Aviso:

[Pechar}



Memoria Fondo Galego 2009: En tempos de crise cooperación e solidariedade

Memoria Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade 2009O 2009 será lembrado pola crise económica mundial, xa que afectou e afecta de maneira directa a vida das persoas do lado rico do planeta. Quedará rexistrado nos libros de historia e na memoria colectiva, porque nos afectou a nós, ás chamadas sociedades desenvolvidas. A crise, que xa se comezaba a notar en 2008, continuou o ano pasado a pesar das inxeccións multimillonarias no sistema bancario internacional, e ninguén sabe pórlle aínda data de caducidade. Non obstante, se facemos un esforzo por afastármonos dun xeocentrismo pouco realista no mundo global, decatámonos de que o planeta vive unha crise humanitaria permanente, con millóns de mortos por desnutrición e o mapa das vulnerabilidades cada vez máis estendido e acusado. Non baixemos a garda: a crise económica do NORTE non pode ser coartada para paralizar os avances no SUR. Un SUR que tamén padece a crise, pero de modo aínda máis intenso. Continuamos firmemente comprometidos coa Declaración dos Dereitos Humanos e os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio como guieiros do noso camiño, como conquistas irrenunciables dos homes e mulleres que co pasar da historia elevaron a consciencia da nosa humanidade.

Confiamos nas posibilidades da cooperación internacional ao desenvolvemento, e orgullámonos da cooperación municipalista galega, onde desde Concellos e Deputacións, desde a proximidade á cidadanía, achegamos o noso saber facer específico. Nesa liña inscríbese o traballo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade desde hai agora trece anos. Os Concellos e as Deputacións de Galicia suman esforzos para tender pontes transoceánicas, transculturais, pontes de solidariedade que abren xanelas á esperanza de, algún día, materializar o soño dun mundo equitativo e sustentable. O ano pasado o Fondo traballou en Cuba, no Perú, en Cabo Verde, en Nicaragua e, en post-emerxencia, tralos bombardeos israelitas, na Faixa de Gaza, en Palestina, onde a pesar da calma mediática, continúa o drama humano. Mais o traballo no Fondo non pasa só polos proxectos de cooperación lonxe das nosas fronteiras. Pasa tamén polo fortalecemento das ONGD´s propias, do tecido cooperante galego, por medio da convocatoria de proxectos, das Xornadas Anuais de Cooperación e outros espazos de encontro e colaboración. E vai máis alá, organizando desde o 2003 a Rede Municipalista Solidaria, cursos formativos e outras actividades que contribúen a reforzar e estimular o compromiso de políticas e políticos, técnicas e técnicos locais coa cooperación internacional para o desenvolvemento.

Este documento é reflexo fiel, por máis que sintético, do traballo realizado durante o ano 2009 pola nosa asociación.

AnexoTamaño
Descarga a Memoria 2009 en formato PDF2.72 MB