Aviso:

[Pechar}



Infórmate a Fondo 116

A nova edición de TeatrAcción comeza cun curso de teatro social

Portada do IAF 116

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e mais a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia veñen de pór en marcha o curso ‘Teatro social para a cooperación e o desenvolvemento no século XXI’. A iniciativa forma parte da segunda edición do programa TeatrAcción, que vincula o traballo de ambas as dúas entidades.

Se no bienio 2008-2009 se xerou a obra ‘Os soños de Walla’, nesta edición 2010-2011 volverase traballar cun esquema semellante. O primeiro ano dedícase a formación e a configurar o grupo de traballo, para no vindeiro exercicio crear un novo espectáculo que xirará polas entidades socias do Fondo Galego.

O curso formará 25 alumnas e alumnos interesados en asociar a súa actividade como profesionais ou como voluntarias e voluntarios no eido da dramaturxia a unha dinámica crítica cos actuais desequilibrios da sociedade internacional. Deste xeito, póñense en relación as diferentes experiencias do teatro social coa problemática dos países empobrecidos e a necesidade de superala mediante a acción social e o desenvolvemento comunitario. Tamén se aborda o traballo de animación teatral con persoas con discapacidade ou con persoas en situación de privación de liberdade.

O programa lectivo, que comezou a finais de setembro e se prolongará ata o mes de decembro, combina clases teóricas cun taller de creación teatral. Da man do Fondo Galego participarán no curso representantes da ONGD Amarante, para presentar as redes de comercio xusto en Galicia; voluntarias e voluntarios do programa Vacacións con Traballo, que contarán as experiencias vividas no Sur, e mais a alcaldesa de Paúl (Cabo Verde), Vera Almeida, que falará sobre o traballo de xénero en África.

AnexoTamaño
Descarga o PDF aquí532.31 KB
Infórmate a Fondo 116