Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2017-08-11

Dezaseis ONGD presentan 17 proxectos no Sur á convocatoria do Fondo Galego

A Asemblea Xeral resolverá no último trimestre que actuacións se cofinancian.

Os proxectos serán avaliados por unha comisión técnica antes de someterse á aprobación da Asemblea Xeral.Dezaseis ONGD con sede ou delegación en Galicia concorreron á convocatoria de proxectos de desenvolvemento aberta polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade neste ano 2017. O prazo de entrega das propostas pechouse o pasado 22 de xullo, cun total de 17 proxectos recibidos. Estas cifras supoñen un lixeiro incremento respecto da convocatoria de 2014, na que 14 entidades presentaron 15 propostas.

As organizacións non gobernamentais que enviaron as súas solicitudes son a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), Municipalistas por la Solidaridad y el Fortalecimiento Institucional (Musol), Fundación Madreselva, Cooperación Internacional ONG,  Solidariedade Internacional de Galicia, Sólida Asociación de Cooperación ao Desenvolvemento, Fundación Mujeres, Enxeñería sen Fronteiras Galicia, Médicos del Mundo, Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), InteRed, Implicadas no Desenvolvemento, Fundación Alaine, Arquitectura sen Fronteiras, Miradas al Mundo agrupada con Ecos do Sur e Fundación Taller de Solidaridad.

As intervencións concéntranse nun total de oito países e unha área xeográfica: Guatemala (4), Nicaragua (3), Guinea Bissau (2), El Salvador (2), Honduras (1), India (1), Benin (1), Ecuador (1), Bolivia (1) e Centroamérica (1). Os eidos de actuación nos que se encadran son principalmente abastecemento de auga e saneamento, desenvolvemento rural e educación, seguidos do dereito á comunicación, saúde, loita contra a violencia de xénero, apoio a institucións de mulleres, Dereitos Humanos, participación no desenvolvemento rural, xestión do recurso hídrico e mais xeración e subministro de enerxía.
 
As bases da convocatoria presentáronse ante a Coordinadora Galega de ONGD no Consello Municipalista de Cooperación, órgano consultivo do que están convidados a participar os axentes do sector. Agora, unha comisión técnica constituída por representantes de diferentes deputacións e concellos encargarase de avaliar as propostas, aínda que será a Asemblea de socios quen aprobe a resolución da Comisión Executiva no último trimestre do ano.

O Fondo Galego destinará 150.000 euros a subvencionar a execución de proxectos de desenvolvemento nos países do Sur de xeito indirecto, é dicir, a través de ONGD galegas e os seus parceiros sobre o terreo. Esta contía supón un aumento do 50%, de xeito que se financiarán actuacións de entre un e dous anos de duración que darán inicio o 1 de xaneiro de 2018, cun máximo de 50.000 euros por proxecto.