Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2017-05-11

O Fondo Galego dinamiza o papel dos municipios nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

- Un ministro de Guinea-Bissau asistirá ás Xornadas ‘Os retos da cooperación municipalista na consecución dos ODS’ o vindeiro 31 de maio en Compostela.
- As vilas e cidades teñen un papel chave no cumprimento destas metas fixadas pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030.

O papel clave que teñen os municipios para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible porase de relevo nas Xornadas 'Os retos da cooperación municipalista na consecución dos ODS' que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza en Santiago de Compostela o vindeiro 31 de maio. Unha delegación ministerial de Guinea-Bissau asistirá ao evento, que contará coa intervención de expertas e expertos de Nacións Unidas, do Instituto Hegoa ou da Comunidade Valenciana.

A finais de 2015, os estados membros da ONU fixaban os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que deben lograrse en 2030, logo de que os anteriores Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio se acadaran só parcialmente. Estas metas buscan erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas, uns ambiciosos propósitos nos que os gobernos locais teñen moito que dicir. De aí que o Fondo Galego, integrado por 89 concellos e tres deputacións, organice unhas xornadas para informar sobre esta axenda internacional, xa que o primeiro paso para cumprila é coñecela.

A sesión inaugurarase ás 9.30 horas na Escola Galega da Administración Pública (EGAP) coa participación de representantes da Xunta de Galicia, da Fegamp, do Concello de Santiago e da asociación organizadora. Entre os relatores da mañá, atópase o Director Xeral de Cooperación e Solidariedade da Comunidade Valenciana, Federico Buyolo, quen presentará o inspirador exemplo do traballo que os municipios valencianos están a realizar arredor dos ODS, onde destaca a constitución da Alianza de Cidades polo Desenvolvemento Sostible.

No entanto, a primeira conferencia do día versará sobre 'As entidades locais como axentes de cooperación', e correrá a cargo da doutora en estudos sobre desenvolvemento Irati Labaien, do Instituto Hegoa da Universidade do País Vasco.  Seguiralle a intervención do presidente da Fundación Municipalistas pola Solidariedade (Musol), Rafael García, que falará sobre 'As entidades locais e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible'.

O labor dos 'Municipios como receptores da cooperación ao desenvolvemento' abordarao Iván Arizcurinaga, consultor do Programa de Gobernación e Desenvolvemento Local de Guinea-Bissau, impulsado polo Plan de Desenvolvemento de Nacións Unidas. O convidado forma parte da delegación encabezada polo ministro de Administración Territorial do país africano, Sola Naquilin, que chegará a Galicia días antes acompañado por outros altos cargos co obxectivo de coñecer diversas experiencias de desenvolvemento local e ordenamento do territorio. As liñas estratéxicas do Fondo Galego para a presente lexislatura oriéntanse a profundar na colaboración cos países lusófonos da África máis empobrecida.

Tanto persoal político e técnico das deputacións e concellos socios do Fondo Galego coma o daquelas administracións locais que aínda non o son está convidado a esta sesión formativa. As xornadas van dirixidas asemade a outros axentes de cooperación, nomeadamente as ONGD, aínda que tamén están abertas á asistencia da cidadanía en xeral que teña interese na temática. A inscrición é de balde e pode formalizarse no enderezo electrónico acorzo@igadi.org ou no teléfono 986 843 436.

ODS 11: Cidades e comunidades sustentables
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible -que abranguen grandes temas coma o xénero, a saúde, a educación, o medio ambiente ou a paz- inclúen indicadores que entroncan coas competencias locais, pero ademais o ODS número 11 pretende especificamente "lograr que as cidades e os asentamentos humanos sexan inclusivos, seguros, resilientes e sostibles". Deste xeito, os gobernos municipais poden tomar medidas para o cumprimento interno destas metas, aliñando as súas políticas públicas coa nova axenda do desenvolvemento, nas súas tres vertentes: económica social e ambiental. No entanto, tamén poden contribuír á súa consecución nos lugares máis desfavorecidos a través da cooperación internacional e da participación en redes coma o Fondo Galego.

Programa
Cartaz
Banner