Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-09-04

María Reimóndez: "A alternativa somos nós no día a día"

A vicepresidenta e fundadora de Implicadas no Desenvolvemento foi a convidada do mes de agosto no marco do programa de encontros dixitais #Alén2015, en torno aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), que finalizan o vindeiro ano. Ao fío deste proxecto, Reimóndez estivo o pasado venres 29 nas redes sociais do Fondo Galego para responder ás preguntas dos usuarios en torno ás "alternativas" na cooperación e no cambio de sistema ou á valoración de nexos lingüísticos como un dos factores clave na escolla de países prioritarios para a realización de proxectos, entre outros temas.

María Reimóndez (Lugo, 1975) é licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Experta en xénero e desenvolvemento, fundou a ONGD Implicadas no Desenvolvemento, da que actualmente é vicepresidenta. É escritora de ficción e "feminista por convicción". Vén de publicar o libro A alternativa está aquí (Xerais, 2014) e recentemente recibiu o XXXI Premio Xerais de Novela por Dende o conflito e o XIV Premio de Novelas por Entregas de La Voz de Galicia, con A dúbida.

1. Que balance fas dos ODM e que recomendacións suxires para a Axenda Post-2015, tendo en conta no marco no que se desenvolven os encontros dixitais #Alén2015?

Pois a verdade é que dende o principio me pareceu un marco de traballo bastante complicado porque os compromisos políticos teñen que estar avalados por unha coherencia e un nivel de investimento axeitado. Como case todo na cooperación digamos "oficial", a coherencia entre os ODM e outros factores coma o comercio deixaron bastante que desexar. Nos últimos tempos, coa ladaíña da nosa crise o investimento xa quedou no irrisorio.

Aínda así, este tipo de medidas son importantes porque permiten facer esforzos coordinados que doutra maneira serían difíciles e agardo que se faga unha análise rigorosa dos motivos do que xa é evidentemente un fracaso dos ODM para poder facer algo mellor de agora en diante. En calquera caso, para min a clave tena sempre a sociedade civil que é a que pode impulsar o movemento logo cara arriba.

2. Cal foi o motivo ou experiencia determinante na India, para comezar a traballar en cooperación dende 1994?

A verdade é que para contestar esta pregunta teño que entrar un pouco na miña vida digamos “privada” e combinar o anecdótico co importante. Dende que era pequena a xente non facía máis que dicirme que "parecía india" e isto espertou dende moi cedo a miña curiosidade polo país, co cal me dediquei a ler e a tentar coñecer o máis posible o lugar. A isto combinouse o meu descontento tamén bastante temperán co mundo no que vivía, e sobre todo co que para min resultaba de todo punto incomprensible e que era que a maioría das persoas do mundo vivisen en condicións infrahumanas. Despois de diversas cousas, cando tiña 18 anos e tras unha fase de convencemento dos meus pais ardua pero realmente con moita comprensión pola súa banda, conseguín marchar un mes visitar un proxecto dunha ong estatal coa que colaboraba naquela altura.

3. Como explicarías aos lectores iso de que 'A alternativa está aquí'? A que te refires con este termo?

O título deste libro ten varios sentidos. Por unha banda, visibilizar os esforzos que moitas persoas XA están (estamos) facendo para cambiar os alicerces da pobreza. É dicir, interesábame falar do aquí e do agora e tamén reunir dalgunha maneira un pequeno catálogo de prácticas que nos poidan dar que pensar e inspirar. Mais a outro nivel tamén me interesaba poñer de manifesto que a alternativa somos nós no día a día. Que a política son en realidade os xestos do día a día.

Vivimos nunha sociedade na que se nos di constantemente que os problemas son responsabilidade doutras instancias. No meu caso fun sempre máis de "non agardar por ninguén", como é o título daquela novela de Valenzuela, e comezar a movernos. Isto é algo ademais que aprendo cada día das mulleres coas que traballo aquí e no Sur. Calquera dereito que se consegue é froito do esforzo de persoas que se moven, algunhas, por certo, con grande risco para a súa vida.

4. A alternativa está aquí fala de cooperación e lingua; ou de colonialismo e lingua; pode ser o galego unha ferramenta para a cooperación internacional? Pode explicar esta idea brevemente ou con algunha comparación?

En A alternativa está aquí falo sobre todo da lingua como posición. A lingua galega, pola súa posición non hexemónica, axúdanos a comprender a situación doutras desigualdade con maior facilidade e polo tanto pode ser a cerna dun pensamento global da desigualdade. Pode axudarnos a entender, por exemplo, por que as feministas indíxenas se rebelan nos "Encuentros Feministas" que se fan en América Latina, por que se negan a que falen no seu lugar, e que lles fagan pagar a peaxe da súa lingua para poder participar (os Encuentros desenvólvense en castelán).
Así, todas aquelas que non falen a lingua de poder non poden participar. Nese sentido o meu traballo como tradutora e teórica da tradución tamén me axuda a reflexionar sobre a importancia de establecer relacións que eu denomino máis "polifónicas", é dicir, onde os fluxos de coñecemento e pensamento se dean en máis linguas, e a poder ser entre as non hexemónicas.

5. En 'A alternativa está aquí' fala de facer cooperación desde unha perspectiva de país, porén no libro non se fai ningunha mención á pertenza desde GZ conectarnos coa lusofonía (lamentablemente moitos deses países con horrible pobreza). Non lle merece comentario isto? Non pensa que deban ser países prioritarios para a cooperación desde GZ e o nacemento de alternativas?

É certo que na Alternativa non mencionei a lusofonía e fíxeno de forma ben consciente, precisamente por todo o que acabo de explicar ao fío da anterior pregunta. Se ben o galego non ten unha relación colonial cos países chamados lusófonos, non podemos esquecer que o portugués é a lingua colonial deses lugares, igual que o é o castelán en América Latina. Son moitas as voces deses países que están en contra do termo "lusofonía" polo seu contido colonial. Nese sentido pode entenderse por exemplo este artigo da cantora angolana Aline Frazao, quen por certo tamén aparece na Alternativa.

Sen concordar con el en todos os puntos, creo que deixa claro que a lusofonía segue sendo unha ficción colonial e persoalmente non é un punto dende o cal me interese entender a cooperación. En todos os países lusófonos viven linguas que son, coma o galego no estado español, as outras. Prefiro establecer as relacións dende esa posición, sen obviar claro está as vantaxes do galego como lingua irmá (mai, máis ben) do portugués. Mais a lóxica non me convence, é a mesma que fai que toda a cooperación do estado español se centre nas zonas castelán parlantes de América Latina de forma prioritaria. Deixo acó outro artigo crítico sobre a lusofonía por se a alguén lle interesa afondar.

6. De verdade pensas que non debe haber países prioritarios, que a cooperación non se debe planificar desde as institucións oficiais (aínda que non nos gusten, son as nosas), e que no caso de GZ ten toda a relevancia do mundo que viremos cara a galeguía internacional? Ademais o portugués coma lingua colonial, ben, vale, pero tamén todo ten matices. Non se pode comparar a relación de Galiza coa lusofonía ca do español con América Latina?

Creo que a primeira parte da pregunta se refire a algo que non tratei antes, que son os criterios para designar a cooperación oficial. Vou empezar por aí. A delimitación de países prioritarios vén dada por unha limitación da capacidade económica das institucións financiadoras (no noso caso a Xunta, os concellos, etc.). Teñen que delimitar o seu esforzo de investimento. Non vou entrar agora a falar dos recortes, das incoherencias e demais aspectos que me parecen criticables deste punto de partida. O interesante é determinar como se establecen esas prioridades, cal é a lóxica, e aí volvo ao que dicía antes. Establecer a lusofonía como lóxica é seguir na lóxica da unión por unha lingua colonial. Creo que as prioridades deben definirse doutra maneira, atendendo ao que a cidadanía organizada neste caso de Galicia decide. Nese marco, por exemplo, Támil Nadu debería ser prioritario para a cooperación en Galicia, dado que a traxectoria de cooperación con este lugar por unha parte ampla da cidadanía ten máis de 16 anos de historia.

En calquera caso, ao meu ver, no que se refire ás instancias gobernamentais das cales non formo parte, creo que os criterios teñen que combinar a maior necesidade coa implicación da cidadanía galega nos lugares (non as súas empresas). Un exemplo claro que debería ser país prioritario e non o é sería Etiopía: necesidade extrema e grande masa de galegas e galegos que teñen contacto co país mediante a adopción internacional. Non o é porque a lóxica é ben diferente.

En canto á lusofonía en si mesma, igual que a francofonía, a hispanidade ou a idea aínda viva da commonwealth, para min e para as persoas falantes das linguas nativas de moitos países seguen sendo espazos de relación colonial. Non atopo ningunha diferenza entre a opresión que o portugués exerce no Brasil sobre as comunidades falantes doutros idiomas e a que pode exercer en Chile o castelán. Por suposto que as autoras e autores que escriben neses idiomas os atopan vizosos e magníficos (pasa tamén con Rushdie e Arundhati Roi no campo anglosaxón e máis preto da casa con Marta Rivera de la Cruz, que atopa o español marabilloso). A súa escolla persoal (na que tamén inflúen criterios como a proxección internacional e, no caso anglosaxón sen dúbida, os cartos) non a critico pero o marco no que se realiza si, moito máis se o pensamos en relación co galego. Para quen saiba inglés, pode ver os debates entre Ngugi e Wole Soyinka a este respecto. O primeiro defendeu o regreso ao iuruba como lingua literaria, o segundo que o inglés era o maior legado da colonización. Agora a ver a quen lle deron o Nobel.

7. Se Galiza é unha nación con particularidades propias, igual que, como dis, Etiopía e a India debían ser prioritarias, a galeguía tamén. Se non a Cooperación Galega é cooperación española.

Efectivamente eu creo que a cooperación galega ten que ter prioridades propias pero precisamente nós, que vivimos unha situación non hexemónica, temos que buscalas fóra dos eidos coloniais. Isto non invalida o traballo que se fai de relación cos países lusófonos, que me parece interesante e meritorio en calquera campo, no cultural ou no político, pero sen esquecer nunca que "debaixo" desa galeguía hai persoas que falan outras linguas e que a nosa prioridade debe ser, como galegas que somos, chegar a elas e relacionarnos con elas, non só coas mediadoras que falan portugués.

Eu ilustro sempre este tema da seguinte maneira: que nos parecería se a literatura galega fose representada en exclusiva por escritoras e escritores en castelán (cousa que, por certo, ten pasado)? Creo que nos parecería intolerable. Igual lle pasa á xente que escribe en támil coa “literatura india” ou á xente que escribe en ioruba coa “literatura africana” en calquera das linguas coloniais. Isto non lles quita valor a esas expresións, pero deben ser entendidas como unha parte, non coma o todo. Ser galegas dános a vantaxe de exercer esa sensibilidade e de buscar falar con maior pluralidade e sen tanta mediación colonial. Espero que se entenda o que quero dicir!

8. Crees que o traballo que estades a desenvolver na India se podería realizar aquí, en GZ, tendo en conta os obxectivos de Implicadas?

Imaxino que esta pregunta se refire aos Grupos de Axuda Mutua, a metodoloxía do Sur da que falo en A alternativa está aquí. En Implicadas/os no Desenvolvemento si sabemos que a metodoloxía se pode traballar tamén en Galicia pero entendemos que o teñen que facer organizacións que xa estean traballando dende o ámbito do social. No noso caso levamos algún tempo difundindo a metodoloxía e establecendo contactos para poñela en marcha. Como en todos os lugares onde se comeza hai moitas resistencias, sobre todo a certas cuestións que o traballo cos GAM fai necesarias.

No caso de occidente, a maior reticencia ten que ver con tres factores: o hábito de traballo dende o enfoque individual, é dicir, que nunca se pensa nas persoas como parte de comunidades; o feito de carecer polo tanto de ferramentas comunitarias para desenvolver ese traballo, que ten moito que ver coa pouca penetración das metodoloxías feministas nos servizos sociais e por último, tamén vinculado con isto, a crenza de que "aquí é moi difícil" e que as mulleres non son capaces.

Estes dous últimos aspectos son compartidos por moitos outros lugares, sempre se pensa que as mulleres en situación de necesidade non teñen capacidades e precisamente para min esa é a raíz da pobreza no noso imaxinario. Ata que non vexamos ás mulleres en situación de necesidade como persoas capaces e con coñecementos non faremos nada.

Ao fío desta pregunta, déixovos un relatorio que impartín hai un tempo na Escola Feminista de Implicadas/os no Desenvolvemento e tamén sabedes que hai máis información no ensaio do que xa falamos, A alternativa está aquí. E velaquí a Manimekalai, unha compañeira de Salem, falando dos grupos en relación co traballo de erradicación do infanticidio feminino.

9. Que recomendacións ten para as e os xornalistas á hora de abordar as informacións desde un punto de vista que fomente a igualdade de xénero?

Creo que teño que dar dúas respostas a esta pregunta. A primeira é que eu non creo na posiblidade de "engadir" enfoques de xénero a nada. Ou unha vive, como dicimos as feministas, coas lentes violetas todo o día ou malamente vai poder aplicar unha visión "de xénero" a unha parcela. Aclaro isto porque na cooperación internacional é moi habitual.

No caso do xornalismo, como en calquera traballo de mediación, creo que a aplicación dese principio pasa por un recoñecemento da posición e por tomar unha postura crítica aberta, o cal se pode traducir en estratexias bastante evidentes, dende o uso da linguaxe inclusiva ao seguimento das numerosas guías e estándares éticos no tratamento xornalístico da violencia de xénero, algo que por certo estes días deixa moito que desexar.

Hai se cadra un aspecto máis complexo que ten que ver, como comentaba algo antes, coas metodoloxías de traballo feministas na mediación e que pon en dúbida o papel de superioridade e inferioridade adquirida en moitas profesións, o xornalismo unha delas. O que quero dicir con isto é que as informantes moitas veces se vén como "obxectos" e non con capacidade para producir o seu propio discurso. Na miña opinión, na relación que temos co Sur e en particular coas mulleres mediante o xornalismo, esa é a pedra de toque. Que elas produzan os seus propios contidos, que sigan os seus propios intereses e que sexamos nosoutras quen teñamos que escoitar e adaptarnos e non perpetuar imaxes adquiridas da colonización.

10. Xurdiu moita polémica hai un par de semanas arredor dun tuit que baixo o hashtag #machismopúblico identificaba o convite a un café como tal... Isto ten algún sentido ou foi só unha provocación? É un micromachismo convidar nunha biblioteca a un café?

Teño que empezar dicindo que as polémicas de Twitter ás veces me resultan sumamente confusas e que hai que relacionalas co que pasa "fóra do Twitter", por iso vou comentar o que eu interpreto deste chío polémico. Eu interpreto que as mulleres somos construídas na nosa sociedade como "obxectos sexuais" (abonda ver a publicidade) e que resulta moi difícil que, en termos xerais, poidamos manter espazos onde ese pensamento non o acabe invadindo todo

Entendo ese chío no fío de moitas experiencias das que seguramente os homes non son moi conscientes, igual que pasa co acoso na rúa. Refírome a todos eses momentos nos que unha quere estar soa ou simplemente está soa e non pode porque non deixan de vir homes a tentar interferir nesa soidade escollida. Socialmente hai unha tolerancia a estes comportamentos e imaxino que para os homes é difícil decatarse ata que punto están presos dese discurso que di que unha muller non "quere" nunca estar soa, se está soa é unha circunstancia que hai que aproveitar (dende o de "quedar para vestir santos" a toda unha grande serie de expresións poden poñer isto de manifesto).

Eu, que son unha muller á que lle gusta estar soa, atopo fondamente molesto este patrón. Para o home que convida ao café na biblioteca este é un acto individual sen máis. Para a muller que o recibe inscríbese nunha experiencia permanente de acoutación da súa liberdade e da súa individualidade. Se a isto lle unimos as recomendacións do Ministerio do Interior para "previr" violacións (entre os cales destacan encerrarse e non ir soas a ningún sitio) creo que entenderemos tamén mellor por que molesta ese "mero acto". Calquera sistema de opresión, pero sobre todo o patriarcado, funciona a través, sobre todo, deses "meros actos".

11.  Cres que é clave un cambio de sistema para poder vencer o aumento da pobreza que se está rexistrando na última década?

A resposta a esta é moi sinxela, SI! A cuestión é que eu non falo moito en termos de “sistema”, porque o “sistema” parece que é algo alleo e que fica aí fóra. Eu creo que a pobreza, igual que a violencia de xénero ou a discriminación das persoas xitanas ou migrantes, a creamos todos os días e aí temos que comezar.

12. Vaia por diante que a miña pregunta non se atopa focalizada a Implicadas en sentido estrito senón máis á procura dunha reflexión. Certamente coincido en que a resposta está aquí. Como tamén alí e dende alí. Para cando a quietude operacional de proxectos no exterior e unha aposta a serio pola actuación in situ? Se ben é certo; o sistémico e estrutural dan sempre en mostrarse como realidades invisibles e impenetrables na puxa pola dignidade humana, a palma do sistema de cooperación internacional fixo por producir un desarraigamento entre as poboacións que deciden cooperar. Tanto no seo delas propias en canto á definición como suxeitos libres, políticos e humanos, como mulleres e homes. Que modelo de cooperación queremos e como é que o formulamos ou imos seguindo as dinámicas perversas que dende o nacemento da mesma arrastran (unhas veces como motor, outras como a consecuencia?

Como ben dis o cambio está deste lado e do outro, pero tendo en conta dúas cousas que poden parecer antagónicas: que hai unha interconexión moi grande pero que as posicións non son iguais. Isto quere dicir que cando nós mercamos en empresas explotadoras de mulleres e crianzas do Sur estamos creando pobreza, pero que as mulleres do Sur, pola contra, están creando moitas veces dereitos para todas nós, cousa que rara vez se traduce no discurso da cooperación.

É certo que o sistema de cooperación internacional digamos "oficial" tivo efectos moi negativos a todos os niveis, no caso das mulleres é evidente dende os anos 70. Houbo unha importación clara do que nos feminismos do Sur se chaman "patriarcados múltiples", é dicir, o anexar ao patriarcado local o reforzo dun patriarcado que veu co sistema de cooperación (por exemplo expresado no feito de asumir que a tecnoloxía é algo "de homes" e importar esa idea a lugares onde non tiña por que ser así).

En calquera caso, creo que debemos de ter conta á hora de definir as vidas das comunidades do Sur dunha certa maneira (por exemplo, en termos idealizadores de "arraigo" ou "apego á natureza") e deixar que sexan elas mesmas as que se conceptualicen de forma plural porque en toda sociedade, empezando pola nosa, hai correntes de pensamento e de práctica que conviven en cada momento. Esa pluralidade, que para nós é normal, negámola a outros lugares que seguimos conceptualizando polo noso patrón (por exemplo, non falamos en occidente da "situación das mulleres cristiás" pero si falamos das "mulleres musulmás" como se fosen un concepto intelixible). 

Isto entronca con algo que o modelo de cooperación oficial esquece de todo na súa palabrería oca: que a cooperación a teñen que decidir as comunidades do Sur, a sociedade civil do Sur, que son elas as que teñen que marcar o ritmo en colaboración con nós, que nos temos que poñer DETRÁS (nin sequera ao carón). Só desta maneira haberá un proceso de cooperación que teña algún resultado significativo.

No meu caso, tiro moito máis das teorías e prácticas de cooperación feminista que diso que entendemos como "sistema de cooperación ao desenvolvemento", porque este último está enfocado dende unhas prioridades e premisas que me parecen, como a ti, sumamente conflitivas. Creo que o sistema de cooperación ten que aprender deses lugares porque estaría en posición privilexiada para fomentar outras formas de relación entre sociedades e con iso o cambio polo que todas as persoas que queremos un mundo diferente traballamos cada día.

13. É máis doado escribir sobre temas reais ou sobre historias de ficción que non ocorren no día a día?

Todo ten a súa dificultade pero ambas cousas me gustan. Ademais, penso que cando escribo ficción, escribo realidade. Iso si, admito que me resulta máis doado escribir ficción, que son máis libre. No ensaio sinto que me teño que medir máis.

14. Como feminista estás a favor da chamada discriminación positiva?

Estou a favor, si. A discriminación positiva visibiliza que non todas temos o mesmo punto de partida e que a desigualdade é estrutural e como tal, debe traballarse contra ela. O sistema de cotas o que di, por exemplo, é que non é "incapacidade" das mulleres non chegar a certos postos, senón o problema da sociedade que pon atrancos (se non non se entende a maioría de licenciadas e minoría de CEO).

15) Non se pode falar de "discrimación positiva", pois a muller non posúe unha deficiencia conxénita, caso de minusvalías. É o heteropatriarcado o repugnante. (Palabras de Celia Amorós). Digo isto polo termo empregado, que é bastante ferinte.

A terminoloxía é sempre difícil pero para min, por exemplo, "minusvalía" tampouco é un termo válido! Por moito que o diga Amorós e que eu entenda a que se refire.

Outro bo exemplo. O que quería comentar non era o contido, senón o termo "discriminación positiva".

María Reimóndez: "A alternativa somos nós no día a día"