Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-03-29

Declaración institucional en relación ao recente acordo entre a UE e Turquía sobre a expulsión colectiva das persoas refuxiadas en Europa

Persoas refuxiadas en tránsito cara Europa. FOTO: Felipe Carnotto.O pasado 7 de marzo de 2016 asinábase en Bruxelas, no marco do cumio entre a Unión Europea e a República de Turquía, un acordo relativo á relocalización, devolución e confinamento, en territorio turco e noutros países non comunitarios, de aproximadamente 160.000 persoas refuxiadas, actualmente en tránsito en países membros da UE por mor dos conflitos armados e das inestables posguerras (Siria, Iraq, Afganistán), así como doutros problemas de pobreza, de disparidade económica e de desenvolvemento. A cambio, a Unión Europea comprometeuse a acelerar os mecanismos de negociación e futura adhesión turca ao organismo comunitario, da exención de visados na Zona Schengen para a cidadanía turca e da concesión de créditos a Turquía, valorados en 3.000 millóns de euros, ampliables a outros 3.000 millóns a partir de 2018. A propósito do acordo subscrito, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade emite esta declaración institucional de denuncia á aplicación deste acordo vixente desde o pasado 20 de marzo.

Neste sentido, o Fondo Galego de Cooperación anuncia a súa vontade de adherirse aos 11 puntos emanados do texto emitido o 15 de marzo por parte do Congreso dos Deputados do Estado español, aprobado por absoluto consenso por parte das forzas políticas parlamentarias, no que se expresa o rotundo rexeitamento "á adopción de calquera acordo con Turquía que estableza, expresa ou indirectamente, a posibilidade de proceder a expulsións colectivas a territorio turco ou a calquera Estado non membro da UE".

Este texto enfatiza a necesidade de que o acordo entre a UE e Turquía "conteña garantías no cumprimento da legalidade internacional e do respecto aos dereitos humanos", tomando en conta que o mesmo viola sistematicamente tanto a propia normativa comunitaria en materia de asilo e outros dereitos humanos, así como a Convención de Xenebra en materia de refuxiadas/os (1951), non sendo o seu protocolo subscrito por Turquía ata agora. Neste apartado, o goberno turco só recoñece como persoas refuxiadas á cidadanía europea, non así á poboación siria ou afgá.

Reiterando o seu compromiso pola defensa e preservación das liberdades e dos dereitos humanos, da solidariedade, de cooperación e do combate dos factores orixinais que inciden nestas crises humanitarias, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade emite, a través desta declaración institucional, a súa posición de rexeitamento a este acordo, reafirmando os postulados de declaracións anteriores (8 de setembro e 16 de novembro de 2015), redactadas a propósito da crise das persoas refuxiadas sirias e africanas e dos atentados terroristas de París, ampliable agora tamén aos recentes atentados en Bruxelas. O Fondo Galego volve amosar a súa repulsa ante calquera acto terrorista e inxerencia bélica levados a cabo en calquera lugar do mundo.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade considera que: 

1. Desde o 2014 a guerra de Siria é responsable do maior movemento de persoas refuxiadas desde a Segunda Guerra Mundial. A parálise institucional desde aquela altura na Unión Europea e nos seus Estados membros, produto dos xogos de guerra e xeopolítica, afondaron unha crise de persoas refuxiadas que se alimenta non só do conflito sirio, senón tamén do iraquí ou do palestino. Conflitos enquistados onde a participación occidental ten sido abertamente recoñecida, se non promovida. Por tanto, o Fondo Galego interpreta que a actual crise humanitaria é claramente unha consecuencia da implicación dos intereses xeopolíticos por parte dos centros de poder establecidos nos países desenvolvidos, en particular do que coloquialmente se considera como Occidente (EEUU e Europa Occidental), así como doutros con importantes intereses estratéxicos en Oriente Próximo e no espazo euroasiático (Rusia).

2. É por tanto evidente que, ante o agravamento da violencia armada en Siria, particularmente visible tras a intervención militar rusa (setembro de 2015, parcialmente finalizada en marzo de 2016) e francesa (a partir de setembro), as persoas refuxiadas vense na obriga, inalterable e inevitable, de fuxir e buscar un futuro mellor fóra do seu propio fogar. Pero non é só a guerra en Siria, senón tamén o caos libio e o impacto doutros conflitos armados coma o que vive Iemen, que conta coa implicación dun aliado occidental como Arabia Saudita, a través do Consello de Cooperación para os Estados Árabes do Golfo Pérsico. En febreiro, os bombardeos sauditas en Iemen causaron milleiros de vítimas mortais dentro da poboación civil, sendo mais de 500 deles nenas e nenos, unha acción case absolutamente silenciada nos medios informativos occidentais, a diferenza da cobertura mediática dos recentes atentados de París e Bruxelas.

3. Rexeitamos, por tanto, a velada caracterización por parte de determinados sectores da opinión pública europea, no cometido de cualificar ou etiquetar globalmente ás persoas refuxiadas como "potenciais terroristas" ou hipotéticas portadoras de sementes de violencia e radicalización cara Europa, cando é de sobra coñecido que os verdadeiros terroristas funcionan a través de células ben organizadas (a maioría delas xa radicadas en territorio europeo) e que se trasladan e comunican por outros medios.

4. No cometido da crise humanitaria derivada das/os refuxiadas/os sirias/os, resulta inquietante observar a proliferación de medidas restritivas e punitivas en materia de libre circulación de persoas, peche de fronteiras e maltrato aos dereitos humanos das persoas refuxiadas por parte de determinados gobernos europeos (Hungría, Eslovaquia, Polonia, etc.), que violan sistematicamente diversos principios fundamentais da UE e da libre mobilización dentro do espazo Schengen, co silencio e beneplácito do resto dos países que a integran. Así mesmo, hai que facer unha mención especial á situación das nenas e mulleres en tránsito, por estar sendo sometidas a vexacións e violencia sexual como pasaporte para entrar en Europa, segundo teñen denunciado diversas organizacións non gobernamentais. Cabe mencionar tamén os 10.000 menores desaparecidos nesta fuxida cara Europa, vítimas do tráfico de persoas, sen que as institucións europeas teñan tomado partido nesta problemática.

5. Igualmente, resulta de enorme preocupación o ascenso político e electoral de partidos e movementos xenófobos e antiinmigración, como o acaecido co partido Alternative für Deutschland (Alternativa para Alemaña) nas eleccións realizadas en tres länder alemáns o pasado 14 de marzo, motorizados pola crise das persoas refuxiadas.

6. Diante desta situación, o Fondo Galego (expresión organizada do municipalismo galego comprometido cos dereitos humanos desde o 1997) visibiliza o drama humanitario permanente nas fronteiras, particularmente nas europeas, denunciando as gravísimas vulneracións de dereitos humanos coas persoas migrantes, xa sexan refuxiadas ou non. Hoxe hai no mundo máis de 50 millóns de persoas refuxiadas: na República Centroafricana, Sudán do Sur ou Congo, entre os países máis devastados. Hai que lembrar unha vez máis que cando a crise humanitaria actual saia da axenda televisiva, as persoas refuxiadas seguirán aí.

7. O Fondo Galego insta a intensificar unha campaña masiva de difusión e de información sobre esta tráxica realidade, a das persoas refuxiadas e as crises humanitarias, así como a procrear un debate plural e obxectivo sobre as raíces da violencia e do terrorismo.

8. Este debate plural define o obxectivo de fomentar un discurso crítico coa reprodución narrativa realizada por parte dos principais mass media sobre as causas do terrorismo e súa implicación nos conflitos armados, moitas delas caracterizadas pola conveniencia  de reprodución dun imaxinario colectivo que reafirme e lexitime os intereses xeopolíticos dos principais centros de poder, principalmente á hora de actuar militarmente no terreo. As raíces e emanación do terrorismo non é só o Estado Islámico entre Siria e Iraq, é tamén o grupo Boko Haram entre Nixeria e Camerún. Non é só o terrorismo xihadista salafista, é tamén a utilización de mercenarios por parte de empresas privadas de seguridade, moi prolíficas nas posguerras de Afganistán e de Iraq. Non é só Al Qaeda e outras redes terroristas, son tamén a intervención militar unilateral, ilegal e ilexítima, en diversos escenarios de conflito, así como as disparidades socioeconómicas e de desenvolvemento, reproducidas por mor da imposición dun modelo único.

9. O Fondo Galego celebra igualmente a reacción do municipalismo galego e, particularmente, daquelas entidades sociais que no seu momento abriron as portas dos seus Concellos ás persoas refuxiadas e que, no contexto actual, amosan expresións públicas de rexeitamento e denuncia contra este acordo UE-Turquía. Aproveitamos así a ocasión para reflexionar sobre a capacidade crítica e mobilizadora dos poderes descentralizados: temos moito que dicir neste mundo para promover a paz e a xustiza global.

10. O Fondo Galego solicita á Unión Europea unha posición de maior firmeza e celeridade para acometer a crise das persoas refuxiadas, non utilizando pactos e acordos con Estados non membros como Turquía, que sirvan como unha especie de "policías fronteirizos" capacitados para frear o fluxo de refuxiadas/os, principalmente dende Siria e Iraq. Cómpre así fomentar medidas eficaces de promoción da paz e solución de conflitos:  solicitamos compromisos serios e non oportunistas coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos.