fondogalego.org • info(arroba)igadi.org • telf. 986 843 436 / 698 144 536 • © 2007-2017 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade Relacións cos medios: 616 145 077 / comunicacion(arroba)fondogalego.org |
|||||
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
||
|
Aviso:
[Pechar}
O persoal das deputacións e concellos socios xa pode presentarse ás Vacacións con Traballo
O programa de voluntariado internacional enviará especialistas en igualdade e traballo social a colaborar durante un mes cos parceiros do Fondo Galego en Mozambique.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de abrir o prazo para que persoal das deputacións e concellos socios se presente ao programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, que este ano oferta senllas prazas para especialistas en igualdade e traballo social en Mozambique. As persoas seleccionadas investirán o seu mes de descanso en cooperar cos parceiros da entidade no país lusófono.
A Fundação Encontro, que atende a menores vulnerables, contará co apoio dun traballador ou traballadora social que asesorará ao equipo tanto na recollida de datos sobre o terreo coma no seu posterior procesamento, co fin de deseñar futuras intervencións destinadas a mellorar a calidade de vida das comunidades, en base ás súas necesidades. A outra praza é para apoiar a Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique, integrada por alcaldesas e concelleiras e que foi creada no seo da Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos. Unha técnica ou técnico de igualdade asesorará na implementación de políticas municipais de xénero, apoiando a elaboración de plans transversais e actividades, así como o fortalecemento da Rede.
Ata o 10 de maio permanecerá aberto o prazo para presentar candidaturas á duodécima edición das Vacacións con Traballo. As persoas interesadas deberán enviar a ficha de solicitude ao enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org, canda o currículo, unha carta de motivación, e mais un escrito de apoio ou consentimento asinado pola política ou político que exerza a respresentación do Fondo Galego no correspondente concello ou deputación. Alén da formación e a experiencia, valorarase a vinculación co eido da cooperación e mais o dominio do galego e do portugués. O programa cubre os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención da viaxe.
As e os participantes nas Vacacións con Traballo achegan asesoramento técnico nos países empobrecidos e intercambian coñecementos, ao tempo que supervisan os proxectos de cooperación internacional financiados e facilitan a colaboración entre o poder local galego e o do país de destino. Ao tempo, enchóupanse da realidade do Sur Global e contribúen a sensibilizar fronte as desigualdades publicando un blog, mentres que á volta se edita un caderno dixital. Un total de 40 empregadas e empregados da administración local participaron desde o ano 2006 nas Vacacións con Traballo.
Bases da convocatoria
Ficha de solicitude
Folleto VcT 2017
Cartaz VcT 2017