Aviso:

[Pechar}


Santiago de Compostela 2017-01-10

O reporteiro Adrián Irago gaña o concurso Imaxes con Fondo cunha fotografía dos refuxiados

- O fotoxornalista vigués obtén unha viaxe a Mozambique para retratar a realidade do país e os proxectos apoiados polo Fondo Galego de Cooperación.
- Os lucenses Evaristo Pardeiro e María Luz Arias acadan o segundo e terceiro premio nunha edición á que se presentaron 84 obras arredor da interculturalidade.

A Executiva do Fondo Galego entregou os galardóns.O fotoxornalista Adrián Irago recibiu hoxe o Primeiro Premio do certame Imaxes con Fondo III pola instantánea 'Arribando en Lesbos' que amosa a chegada dun grupo de refuxiados ás costas gregas, convidando a reflexionar sobre o que a diario acontece no Mediterráneo e a corresponsabilidade de Europa na busca dunha solución. Os lucenses Evaristo Pardeiro e María Luz Arias fixéronse co segundo e terceiro posto retratando a cultura hindú e un campo de refuxiados, respectivamente. A entrega celebrouse esta mañá na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias.

Adrián Irago recibiu de mans do presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, o galardón que se materializará nunha viaxe a Mozambique para realizar un traballo fotográfico sobre a realidade do país lusófono e os proxectos alí apoiados pola entidade organizadora. Daniel Fernández, concelleiro en Cartelle e membro da Comisión Executiva do Fondo Galego, entregoulle a cesta de produtos do Segundo Premio a Evaristo Pardeiro, natural de Mondoñedo e afincado en Lugo, por 'Outra cultura, o mesmo ollar', que pon en valor as tradicións da India e cuestiona o ritmo de vida occidental.

Adrián Irago fíxose co 1º Premio por 'Arribando en Lesbos'.O Terceiro Premio do certame Imaxes con Fondo III devólvenos á fuxida desde Siria con 'Vivindo nun limbo', fotografía que nos fai mirar a través da reixa dun campo de refuxiados para conectarnos coa ollada do neno protagonista. Rocío Fraga, concelleira da Coruña e directiva do Fondo Galego, fíxolle entrega do galardón a María Luz Arias, dotado cun lote de películas de temática social.

Ata 84 obras e 35 participantes
Un total de 84 fotografías presentadas por 35 participantes concorreron ao concurso Imaxes con Fondo, que nesta terceira edición convidaba a reflexionar sobre a interculturalidade. O prazo de recepción de obras pechouse o 15 de novembro e, a continuación, abriuse un período para que as seguidoras e seguidores do Fondo Galego en Facebook puidesen votar as imaxes. As quince obras mellor valoradas foron logo avaliadas polo xurado, conformado por Daniel Fernández, vogal da Comisión Executiva do Fondo Galego polo Concello de Cartelle; Conchi Pernas, técnica do Concello de Burela; Natalia Monje, da ONGD Ecos do Sur, e o fotoxornalista Felipe Carnotto, gañador de Imaxes con Fondo II.