Aviso:

[Pechar}



Memoria Fondo Galego 2016: O municipalismo galego, aberto a cooperar

Memoria Fondo Galego 2016: O municipalismo galego, aberto a cooperarO ano 2016 iniciouse para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa elaboración e aprobación por parte da Asemblea Xeral das Liñas Estratéxicas 2016-2019. Con estas liñas de actuación deu inicio unha nova etapa na que se tentará consolidar os esforzos da entidade nos últimos 18 anos, en aras de traballar cunha mirada a medio prazo e sempre coa intención de mellorar nos procesos e adaptármonos ás peculiaridades e demandas do municipalismo cooperante.

Para a nosa asociación municipalista, 2016 foi un ano de fortalecemento e expansión. Ata oito novas administracións locais se adheriron ao Fondo Galego, froito do plan de captación de socios posto en marcha a principios de ano, no que resultou clave a implicación das nosas entidades socias, especialmente as que integran a Comisión Executiva. Así mesmo, cómpre agradecer o labor realizado no pasado mandato, que sen dúbida facilitou e abriu portas para que isto fose posible. A seriedade e a calidade do traballo son as dúas notas características que os concellos e deputacións toman en conta para a súa adhesión, ademais da propia convicción da defensa dos Dereitos Humanos e do labor a prol da erradicación das desigualdades Norte-Sur.

Porén, o Plan de Actividades 2016 foi froito dun novo ciclo que, se ben seguiu a liña de continuidade co período anterior, presentou importantes retos en aras de procurar unha maior eficacia, eficiencia e impacto, e sempre buscando unha meirande participación das administracións socias na vida ordinaria da organización. A innovación e a orixinalidade foron dúas premisas que se tomaron en conta á hora de deseñar e poñer en marcha as actividades deste plan. Agardamos telo conseguido. 

Non podemos deixar de remarcar o recoñecemento do modelo do Fondo Galego por outras entidades europeas, feito que quedou reflectido no Seminario Internacional 'Intercambios en metodoloxías e materiais de Educación para o Desenvolvemento', que tivo lugar o 3 de maio na cidade de Pontevedra e no que participaron os nosos parceiros de Portugal, Holanda e Alemaña.  Máis de vinte concellos galegos arrouparon ao Fondo Galego nese seminario. Grazas a todos eles e ás súas e seus representantes.

O proxecto europeo Redes para o Desenvolvemento II culminou no mes de novembro en Lisboa, onde ademais de participar noutro seminario internacional o Fondo Galego se implicou na creación da Alianza Europea de Redes Locais de Cooperación Internacional xunto cos nosos homólogos andaluces e estremeños así coma outras seis entidades municipalistas de Portugal, Italia, Holanda e internacional. Para a nosa asociación, ser un humilde exemplo para as redes de autoridades locais europeas que se organizan traballando en conxunto representa unha grande alegría e abre un horizonte de futuro tamén para o municipalismo galego.

O relanzamento do Fondo Galego é xa unha realidade. O novo contexto sociopolítico así o demanda. Sumar recursos e apoios e xerar un estado de opinión favorable á cooperación seguirá sendo a nota característica para os vindeiros anos. Grazas de antemán a todos os concellos e deputacións que formades parte desta nosa Axencia Municipal da Cooperación Galega. 

Juan González
Presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Memoria 2016