Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2017-05-18

A Tropa de Trapo xira con tres espectáculos de contos con valores por concellos do Fondo Galego

- 'Contamos todas', centrado na igualdade de xénero, e 'Ti tamén contas' levan aparellados obradoiros participativos para facer reflexionar ao alumnado.
- 'Antía, Wamba e o regato pequeno' ofértase ás novas administracións locais que este ano se asocien ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A Tropa de Trapo percorrerá nos meses vindeiros máis de vinte concellos socios do Fondo Galego de Cooperación.A Tropa de Trapo levará este ano algún dos seus tres espectáculos de contos con valores a máis de vinte concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A compañía compostelá mestura as historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar á rapazada.

Por primeira vez representarase para administracións locais asociadas ao Fondo Galego o espectáculo 'Contamos todas', centrado na desigualdade e na violencia de xénero. A sesión ábrese cos contos 'As mulleres de Torneiros' e 'Liberia', exemplos de vida, de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións. Historias para pensar, exemplos de empoderamento, rebeldía, equidade e superación. A actividade leva aparellado un obradoiro no que se contará coa opinión do alumnado, para rematar representando as súas propias propostas mediante o emprego de técnicas do Teatro da Oprimida.

A xira dará comezo o 19 de maio en Xove e recalará logo nos municipios de Valga, Silleda, Lousame, O Barco, Carballo, Monforte, Burela, Tomiño e Malpica. Outros dez concellos acollerán o espectáculo 'Ti tamén contas' onde as historias 'O home feliz', 'A pelota' e  'Tumbé', permiten introducir cuestións coma o materialismo, o traballo infantil ou as catástrofes naturais. A seguir, debátese co alumnado arredor da relación entre a abundancia e a felicidade, o consumo responsable ou a importancia da cooperación, sempre a través de dinámicas activas. Tras o arranque en Barro o 26 de maio, a actividade pasará por Boiro, Corcubión, Mugardos, Moaña, Soutomaior, Cambados, Arteixo, Vilagarcía e Pontedeume.

Por último, a proposta 'Antía, Wamba e o regato pequeno' representarase naqueles concellos que este ano se sumen ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A obra está protagonizada por unha nena galega e un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese con regatos pequenos.

A Tropa de Trapo
Marta Ortiz e Brais das Hortas levan dez anos percorrendo a xeografía galega como A Tropa de Trapo, un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos. Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. Por un lado, ritmo, música, narración áxil e pingas de humor. E, por outro, a convicción profunda da necesidade de falar de valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade.