Aviso:

[Pechar}


Lugo 2013-05-21

A exposición 'Imaxes con Fondo' estréase en Lugo no marco do VI Encontro das Culturas

- A concelleira de Benestar Social inaugura a mostra xurdida do concurso fotográfico organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
- O programa do Día Mundial da Diversidade Cultural inclúe a proxección do documental realizado por Agareso sobre o Fondo, do que o Concello é socio

A exposición 'Imaxes con Fondo', xurdida do concurso fotográfico do mesmo nome organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, estrearase hoxe martes no marco do VI Encontro das Culturas organizado polo Concello de Lugo, socio da entidade municipalista. A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, inaugura a mostra ás 19 horas no Centro de Convivencia de Fingoi. A programación prevista no Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento continuará coa presentación do documental 'O Fondo Galego: compromiso coa solidariedade', realizado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso).

A exposición de fotografías, que poderá visitarse ata o 26 de maio, pretende promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a imaxe. Deseñada polo debuxante Pepe Carreiro, está conformada por 19 obras que apostan polas condutas solidarias e respectuosas coa contorna e coas persoas que nela habitan. A solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, o respecto ambiental, o consumismo, a prostitución, a explotación laboral, a crise alimentaria e as desigualdades Norte-Sur son algunhas das temáticas abordadas.

En canto ao documental, elaborado por un equipo de voluntariado profesional de Agareso, amosa os proxectos de cooperación impulsados polo Fondo Galego en Nicaragua, Cuba e Cabo Verde, pero tamén as actividades de sensibilización realizadas en Galicia, amais de explicar a razón de ser da entidade. O cámara Xacobe González e a xornalista Mónica González mesmo se desprazaron ao arquipélago africano para filmar as actuacións cofinanciadas, mentres que algunhas imaxes enviáronas os parceiros desde terreo e outras rodáronse en Galicia. Contribuír á concienciación sobre os desequilibrios Norte-Sur e sobre a importancia da cooperación como ferramenta de cambio, amosando o papel das administracións locais galegas neste eido, é o obxectivo do audiovisual.