Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2017-06-22

Ábrese a convocatoria de proxectos para ONGD galegas

Está dotada con 150.000 euros para intervencións de ata dous anos.

O abastecemento de auga e saneamento é un dos sectores de actuación prioritarios.As ONGD con sede ou delegación en Galicia teñen de prazo do 23 de xuño ao 22 de xullo para presentar proxectos de cooperación ao desenvolvemento á convocatoria de subvencións lanzada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. As propostas aprobadas levarán aparellada unha actividade de sensibilización que se deseñará a posteriori.

A principal novidade respecto da última convocatoria de 2014 é a dotación orzamentaria, que sube un 50% ata situarse nos 150.000 euros, de xeito que se financiarán actuacións de entre un e dous anos de duración que darán inicio o 1 de xaneiro de 2018, cun máximo de 50.000 euros por proxecto. Cada entidade poderá presentar ata dúas propostas, individuais ou en agrupación, aínda que só se subvencionará unha. O Fondo Galego asumirá como máximo o 95% do custo total do proxecto.

As ONGD que concorran deberán contar con presenza real en Galicia desde hai polo menos dous anos, así como cunha experiencia mínima de doce meses no país e no sector de actuación. Estes países han de ser os establecidos como prioritarios polo Fondo Galego (lusófonos, Cuba e Nicaragua), os que figuran no III Plan Director da Cooperación Galega ou aqueles que teñan un IDH medio ou baixo, especialmente os Países Menos Adiantados (PMA).

En canto aos sectores preferentes, destacan o desenvolvemento socioeconómico local, participación social, bo goberno, fortalecemento institucional, apoio aos procesos de descentralización, empoderamento das mulleres, agricultura, desenvolvemento rural, abastecemento de auga e saneamento e mais servizos e infraestruturas sociais. Fican fóra desta convocatoria as accións de axuda humanitaria ou de carácter asistencial.

Ábrese a convocatoria de proxectos para ONGD galegas