Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2017-06-19

Estréase un novidoso espectáculo teatral polo Día Mundial das Persoas Refuxiadas

- Pallasos en Rebeldía creou a obra 'O valo' para os concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a partir dun texto de Carlos Labraña.
- Unha nena que foxe da guerra e un rapaz soldado protagonizan a proposta, que se representará por primeira vez este mércores nun centro educativo de Poio.

Un rapaz soldado e unha nena refuxiada protagonizan a obra.Promover a reflexión sobre as fronteiras e a situación das persoas refuxiadas é o obxectivo do novo espectáculo teatral creado por Pallasos en Rebeldía para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A peza 'O valo' estrearase en Poio na semana en que se conmemora o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, fixado pola ONU no 21 de xuño. A representación terá lugar concretamente o mércores 21, ás 11 horas, no CEIP de Lourido. A proposta percorrerá en total dez concellos socios do Fondo Galego co fin de evitar o esquecemento das guerras e da xente que delas foxe, ao tempo que se convida a transformar a realidade pensando un mundo diferente.

O actor Fran Rei e a actriz Saleta Fernández, baixo a dirección de Iván Prado, interveñen no espectáculo 'O valo', baseado no texto homónimo que lle valeu a Carlos Labraña o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. A proposta representa o encontro entre unha nena que escapa da guerra e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles. Cómpre ter en conta que o conflito en Siria obrigou a máis de cinco millóns de persoas a abandonar o país na procura de refuxio noutros lugares, entre as que se achan moitas menores. 'O valo' é unha obra escrita en homenaxe a todas elas, para que as teñamos presentes e as súas vidas constitúan o xerme da loita contra todos os valados, muros e fronteiras que separan os seres humanos.

Poio, Laxe, Redondela, San Sadurniño, Ames, A Guarda, Caldas, Ourense, Cabanas e A Coruña son os municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que acollerán antes de finais de ano esta actuación, cofinanciada pola Xunta de Galicia. Pallasos en Rebeldía defínese coma un espazo do teatro galego para traballar a cooperación internacional a través da risa. Xurdida nunha visita a Chiapas en 2004, considera que o clown desenvolve unha función protectora de valores sociais como a crítica, o dereito a rir que tamén teñen as persoas máis desfavorecidas ou a superación dos nosos complexos mediante a cura da gargallada.