Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2017-07-27

IAF 146: Guinea-Bissau interésase polas iniciativas de desenvolvemento local en Galicia

O percorrido que un ministro guineano realizou por varios concellos socios foi unha das principais novidades do Fondo Galego de Cooperación no segundo trimestre do ano. O último número do boletín 'Infórmate a Fondo' dá conta asemade das Xornadas sobre os ODS, entre outras actividades de sensibilización, e do próximo proxecto en Mozambique.

Imos xa por 146 edicións do boletín 'Infórmate a Fondo', que nesta ocasión recolle todo o acontecido no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade durante o segundo semestre do ano. Abre a publicación electrónica a intensa visita dunha delegación ministerial de Guinea-Bissau para coñecer iniciativas de desenvolvemento local e ordenamento do territorio. Ao tempo, ocupan un espazo destacado as Xornadas 'Os retos da cooperación municipalista na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible', ás que acudiron medio cento de representantes das deputacións e concellos socios.

A estrea da exposición '20 Anos a Fondo coa Solidariedade', que conmemora dúas décadas de andaina da nosa entidade, ou a nova xira da Tropa de Trapo, con tres espectáculos de contos con valores, centran outras das novas deste IAF, que se complementan cunha entrevista á vicepresidenta da Deputación da Coruña e vogal da Comisión Executiva, Goretti Sanmartín. A incorporación de novos municipios ao Fondo Galego, como son Miño e A Pastoriza, e mais a lembranza da colaboración desinteresada do homenaxeado no Día das Letras Galegas, Carlos Casares, están tamén presentes.

Por último, a sección dedicada aos proxectos en terreo protagonízana as novas actuacións que levaremos a cabo coa Fundação Encontro en Mozambique. O obxectivo é reducir os factores de risco que poden abocar á xente nova a contraer adiccións, doenzas ou embarazos precoces. O deporte, nomeadamente o atletismo e o fútbol, será a principal alternativa de lecer que se ofrecerá á mocidade, incentivando a participación e liderado das rapazas.

Descarga o boletín en PDF