comprobaron a capacitación das persoas peruanas no sector pesqueiro e en Riotorto coñeceron técnicas de rega para sementar en épocas de chuvia. “En Manzaneda atopamos un alcalde novo comprometido co seu pobo, que apoia industrias como a leiteira, algo que tamén debemos fomentar alá”, comentou Rosario Huamán. Na Pobra de Trives sorprendéronse coa vitalidade da biblioteca e tamén coas actividades das asociacións de mulleres, que pensan potenciar na outra beira do Atlántico.

“Na Coruña, comprobamos como o Concello presta atención ás persoas que o precisan e en Fene atopei un municipio moi ordenado, onde dixitalizaron todos os arquivos e dan prioridade ás persoas con discapacidade para acceder a un emprego”, engadiu a alcaldesa de Atavillos Alto. Na Deputación de Pontevedra reuníronse tamén con colectivos de donas “onde as amas de casa se asocian e están a lograr que se recoñezan os seus dereitos”, e da visita á Guarda destacaron o xeito en que a administración local incentiva o turismo. Antes de pechar o seu percorrido por Galicia no Concello de Baiona, os parceiros peruanos aproveitaron asemade para agradecerlle en persoa a colaboración da Xunta de Galicia á subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero.

O director financeiro de CEPRODE destacou ante a Asemblea que o labor desta ONG consiste en “promover o desenvolvemento integral e sustentable en harmonía coas necesidades e intereses das comunidades”, á vez que “promover a educación por medio do desenvolvemento de valores e capacidades humanas a fin de combater a extrema pobreza”, uns obxectivos nos que cobra cada vez máis forza o enfoque de xénero. Para acadar estas metas contan co apoio do Fondo Galego, unha colaboración que Almendáriz definiu como “intelixente, técnica e aberta”. “Levo 40 anos traballando en cooperación con distintos países e esta entidade é a única que fai un acompañamento permanente dos proxectos”, salientou.

Desenvolvemento sustentable

O presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa, reafirmou o compromiso con Perú, que “necesita axuda internacional, non soamente reforzo económico senón tamén estrutura e descentralización”, e insistiu na idea de que “o pobo galego é solidario, pero as administracións non están dando a talla”. A estadía da delegación peruana en Galicia encádrase no programa Visitas ao Norte que o Fondo Galego leva a cabo entre as súas actividades de sensibilización. Trátase dun exercicio de transparencia para que as administracións socias e a súa cidadanía coñezan de primeira man o traballo que se leva a cabo cos seus recursos nos países do SUR. Ao mesmo tempo, favorécese o intercambio de ideas entre profesionais e activistas das dúas beiras do Atlántico.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoiou dende o seu nacemento en 1997 ata 23 proxectos no país andino, que supuxeron un investimento total da asociación municipalista galega superior ao medio millón de euros. Son iniciativas financiadas ou cofinanciadas polo Fondo, nalgúns casos co apoio da Xunta, e implementadas por ONGDs galegas e peruanas.

AnexoTamaño
Descarga o boletín en formato PDF641.45 KB
Infórmate a Fondo 114