Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2017-02-28

O intercambio de experiencias en Mozambique socializarase na vindeira Asemblea Xeral

Representantes das deputacións e concellos socios do Fondo Galego avalarán o Plan de Actividades 2017 na xuntanza que terá lugar o 15 de marzo, ás 11 horas, en Santiago de Compostela.

As edís galegas coñeceron de primeira man o labor das concelleiras mozambicanas.Tres das catro concelleiras de municipios socios Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que o ano pasado participaron no intercambio de experiencias en Mozambique compartirán as súas vivencias na Asemblea Xeral. O encontro terá lugar na sede da Fegamp (Área Central, Rúa Varsovia, 4C, 6ª planta), en Santiago de Compostela, ás 11 horas en primeira convocatoria e ás 11.30 horas en segunda. A orde do día inclúe tamén a presentación do Plan de Actividades e do orzamento para 2017.

A concelleira de Igualdade de Lugo, Ana G. Abelleira; a de Moaña, María Ortega, e a de San Sadurniño, Ana B. Gundín, que estiveron en terreo canda a edil de Cultura de Verín, Emilia Somoza, exporán as aprendizaxes tiradas da visita, na que asistiron ao encontro da Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique. Porén, tamén tiveron a oportunidade de coñecer o funcionamento do municipio de Mandlakaze da man da súa alcaldesa, María Helena Correia, ou de supervisar o proxecto a prol da saúde infantil e materna financiado á Fundação Encontro.

No entanto, a Asemblea Xeral abrirase ofrecendo o habitual informe de situación do Fondo Galego a cargo do presidente, Juan González, para pasar logo á aprobación do balance económico de 2016. Darase conta a seguir das últimas altas e baixas de socios e, para rematar, presentarase tanto a planificación coma o orzamento previsto para o presente exercicio, no que a entidade cumpre dúas décadas de andaina.

Deste xeito, o Plan de Actividades 2017, titulado “20 Anos a Fondo coa Solidariedade”, inclúe accións de fortalecemento, de sensibilización fronte as desigualdades, de cooperación internacional e de comunicación. Ampliar o número de administracións socias, incrementar a participación e o recoñecemento ou visibilizar o rigor e a transparencia na xestión son algúns dos obxectivos que contempla. Entre as novas actividades, destacan un obradoiro teatral para reflexionar sobre xénero, a exposición arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, o espectáculo de clown sobre fronteiras e refuxio ou a propia conmemoración do vixésimo aniversario.

Convocatoria e orde do día